Tráfico de influencias, abuso de dereito, suborno ou negociacións prohibidas a funcionarios son algunhas das ilegalidades, varias delas delito, que os tribunais veñen constatando na Xunta na última década
Ademais de presentar o seu Goberno como o dos “bos xestores”, malia as críticas reiteradas que vén recibindo do Consello de Contas, unha das gabanzas que adoita dirixirse a si mesmo o presidente Feijóo, especialmente tras os procesos xudiciais contra o independentismo catalán ou os ERE en Andalucía, é o de que a Xunta é respectuosa e cumpridora da legalidade. Porén, na última década son numerosas as sentenzas que veñen atribuíndo á Xunta ou aos seus cargos todo tipo de ilegalidades, algunhas delas delito, como tráfico de influencias, negociacións prohibidas a funcionarios, suborno, vulneración dos dereitos laborais, abuso de dereito, desviación de poder ou comportamento malicioso. A reacción de Feijóo en todos os casos foi a de minimizalos e tratalos como se fosen críticas da oposición e non como as condenas xudiciais que son.
A condena máis significativa nestes dez anos contra cargos do Goberno galego foi a do caso Campeón de corrupción arredor do empresario lucense Jorge Dorribo. Tráfico de influencias e negociacións prohibidas a funcionarios son os delitos polos que foron condenados, por axudar a Dorribo, o daquela deputado autonómico do PP Pablo Cobián, o director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Joaquín Varela de Limia, e o subdirector de Información Especializada dese mesmo ente dependente da Consellería de Economía, Carlos Silva. No caso Campeón o propio Feijóo avalou que a Xunta non acusase aos tres cargos políticos malia si pedir penas contra os outros nove empresarios tamén implicados e fronte ao criterio da Fiscalía de actuar contra todos eles. Tempo despois, o presidente mesmo chegou a facer un recoñecemento público e expreso ao director do Igape xa condenado.
Feijóo avalou que a Xunta non acusase a cargos públicos que acabaron condenados por corrupción e non considera necesario crear unha Fiscalía Anticorrupción en Galicia
A Xunta tampouco acusou a un dos dous técnicos da Consellería de Cultura e da entidade xestora do Xacobeo condenados por suborno nunha trama de corrupción con arte sacra rehabilitada con fondos públicos, o denominado caso Retablo, con centos de miles de euros polo medio. O caso saldouse coa aceptación por parte da Xunta dun acordo polo que os dous técnicos autonómicos condenados viron rebaixadas as súas penas a multas de só 2.000 e 720 euros respectivamente. “Delinquir non sae barato”, valorou Feijóo esas condenas.
A renuncia da Xunta a perseguir delitos persoándose nas causas ou formulando acusación contra cargos autonómicos súmase ás reticencias do Goberno galego ao longo da última década a que se cree unha Fiscalía Anticorrupción en Galicia. E sen chegar ao eido penal, o Consello de Contas afeou ao Goberno galego os seus sistemas internos de control da corrupción.
A Xustiza vén condenando á Xunta de xeito recorrente por vulnerar o dereito de folga, nalgún caso de xeito “malicioso”
Máis alá dos rechamantes delitos de corrupción, é habitual que as administracións públicas sexan condenadas por irregularidades na xestión do seu persoal. Non é tan habitual que as sentenzas atribúan a esas ilegalidades unha intencionalidade. Pero así o fixo o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ao considerar que o Goberno galego actuara de xeito “malicioso” ao fixar servizos mínimos da folga feminista do 8 de marzo de 2018. Un eido, o da fixación de servizos mínimos, no que os tribunais veñen condenando de xeito recorrente á Xunta por establecelos de xeito inxustificado vulnerando así o dereito de folga.
A Xustiza condenou á Xunta pola morte de dous brigadistas en 2010 e outro en 2015 despois de que Feijóo criticase ao bipartito dicindo que co anterior goberno popular "non morría xente nos incendios"
As condenas á Xunta na última década por cuestións laborais chegaron ao punto de establecer, no caso da morte en 2010 de dous brigadistas nun incendio forestal, a existencia de “relación de causa a efecto” entre a actuación da administración autonómica, que tardara en desprazar á zona unha motobomba, e o falecemento dos dous traballadores. E o pasado ano outra sentenza condenou igualmente á Xunta polo falecemento en 2015 doutro axente forestal por un infarto cando acudía en solitario a un incendio malia que solicitara o seu traslado a outras ocupacións por outro ataque previo. “Non se pode considerar”, di a sentenza, que a Xunta “actuase de forma dilixente na protección da saúde dun traballador que, finalmente, faleceu da cardiopatía que padecía co gallo das súas funcións”. Dous anos e medio antes do primeiro caso, aínda na oposición, o propio Feijóo cargara contra a Xunta de PSdeG e BNG: “Con nós non morría xente nos incendios”, dicía.
