A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) condenou o Sergas a indemnizar con 15.000 euros un pediatra dun centro de saúde de Ourense polos danos e prexuízos que sufriu por mor da sobrecarga asistencial á que estivo sometido durante anos e da que advertira á Consellería de Sanidade sen que esta tomase medida ningunha para corrixila.
O TSXG advirte de que "non se evidencia que o Sergas tivese feito uso das medidas tendentes a paliar a sobrecarga asistencial que pesaba sobre o demandante”
A sentenza, á que tivo acceso Praza.gal, advirte de que “non se evidencia que o Sergas tivese feito uso das medidas tendentes a paliar a sobrecarga asistencial que pesaba sobre o demandante” malia os avisos realizados. Nun deles, na primavera de 2011, o doutor e unha enfermeira advertiran á xerencia da área sanitaria de Ourense e á Dirección de Procesos Asistenciais da sobrecarga asistencial en pediatría, “solicitando que se tomasen medidas para corrixir a situación”.
Nada se fixo. Na súa consulta, o número de pacientes asignados a este profesional foi de 1.330 nenos e nenas en 2012; 1.366 en 2013; e 1.387 en 2014. A Asociación Española de Pediatría considera o número óptimo de cativos por pediatra de 800, cun máximo de 1.000, mentres que a Sociedade Española de Médicos de Atención Primaria cifra en 900 o número de tarxetas idóneo.
Ano e medio despois daquela reclamación, o doutor foi diagnosticado por primeira vez de estrés laboral e ansiedade secundaria, un diagnóstico que se repetiría 15 meses despois. Ademais, un xulgado declarou xa en 2015 que a incapacidade temporal á que se acollera o pediatra durante uns meses nese mesmo ano fora derivada da “continxencia de accidente de traballo” tras ser diagnosticado de coroidopatía serosa central, unha doenza ocular asociada a situacións de estrés.
O pediatra foi diagnosticado de estrés laboral e ansiedade; na súa consulta tivo asignados, durante anos, máis de 1.300 cativos, cando o recomendado son entre 800 e 1.000
“Constatándose que, desde un momento sensiblemente anterior á baixa laboral (...), o demandante puxera en coñecemento da Administración sanitaria empregadora a sobrecarga laboral que soportaba, sen que se tomasen, naquel momento polo menos, as medidas tendentes a paliar ou eliminar a irregular situación que podería, como así aconteceu, xerar risco para a sáúde no ámbito laboral”, lembra a sentenza.
O ditame, que estima o recurso posto polo doutor a unha anterior sentenza que rexeitaba a súa demanda, asegura que o Sergas “adoptou unha actitude de pasividade e de caso omiso ás solicitudes do demandante, secundadas por outra profesional sanitaria” que prestaba servizos na mesma área de pediatría ourensá.
O TSXG lembra que a empresa, segundo a normativa, debe “garantir aos traballadores unha eficaz protección en materia de seguridade e saúde, sen que, neste caso, a Administración demandada tivese adoptado, polo menos antes de que se producisen lesións o danos ao actor, medidas correctoras ou paliativas do statu quo existente”.
Ademais, lembra que en 2015 o Sergas realizou a avaliación dos riscos laborais do centro de saúde referido pero que “non efectuou, no entanto, a avaliación dos riscos psicosociais, e aínda que isto, per se, non implique necesariametne causalidade entre dano e actuación empresarial, serve, porén, como manifestación evidente da pasiva actitude da Administración demandada”.