O Goberno galego mantivo cinco anos como autónoma e bolseira a unha muller á que advertiu que cesaría se pedía que a fixesen indefinida, como así sucedeu. Agora, o Tribunal Superior ampáraa
“O cesamento é represalia fronte a aquela reclamación e polo tanto o despido é nulo”. Así se pronuncia o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ao analizar o caso dunha muller á que a Xunta mantivo cinco anos traballando para ela como autónoma e bolseira e á que advertiu de que se reclamaba ser feita traballadora indefinida sería despedida. Así sucedeu, pero a xustiza anula ese cesamento, obriga á administración a readmitila “inmediatamente” e a indemnizala polos “danos e prexuízos” que supuxo a súa “vulneración do dereito fundamental á tutela xudicial efectiva”.
A traballadora comezou a prestar servizos para a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) en abril de 2014 como autónoma e desde 2016 como bolseira. Como autónoma emitiu numerosas facturas, varias delas sucesivas por importes idénticos equivalentes a un salario convencional, e como bolseira obtivo esa condición en varias convocatorias seguidas.
Tras cinco anos nesas condicións, a traballadora presentou unha reclamación administrativa ante a EGAP solicitando o recoñecemento da súa condición de persoal laboral indefinido con antigüidade desde abril de 2014. Dous días laborables despois “foi convocada a unha reunión coa Secretaría Xeral e a Dirección da EGAP, na que lle comunicaron que, de manter a reclamación previa presentada, tería que cesar na prestación de servizos”. O día seguinte a traballadora “comunicou á Dirección da EGAP que mantería a reclamación previa, e ese mesmo día a Dirección da EGAP comunicoulle verbalmente o seu cesamento”.
A traballadora foi despedida o mesmo día en que informou á dirección da EGAP de que mantiña a súa reclamación para que se recoñecese a situación laboral á que tiña dereito
A traballadora recorreu á xustiza e un xulgado do Social de Santiago deulle a razón e obrigou á Xunta a readmitila e indemnizala por danos e prexuízos, pero o Goberno galego recorreu a sentenza. Agora o TSXG aválaa e ratifica que a muller estaba integrada sometíase aos horarios e instrucións da EGAP, utilizaba os medios desa entidade, solicitaba permisos e vacacións á mesma e concatenou a prestación de servizos como autónoma ou como bolseira “realizando baixo ditos vínculos as mesmas actividades sempre, polo que se constata a existencia da fraude de lei” na súa contratación.
Esta nova sentenza ratificada polo TSXG é unha máis das numerosas vén recibindo a Xunta sobre o seu xeito de xestionar o persoal público, en particular por vulnerar o que se denomina “garantía de indemnidade”
Nesa situación, di o TSXG, “no presente caso constátase que tras a reclamación administrativa previa pola actora para declaración de indefinición da súa relación laboral foi convocada a unha reunión onde se lle advertiu das consecuencias de tal reclamación, o que implica que o cesamento é represalia fronte a aquela reclamación e polo tanto o despido é nulo”.
Esta nova sentenza ratificada polo TSXG é unha máis das numerosas vén recibindo a Xunta sobre o seu xeito de xestionar o persoal público, en particular por vulnerar o que se denomina “garantía de indemnidade”, que prohibe as represalias contra os traballadores por reclamar os seus dereitos. Hai algo máis dun ano o mesmo TSXG xa condenou á Xunta por despedir unha interina despois de que esta reclamase un plus de perigosidade. Naquela sentenza o tribunal mesmo chegou a cualificar de “irrisoria” a argumentación empregada pola Xunta de que non podía aclarar os motivos do despedimento amparándose na protección de datos, polo que a sentenza concluíu que realmente fora despedida como "represalia por exercitar os seus dereitos".