"No caso de Galicia, non afecta nada". A vinte e catro horas de que a maioría absoluta do PP no Congreso dos Deputados modifique a Lei Xeral de Comunicación Audivisual para abrir de par en par a porta á privatización ou mesmo á desaparición das televisións autonómicas o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, expresábase con esta rotundidade a respecto da influencia da nova normativa en Galicia. Despois de que a pasada semana o PP evitase no Parlamento ratificar o carácter público da Televisión de Galicia e da Radio Galega por ser xa "evidentes" a Sánchez Izquierdo tocoulle pasar tamén pola Cámara para presentar o seu informe sobre a execución de servizo público correspondente a 2011. O directivo amosou preocupacións diversas, como a crise xeral, a caída do mercado publicitario ou mesmo os cambios tecnolóxicos. Pero en ningún caso pola supervivencia do ente nin pola súa continuidade como corporación pública, asegura.
A CRTVG rematou 2011 con 0,4 millóns de déficit e Sánchez Izquierdo cre que a súa "rendibilidade social" é "excelente"
Cun optimismo pouco habitual nos tempos habituais Sánchez Izquierdo asegura non ter "ningunha información" que o faga pensar en que os "procesos privatizadores" vaian alcanzar a CRTVG, que no presente ano manexa un orzamento de 117 millóns de euros. "Aínda baixo un entorno económico rapidamente cambiante" no que "a caída de ingresos" se combina co "incremento de custos" o director xeral apóiase en factores como o "incremento da produción propia" e a "mellora da produtividade" para presumir de contas saneadas "sen mancar a función de servizo público". Así, no pasado exercicio os medios públicos galegos lograron un "resultado orzametario positivo", cun superávit de 0,4 millóns de euros e un endebedamento bancario de 3,7 millóns, o que supón "un 87,10% menos" de débedas a respecto de 2010 e unha cifra case residual se é comparada, por exemplo, cos máis de 1.000 millós que debe o valenciano Canal 9 ou os máis de 200 de Telemadrid.
A CRTVG xa está practicamente "saneada" no referido á súa "estrutura financeira", asegura Sánchez Izquierdo, e conségueo tendo a radio e a televisión públicas "con menor custo por habitante das que emiten en lingua propia", con 33,4 euros por habitante e ano, no caso da TVG, e 3,2 euros para a RG. "A súa rendibilidade social é excelente", salienta, nun contexto no que considera "fundamental a defensa dunha televisión pública que dote o mercado de todo o que carace", a comezar por unha "referencia informativa onde prime a proximidade e o tratamento imparcial e un modelo de defensa da lingua e da cultura galegas".
"Triunfalismo ostentoso" e "criterios partidistas"
O optimismo de Sánchez Izquierdo non é compartido dende as bancadas da oposición parlamentaria, dende as que se detecta máis ben "autocompracencia". Para o nacionalista Bieito Lobeira o máximo responsable da CRTVG desprega no lexislativo un "triunfalismo ostentoso" e "acrítico" que "non ten nada que ver coa pobre realidade que padecen este país" e a propia compañía. Mágoa, di, que "a crónica que se trasladará a través deses medios de titularidade de momento pública ofrecerán outra visión, a que vostede traslada", a "dunha Galiza paradisíaca", di o nacionalista.
Lobeira: "Ten unha hipertrofia gobernamental obsesiva, non informan, deforman e manipulan a realidade"
Para Lobeira o feito de que se acadase superávit non é tanto froito dunha boa xestión como de fortes recortes. Malia non ter a CRTVG os "obxectivos de calquera empresa privada" o parlamentario do Bloque cre que os resultados do balance económica foron logrados "facendo caer os investimentos e degradando o servizo", en definitiva, "perdendo calidade" con operacións como "repetir ata a saciedade Pratos combinados", exemplifica. Tamén dende o PSdeG o seu voceiro, Juan Carlos Francisco, lamenta que Sánchez Izquierdo se limite a gabarse do "mero equilibrio contable", porque por tras deste hai "recortes" na "modernización tecnolóxica" da compañía e na "calidade da programación" da radio e da televisión.
E se as dúas formacións da oposición parlamentaria coinciden na diagnose económica tamén o fan na informativa. Para Lobeira o ente segue a estar "controlado politicamente" e "ao servizo do proxecto político do PP", o que non implica que "teña que saír sempre o PP como organización". Trátase, di, dunha "hipertrofia gobernamental, continua e obsesiva" que fai que os medios públicos "non informen" senón que "deformen". "Manipulan a realidade, atacan e censuran o discrepante", reprocha. Para iso, di, "non contan o que pasa en Galiza" senón "o que di que fai o PP" e "cárganse debates políticos" para "substituílos por ese Foro Alberto onde se escolle unha serie de expertos en función do criterio político do PP".
O PSdeG reclama a aplicación da nova lei da CRTVG, pactada co PP a finais de 2011
Neste sentido tamén o socialista Rivera coida que os medios públicos se "seguen a rexer por criterios netamente partidistas", mesmo deixando de lado a nova lei da compañía pactada por PP e PSdeG a finais de 2011. "Bótase en falta que non se dese paso ningún para facer realidade o que pon esa lei" e así "garantir a obxectividade e a independencia da información". Así, por exemplo, aínda non foi creado o preceptivo consello de informativos nin foron adiante outras medidas encamiñadas a "quitarlle o mando a distancia ao Goberno de turno". Fronte á súa extensión no resto de ámbitos, neste asunto Sánchez Izquierdo foi parco en palabras por "non estar en condicións de achegar moito máis". "É un debate recorrente", xa foron "trasladadas as visións distintas" en "diferentes ocasións" e "non teño máis nada que engadir", concluíu.