Condena ao Porto de Ferrol, dirixido polo PP, por vulnerar a dignidade dun empregado, alcalde socialista de Miño

O presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol, Francisco Barea, á dereita, con varios cargos da Xunta e o PP, e sentenza que condena a vulneración de dereitos fundamentais do alcalde de Miño, traballador portuario CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

O TSXG considera que Manuel Vázquez Faraldo, traballador portuario desde 1993 e alcalde desde 2019, foi degradado e trasladado de despacho polo presidente, Francisco Barea, cun procedemento que atacou "a súa dignidade e honorabilidade"

A Autoridade Portuaria de Ferrol, controlada polo PP e presidida desde 2021 por Francisco Barea Paz, vén de ser condenada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) por vulnerar dereitos fundamentais do alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, do PSdeG, traballador desa entidade desde 1993. Vázquez Faraldo foi degradado por Barea Paz cun procedemento que menoscabou "a súa dignidade e honorabilidade" e o tribunal condena á Autoridade Portuaria a repoñelo no posto anterior e indemnizalo con 10.000 euros. Faino nunha sentenza agora feita pública con data do 27 de marzo que ratifica completamente outra previa dun xulgado do Social de Ferrol que deu a razón á demanda presentada por Vázquez Faraldo contra a Autoridade Portuaria.

Manuel Vázquez Faraldo, alcalde de Miño polo PSdeG e traballador desde 1993 da Autoridade Portuaria de Ferrol © Concello de Miño

Segundo o relato de feitos probados, Vázquez Faraldo, licenciado en Económicas, é empregado da Autoridade Portuaria de Ferrol desde 1993, e desde 2006 era xefe da Área Económico-Financeira, con seis persoas subordinadas. 

Desde 2019 é alcalde de Miño polo PSdeG, mentres que, segundo salienta a sentenza, "a presidencia da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao é un cargo de libre designación, actualmente ocupado pola persoa designada polo goberno da Comunidade Autónoma de Galicia, que, como é sabido, desde hai moitos anos está gobernada polo PP". Esa presidencia ocúpaa desde 2021 Francisco Barea, que antes foi director do Instituto de Estudos do Territorio da Consellería de Medio Ambiente.

A sentenza reflicte que Vázquez Faraldo, que non foi apercibido ou amoestado durante toda a súa vida laboral na Autoridade Portuaria, presentou en marzo de 2022 un escrito á Autoridade Portuaria "denunciando unha posible situación de acoso laboral no que alega denegacións inxustificadas de permisos para cumprir o deber inexcusable legalmente das súas funcións como alcalde de Miño, sen que ata a data se lle contestase". Posteriormente, o 30 de decembro de 2024 o presidente da Autoridade Portuaria comunicoulle por notificación electrónica o seu cambio de "funcións, posto e lugar de traballo".

O presidente do porto de Ferrol, á esquerda, con cargos da Xunta CC-BY-SA Xunta de Galicia

Vázquez Faraldo pasou de ser xefe da Área Económico-Financeira, con seis persoas ao seu cargo, á Área de Captación de Axudas Públicas e Estudos Económicos, sen función definida e sen subordinados. Uns días despois, o 8 de xaneiro de 2025, comunicáronlle por correo electrónico que tamén debía cambiar de lugar de traballo, pasando a un despacho noutro edificio no que nos primeiros días non contou con teléfono fixo.

A xustiza di que "existiu un baleirado de funcións que, sen dúbida, atenta contra a dignidade" do socialista, do que "agora xa non se sabe cales son as funcións que ten"

O TSXG concorda coa primeira maxistrada que analizou o caso en que "existiu un baleirado de funcións que, sen dúbida, atenta contra a dignidade do demandante" ao aplicarlle unha modificación substancial de condicións de traballo sen preaviso e sen acreditar "causas técnicas, económicas ou organizativas que avalen a modificación de funcións levada a cabo". Foi "un detrimento no seu status profesional" xa que era "un piar económico da empresa" e "tiña baixo a súa supervisión millóns de euros" mentres que "agora xa non se sabe cales son as funcións que ten o demandante, pero foi trasladado a outro edificio e a outro despacho, mentres que os outros dous xefes de área emprázanse no edificio principal, e nos seis meses transcorridos entre a remuda e a celebración do xuízo non recibiu visita algunha".

Sala de vistas na sede do Tribunal Superior de Xustiza © TSXG

"Resulta acreditada a degradación da persoa do traballador", di o TSXG, que considera que a decisión do presidente da Autoridade Portuaria "sen dúbida menoscaba a súa dignidade e a súa honorabilidade"

O tribunal conclúe que "resulta acreditada a degradación da persoa do traballador, por canto non só consta que xa non realiza as funcións de dirección e de alta responsabilidade que antes tiña, senón que ademais nin sequera consta claramente cales son as funcións que agora desempeña, o que sen dúbida menoscaba a súa dignidade e a súa honorabilidade, así como o respecto profesional que merece ante os seus compañeiros e ante os seus xefes". Por iso, ante a vulneración dos seus dereitos fundamentais, a xustiza condena á Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao a reintegralo nas súas anteriores condicións laborais e indemnizalo con 10.000 euros polo prexuízo moral causado. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.