O Tribunal Superior considera que o Goberno galego vulnerou “o dereito fundamental da traballadora á tutela xudicial efectiva proclamado na Constitución” ao cesala tras reclamar no xulgado un plus de perigosidade
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de condenar á Xunta a readmitir a unha traballadora interina á que despediu despois de que esta reclamase xudicialmente melloras salariais. A sentenza considera que existen “indicios suficientes de que o cese da traballadora se deriva unicamente dunha represalia por exercitarse pola actora unha acción xudicial tendente ao recoñecemento dos seus dereitos” e reprocha ao Goberno galego que tras o despedimento hai “motivos que supoñen a vulneración do dereito fundamental da actora á tutela xudicial efectiva proclamado no artigo 24 da Constitución”. O tribunal chega a cualificar de “irrisoria” a argumentación empregada pola Xunta de que non podía aclarar os motivos do despedimento amparándose na protección de datos.
A sentenza do TSXG, con data do pasado 19 de setembro e á que vén de ter acceso este diario, analiza feitos ocorridos a finais de 2017 e comezos de 2018. A muller en cuestión viña traballando desde 2014 para a Consellería de Política Social como ordenanza nunha residencia de maiores cando, a finais de 2017, aceptou trasladarse como interina a outro posto vacante, tamén como ordenanza pero con salario superior, nun espazo cultural. En xaneiro de 2018 a traballadora interpuxo dúas demandas contra a Xunta reclamando un plus por perigosidade e en abril a Consellería de Cultura cesouna argumentando só “fin da interinidade”, pero sen xustificar que o seu posto fose cuberto por outra persoa que obtivese esa praza.
En febreiro de 2019 un xulgado do Social estableceu que o despido fora nulo porque se debera a unha represalia contra a traballadora, pero a Xunta recorreu e agora o TSXG ratifica aquela condena e ordena á Consellería de Cultura readmitir á traballadora “no seu posto de traballo nas mesmas condicións que rexían antes do cese, con abono dos salarios de tramitación devengados no seu caso”. O TSXG tamén condena á Xunta a asumir 600 euros de costas procesais.
O tribunal chega a cualificar de “irrisoria” a argumentación empregada pola Xunta de que non podía aclarar os motivos do despedimento amparándose na protección de datos
No seu recurso, a Xunta salientou que o despido da traballadora produciuse tres meses despois de que esta demandase as súas melloras salariais, argumentando que “se tivese ánimo de represalia, faríao ipso facto e non esperando un lapso de meses”. Igualmente, o Goberno galego intentou xustificar que no suposto cese por ocupación desa praza interina por outra persoa non identificou nin que proceso de selección se seguira nin quen fora o novo adxudicatario da praza porque eses serían “datos protexidos”. Pero o TSXG considera ese argumento humorístico.
O Tribunal Superior censura que a Xunta “non aportou nin a mínima proba xustificativa do cese da actora, sendo irrisoria a invocada alegación sobre a protección de datos, que sabido é que non se dá cando a súa achega se fai ante os Tribunais de Xustiza, e nada acreditou ao respecto”. Ante a incapacidade da Xunta de xustificar que o cesamento se debeu realmente ao fin da interinidade por cubrirse a praza con outra persoa, o tribunal considera “innegable que a súa reclamación [de melloras salariais] tivo como consecuencia inmediata a adopción de dita decisión de cesala como interina”.