“Fraude de lei”, “abuso de dereito”, “manifesta desviación de poder”, “arbitrariedade”, “raiana, incluso, na prevaricación”. Son algúns dos cualificativos contra o Goberno galego que emprega o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) nunha sentenza que vén de confirmar unha condena ao Sergas polo despedimento dunha traballadora. A Xunta, din os maxistrados, “forzou” a unha funcionaria a reincorporarse das súas vacacións para poder despedir así a súa substituta temporal e logo tentou “terxiversar a contrastada realidade dos feitos”.
O Sergas “forzou” a unha funcionaria a reincorporarse das súas vacacións para despedir a súa substituta e logo tentou “terxiversar a contrastada realidade dos feitos”, din os maxistrados
A sentenza do TSXG, emitida o pasado 28 de febreiro pero non divulgada e á que agora ten acceso este diario, rexeita un recurso presentado polo Sergas contra outra sentenza previa do xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Vigo que xa dera a razón á traballadora temporal despedida pola Xunta.
A afectada, que estaba nas listas de contratación do Sergas, foi contratada o 1 de agosto de 2016 como substituta para unha praza de técnico superior especialista en Anatomía Patolóxica na área sanitaria de Vigo da que era titular unha funcionaria que solicitara o seu traslado temporal a outro posto cunha comisión de servizo por seis meses pero con reserva da súa praza previa. Esa funcionaria saínte tiña autorizadas as súas vacacións do 1 ao 31 de agosto, para incorporarse o 1 de setembro ao seu seguinte posto. Pero “a primeiros de agosto”, cando a súa substituta xa estaba a traballar cubrindo as súas vacacións, “e coa fin de que a mesma non puidese continuar substituíndo a reserva de praza” durante os meses que ela estaría noutro destino, “foi instada para que se reincorporase ao seu posto de orixe, rompendo, dese xeito, o vínculo contractual [da demandante despedida] e impedíndolle proseguir na substitución máis alá do 31 de agosto”.
O "torticero" proceder da Administración supuxo "un abuso de dereito e unha manifesta desviación de poder determinante de arbitrariedade e raiana, incluso, na prevaricación”, conclúe o TSXG
A sentenza di que a funcionaria que pedira o seu traslado e á que o Sergas fixo reincoporarse para así despedir á súa substituta “viuse obrigada a asinar nova solicitude de datas para o desfrute das súas vacacións”, solicitude que “non foi, en cambio, subscrita pola supervisora do Servizo de Anatomía Patolóxica que, coñecedora da aviesa finalidade que encerraba aquel escrito, negouse a asinar e autorizar a nova solicitude, facéndoo, no seu lugar, a directora de Progresos Asistenciais de Enfermería”. “Autorizado este novo período vacacional comunicouse á recorrente, en data 23 de agosto, o seu cese anticipado na substitución que viña realizando, por reincorporación ao seu posto de traballo da titular da praza”, conclúe o TSXG o relato dos feitos.
A traballadora, despois de que a Xunta non admitise unha reclamación súa pola vía administrativa, recorreu á Xustiza que lle deu a razón e obrigou ao Sergas a reincorporala, pagarlle os salarios deixados de percibir desde o seu cesamento o 23 de agosto de 2016 e a recoñecerlle a puntuación para a lista de contratación que lle correspondería polo tempo que non traballou como consecuencia do seu despedimento. Pero o Sergas recorreu e na sentenza na que agora o TSXG lle volve a quitar a razón é onde os maxistrados cargan duramente contra o xeito de proceder da Administración galega.
O Sergas debe reincorporar a traballadora, pagarlle desde o 23 de agosto de 2016 e recoñecerlle os puntos correspondentes para as listas de contratación
Na sentenza o tribunal comeza dicindo que “por máis que a Administración sanitaria trate desesperadamente [...] de terxiversar a contrastada realidade dos feitos reseñados, non logra o seu torticero propósito. Máis aínda, con esa aviesa actitude, o que fai é reafirmar a convicción xudicial que [levou á primeira sentenza] a apreciar a existencia dunha clara desviación de poder no actuar da Administración demandada”. O TSXG di que o despedimento da traballadora sería correcto ao volver a ese posto a funcionaria á que substituía “se non fose porque aquela non se reincorpora voluntariamente senón forzada pola propia Administración co obxecto de impedir, por esa anómala vía, a continuación da substitución”.
“Tal actuación administrativa por parte do Sergas implica un evidente e censurable fraude de lei en canto se ampara no texto dunha norma para acadar un fin contrario ao ordenamento xurídico, un abuso de dereito e unha manifesta desviación de poder determinante de arbitrariedade e raiana, incluso, na prevaricación”, conclúe o TSXG.