En febreiro de 2010 o pleno do Parlamento dáballe luz verde a unha iniciativa do PSdeG para iniciar unha das operacións lexislativas máis prometidas pero que semellaba eternamente pendente, a reforma da lei de creación da Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG). Apelando a factores como a "pluralidade", a "desgobernamentalización" e tamén a posta ao día dende o punto de vista económico e tecnolóxico a proposta socialista servía de base para que os tres grupos da Cámara constituísen un relatorio conxunto que, nun pouco habitual exercicio de consenso, pactou tamén o seu plan de traballo e se puxo a traballar case de inmediato. Algo máis dun ano despois, en novembro de 2011, a nova lei vía a luz apoiada xa non nas tres, senón en dúas das forzas parlamentarias. Tras unha xuntanza entre o presidente da Xunta e o secretario xeral do PSdeG populares e socialistas pactaban o texto da nova lei dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, unha norma que, sinalaban, blindaba o carácter "público" da compañía, ademais de garantir a súa independencia dende o punto de vista político. Seis meses despois, a lei xa se incumpre.
A nova dirección da compañía e o seu mandato marco tería que ter sido aprobada antes do domingo 17 de xuño
De seis meses foi precisamente o prazo establecido para comezar a renovación da Televisión de Galicia e da Radio Galega nun dos seus puntos máis significativos, os órganos de dirección. Na disposición transitoria cuarta da nova lei ficaba claro que a "elección da directora ou do director xeral", así como dos "demais membros do consello de administración deberá realizarse no prazo máximo de seis meses dende a entrada en vigor desta lei". Ese horizonte temporal superouse o pasado domingo, 17 de xuño. Este atraso non supón, cando menos de momento, un bloqueo á nova estrutura dos medios públicos, xa que o "nomeamento" da nova figura directiva non se producirá, segundo a lei, ata que "a corporación adquira personalidade xurídica", isto é, ata que todas as empresas que forman a CRTVG estean transformadas nun único ente. Non obstante, o incumprimento si adquire relevancia dende o punto de vista político.
Pero este incumprimento non é o primeiro. O segundo punto desta mesma disposición transitoria cuarta indicaba tamén que "no prazo dun mes" dende a entrada en vigor da lei -o 17 de decembro- a Mesa do Parlamento "aprobará, consonte ao Regulamento da Cámara, as normas reguladoras do procedemento para a elección da directora ou do director xeral e dos membros do consello de administración". Estas normas xa viron a luz pero non cando correspondería, a mediados de xaneiro, senón que non foron aprobadas ata o 5 de marzo. Ademais, "antes da expiración" deste mesmo prazo "dous grupos parlamentarios ou unha quinta parte dos membros da Cámara" deberían ter "solicitado aos órganos competentes na orde do día do pleno" a "elección dos devanditos órganos da corporación", algo que tampouco sucedeu.
A lista de preceptos legais pasados por riba ten aínda outro elemento, se cadra menos simbólico que os anteriores pero probablemente máis transcendente para o futuro dos medios públicos. Atendendo á nova lei nos mesmos seis meses e, polo tanto, antes do pasado domingo, debería ter sido "tramitado e aprobado" no Parlamento "o primeiro mandato marco" da nova CRTVG, o documento que debe establecer "os obxectivos xerais da función de servizo público que debe cumprir a corporación". Se ben a nova lei non estipula que organismo debe elaborar ese mandato -só se refire a que "debe ser aprobado polo Parlamento por unha maioría de dous terzos" e, se non se acada, de "dous quintos"-, é a Xunta a que o está a redactar como paso previo ao seu envío á Cámara. Nunha recente comparecencia parlamentaria o aínda director xeral da compañía, Alfonso Sánchez Izquierdo, confiaba en que "debería haber" mandato marco antes do remate do presente mes de xuño. En todo caso e aínda que así sexa, tamén neste punto a nova lei foi xa obviada.