A Xunta vén acumulando sentenzas por todo tipo de discriminacións laborais
Sen chegar a esa gravidade, no seu trato cos seus traballadores a Xunta vén acumulando sentenzas por todo tipo de discriminacións laborais, desde probas de acceso á función pública resoltas de xeito “discrecional” ata despedimentos nos que os tribunais ven unha intencionalidade espuria máis alá de irregularidades administrativas. Unha “conxura” e “maquinación” dun tribunal para amañar unhas oposicións, o despedimento dunha traballadora cun “abuso de dereito raiano na prevaricación” ou o cesamento doutra como “represalia por exercitar os seus dereitos”, segundo as expresións empregadas polos propios xuíces, son algúns dos exemplos nese eido.
Pero as sentenzas da última década recollen outros moi diversos tipos de ilegalidades cometidas pola Xunta no eido laboral no Sergas, como intentar pagar menos aos médicos de garda asegurando que poden desprazarse de Ourense a Valdeorras en só 20 minutos, algo que a xustiza considera obvio que é imposible, ou sancionar a dúas traballadoras das bolsas de substitucións retrasándoas nas listas por estar nun caso enferma catro días e noutro por non coller o teléfono tras chamala catro veces en seis minutos incumprindo as normas dese tipo de chamamentos.
Fronte aos obstáculos ilegais postos a algún persoal público, o TSXG, co aval posterior do Supremo, chegou a apreciar na Consellería de Educación unha “evidente mostra de nepotismo"
Fronte aos obstáculos ilegais postos a algún persoal público, o TSXG chegou a apreciar na Consellería de Educación unha “evidente mostra dun nepotismo que, lonxe de perder arraigo na administración pública, parece reforzarse”. Así o sentenciou ao anular unha praza que a consellería creara “ad hoc” para beneficiar a unha cuñada da secretaria xeral de Igualdade da Xunta, Susana López Abella, sentenza feita firme posteriormente polo Tribunal Supremo. Igualmente, o TSXG tombou o intento da Xunta de nomear a dedo a directores de oficinas de emprego equiparándoas a centros de acollida, oficinas nas que á súa vez creara postos para recolocar a cargos do PP.
Nese e noutros moitos casos de discriminación ou favoritismo con funcionarios os tribunais veñen sentenciando que existiu desviación de poder. O mesmo que considerou o TSXG que existiu con outras decisións administrativas do Goberno galego adoptadas en reunións presididas polo propio Feijóo como a de intentar legalizar milleiros de vivendas ilegais en Barreiros con obras sufragadas con cartos autonómicos porque non as acometeran os promotores privados. Tamén desviación de poder atopou un tribunal aínda máis alto, o Supremo, na decisión de paralizar en 2009 autorizacións de parques eólicos outorgados polo bipartito. E desviación de poder vén de determinar un xulgado que houbo na apropiación ilegal por parte da Consellería de Infraestruturas dun terreo privado para facilitar á empresa construtora a execución da Autovía do Morrazo.
E igual que no eido laboral a Xunta recibiu sentenzas que van máis alá de constatar irregularidades administrativas, tamén no eido social e sanitario o Goberno galego foi condenado na última década por actuacións que para os xuíces superan o que se podería considerar un erro médico. Iso podería ser o que houbo nun primeiro momento no caso dunha paciente cuxa vida o Sergas puxo en perigo e mandou a Madrid para un aborto terapéutico no que perdeu o útero. "Lentitude, falta de reflexos, ignorancia, inoperancia, ineficacia temeraria e falta de sensibilidade" son algunhas das palabras que empregou o xuíz na condena, pero deixando claro que o reproche ía máis alá dos facultativos que atenderon á muller e sinalando que “o Sergas desenténdese da situación da recorrente e derívaa a Madrid, para que resolvan alí a embarazosa situación, para que se zafen alí do problema”. “Representa un fracaso estrepitoso do sistema”, concluía o xuíz nun caso no que o propio Feijóo acabou pedindo “desculpas” en público.
Ademais das condenas xudiciais, sentenzas que acabaron absolvendo á Xunta constatan diversas irregularidades administrativas
No último ano a Xunta tamén foi condenada por confundir unha metástase con depresión porque non se fixo á persoa afectada “unha simple ecografía”. “Non hai que ser médico para apreciar a proximidade da morte”, chegou a dicir o Tribunal Superior.
Se neses dous casos a Xunta foi condenada por non actuar, tamén hai sentenzas contra ela por excederse nas súas actuacións. É o caso dunha condena ao Goberno galego por rebaixar a dependencia dun home que pedira revisala á alza. O TSXG criticou que ante a petición do dependente a Xunta actuase “en manifesto prexuízo” del e lle rebaixase o grao de dependencia en lugar de limitarse a negarlle a revisión. O home acabou falecendo antes de que o tribunal lle dese a razón fronte á Xunta.
Ademais destas e outras moitas condenas, numerosas sentenzas emitidas nos últimos anos constatan, malia non condenar á Xunta de xeito expreso, diversas irregularidades cometidas polo Goberno galego que poñen en dúbida a súa proclamada “boa xestión”.