A xustiza dá outro golpe á política de contratación do Sergas. A sección primeira da sala do contencioso-administrativo do TSXG decretou que o Servizo Galego de Saúde debe recoñecer como tempo traballado a efectos administrativos o período de tempo durante o cal foi chamada para traballar unha muller de baixa por maternidade que estaba incluída nas listas temporais da categoría de ATS/ DUE.
O TSXG decreta que o Sergas debe recoñecer como tempo traballado a efectos administrativos o período durante o cal a muller de baixa por maternidade e nas listas temporais foi chamada para traballar
O alto tribunal galego advirte de que existiu “discriminación” á muller afectada e revogou unha sentenza ditada en novembro de 2018 por un xulgado do contencioso-administrativo da Coruña. Acolleu parcialmente o recurso interposto pola demandante contra a resolución ditada pola Xerencia de Xestión Integrada da Coruña en decembro de 2017 relacionada coa suspensión de chamamentos durante a súa baixa por maternidade.
“A situación de maternidade non pode asimilarse á falta de capacidade funcional necesaria para desempeñar as funcións propias dun posto de traballo, senón que é un período de descanso que se goza por tal situación”, indica o TSXG na resolución, na que subliña que “a discriminación existe”, pois destaca que “eliminada a situación de maternidade os servizos prestáronse e, polo tanto, deben recoñecerse como tales aínda que non se poidan prestar por atoparse a traballadora nunha situación que está protexida pola lei”.
A afectada recorrera a primeira sentenza ao advertir de que a Administración non lle recoñeceu o período temporal no que estivo de descanso por maternidade como tempo traballado a efectos administrativos, o que supoñía, ao seu parecer, “unha discriminación por razón de sexo” e, ao mesmo tempo, pola súa condición de persoal con vínculo eventual.
Xa que logo, a pretensión da demandante, e antes na solicitude de nulidade da suspensión de chamamentos presentada en vía administrativa, consistía en que se lle recoñecese aquel período temporal (de decembro de 2016 a abril de 2017) como tempo de traballo a efectos administrativos, debendo figurar na súa folla de servizos.
"A discriminación existe", di o TSXG, que aclara que “a situación de maternidade non pode asimilarse á falta de capacidade funcional necesaria" para un traballo
Segundo o TSXG, o recoñecemento debe quedar limitado ao período de tempo para o que a traballadora é chamada das listas, é dicir, “o comprendido desde a data de chamamento, o día 27 de xaneiro de 2017, ata o día 3 de abril de 2017, en que se formalizou o contrato despois da baixa de maternidade”. O período anterior, desde o 26 de decembro de 2016, día seguinte á finalización do contrato, ata o 27 de xaneiro de 2017, data na que se produciu o chamamento, “non se pode recoñecer para os efectos pretendidos, pois implicaría privilexiar a apelante en relación cos demais integrantes das listas de vinculacións temporais”.
Respecto do ditame final, o TSXG advirte de que a situación de maternidade “non pode asimilarse á falta de capacidade funcional necesaria para levar a cabo as funcións propias dun posto de traballo, senón que debe selo a un período de descanso que se goza por tal situación”. “A discriminación existe”, insiste o alto tribunal, que ordena que se lle recoñeza á demandate, “como tempo traballado a efectos administrativos, o período de tempo durante o cal estivo de baixa por maternidade que coincida á súa vez co period de tempo para o que foi chamada das listas de vinculacións temporais”.