O xuíz considera “sorprendente” que a Xunta a expulsase do sistema “sen unha mínima motivación” por non atender unha chamada para cubrir unha vacante malia certificar a súa doenza
O Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Pontevedra vén de condenar á Xunta a reintegrar na bolsa de persoal interino á que recorre para cubrir vacantes a unha muller á que expulsou da mesma despois de que non acudise a unha chamada para traballar por estar enferma. A muller xustificou cun certificado médico a súa doenza, que a imposibilitou para traballar durante catro días, pero aínda así a Xunta a expulsou do sistema de substitucións “sorprendentemente”, critica o xuíz, “sen unha mínima motivación”.
Segundo a sentenza, do 18 de outubro, a muller foi chamada para cubrir un posto mediante o sistema informático que regula a bolsa de interinos do persoal da administración de Xustiza, que depende da Xunta. O sistema informático dáballe un día para aceptar o posto, pero ela estaba enferma desde o día anterior e ata tres días máis tarde e non atendeu esa chamada. Cando se recuperou, segundo establece a sentenza como feitos probados, comunicou á Xunta esa circunstancia “acompañando o correspondente certificado médico acreditativo da enfermidade” que sufriu durante eses catro días. Pese a iso, o mesmo día en que xustificou a súa enfermidade a Xunta incoou o procedemento para a súa expulsión das listas de substitución.
Por dúas veces a muller xustificou a súa situación cun certificado médico, pero a Xunta "respondeu co seu silencio"
A traballadora, no trámite de audiencia dese procedemento de expulsión, reiterou o xustificante da súa enfermidade, pero a Xunta mantivo a súa expulsión nunha resolución na que “non se lle dedicou nin unha soa liña a analizar as alegacións da actora, nin o seu certificado médico”, di a sentenza. A muller recorreu esa decisión na vía administrativa, pero a Xunta “respondeu co seu silencio”.
O xuíz lembra que está prohibido "excluír da bolsa de interinos ao que xustifique non poder acudir ao chamamento por atoparse de baixa médica, sen necesidade de que solicitase previamente a suspensión”
Obrigada a recorrer á Xustiza, agora o xulgado dálle a razón e lembra que a Orde da Xunta que regula o funcionamento da bolsa de interinos indica que “non procederá a exclusión da bolsa cando a persoa seleccionada demostre”, entre outras circunstancias, unha situación de “incapacidade temporal, mediante parte de baixa médica”. Nese caso, ademais, a Orde establece que o traballador non está obrigado a xustificar a súa incapacidade antes de ser chamado para cubrir unha vacante senón que tamén pode facelo posteriormente.
“Dito precepto prohibe excluír da bolsa de interinos ao que xustifique non poder acudir ao chamamento por atoparse de baixa médica, sen necesidade de que solicitase previamente a suspensión”, sinala tallante o xuíz, que engade que “sorprendentemente a Xunta de Galicia, na resolución impugnada, excluíu sen máis á actora, sen unha mínima motivación sobre as concretas circunstancias alegadas por esta”. O xuíz condena á Xunta a reincorporar á muller na bolsa de interinos e a asumir as costas procesais.