Sanidade recorreu unha sentenza que a condenou por impor en Valdeorras un sistema de gardas non presenciais senón localizadas pero o Tribunal Superior ratifica que “é imposible se o desprazamento ten que facerse desde o hospital de Ourense, a máis de 100 quilómetros”
O pasado xuño un tribunal de primeira instancia de Ourense condenou á Xunta por obrigar aos pediatras desa cidade con contrato temporal ou interino a cubrir gardas no hospital do Barco de Valdeorras baixo a modalidade de “localizadas”, de menor custo que as “presenciais” xa que non esixen permanecer no centro sanitario durante toda a súa duración senón só presentarse nel nun prazo máximo de 20 minutos desde que son avisados. Iso é imposible residindo en Ourense, a máis de cen quilómetros do Barco, e así o constatou aquela primeira sentenza, que obrigou ao Goberno galego a considerar esas gardas como “presenciais”. A Xunta recorreu aquela sentenza, insistindo na súa potestade de consideralas gardas “localizadas”, e agora o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) volve condenala e insiste: “É imposible” ir de Ourense ao Barco en 20 minutos.
A condena en primeira instancia contra a Xunta do pasado xuño non só constataba a imposibilidade de que os médicos do hospital de Ourense residentes nesa cidade poidan chegar ao Barco en 20 minutos, cando pola sinuosa e perigosa estrada N-120 non se pode facer en menos de hora e media. Tamén censuraba a discriminación a que o Sergas sometía aos médicos temporais interinos a respecto dos que teñen praza fixa. Os fixos só están obrigados a facer gardas no Barco se non hai ningún temporal dispoñible, e mentres aos que teñen praza se lles considera a garda como “presencial”, aos interinos compútaselles como “localizada”. Isto é, na práctica o Sergas considera que os pediatras temporais poden trasladarse de Ourense a Valdeorras en 20 minutos pero non así os fixos. Iso obrigaba aos primeiros a adaptar a súa vída para permanecer preto de Valdeorras, e polo tanto lonxe da súa casa de Ourense, mentres durasen esas gardas supostamente só "localizadas" e non "presenciais".
A sentenza de primeira instancia desmontou ese sistema de gardas e condenou ao Sergas, ademais de a aboar ao médico denunciante as diferenzas de salario que iso lle supuxo nos últimos anos, a establecer un novo procedemento no que se trate por igual a uns e outros médicos. A Xunta recorreu e o TSXG ratifica todos e cada un dos puntos da sentenza inicial.
“As gardas localizadas conlevan a esixencia de presentarse no hospital nun prazo máximo de 15-20 minutos desde o momento en que se avisa ao médico, o que é imposible se o desprazamento ten que facerse desde o hospital de Ourense, a máis de 100 quilómetros do Barco de Valdeorras”, insiste o TSXG en segunda instancia
O tribunal, en sentenza do pasado 16 de xaneiro, insiste en que o sistema de gardas existente discrimina inxustificadamente aos temporais a respecto dos fixos. E, fronte ao recurso da Xunta, di que “non se trata de valorar as compensacións económicas e/ou de descanso que levan aparelladas as garadas efectuadas por médicos pediatras no Barco de Valdeorras, senón de comprobar se a concreta situación na que se encontran, e as circunstancias nas que se realizan, merecen un encaixe en gardas localizadas, ou en gardas de presenza física”. “As gardas localizadas conlevan a esixencia de presentarse no hospital nun prazo máximo de 15-20 minutos desde o momento en que se avisa ao médico, o que é imposible se o desprazamento ten que facerse desde o hospital de Ourense, a máis de 100 quilómetros do Barco de Valdeorras”, insiste o TSXG en segunda instancia.
O TSXG tamén rexeita o argumento da Xunta de que ten potestade para impoñer unha organización e quendas concretas aos seus recursos humanos sen consultar cos representantes sindicais dos traballadores, como lle esixía a sentenza de primeira instancia para deseñar o novo sistema de gardas para Valdeorras. A nova sentenza insiste en que “non se trata de adoptar unha decisión puntual e illada respecto dun facultativo, senón de deseñar un sistema de cobertura de gardas de pediatras no Barco de Valdeorras, con determinación dunhas condicións de traballo estables e asociadas a un determinado colectivo”, polo que mantén a esixencia de que a Xunta consulte cos sindicatos o novo sistema de organización.
Supresión de áreas sanitarias e crítica á Xunta
A sentenza orixinal agora avalada polo TSXG tamén criticaba que a Xunta non fixera nada para cubrir os postos baleiros en Valdeorras
Máis alá da demanda concreta do afectado e a condena xeral do sistema de gardas, a sentenza inicial agora avalada polo TSXG tamén criticaba a lentitude do Sergas en solucionar o problema de fondo da falta de pediatras no Barco e evidenciaba como a Xunta aproveitou a supresión da área sanitaria de Valdeorras e a súa integración na de Ourense para tirar dos médicos desta última en vez de contratar novos facultativos.
O demandante argumentaba “a imposibilidade de destinar forzosamente a un facultativo especialista dunha área sanitaria (Ourense) a outra distinta (O Barco de Valdeorras), e o xuíz deulle a razón, pero só para a súa reclamación sobre os anos previos á entrada en vigor a pasada primavera da contestada Lei 1/2018 coa que a Xunta fixo desaparecer integrándoas noutras as áreas sanitarias de Valdeorras, Monforte, A Mariña e O Salnés. Pero máis alá dese cambio legal que xa permite á Xunta obrigar a médicos de Ourense a traballar en Valdeorras, o xuíz pronunciábase tamén sobre “o concreto déficit de pediatras na comarca do Barco” e dicía que “o Sergas non adoptou no último ano medidas relativamente sinxelas para poder cubrir os postos non desempeñados efectivamente en dito distrito, como por exemplo mediante unha convocatoria pública de interinos”. A nova sentenza do TSXG di que esa cuestión non afecta ao fondo da condena previa e elude entrar nela.