Fiscalía e Xunta deixan en multa de só 720 euros a condena por suborno do técnico que ía “repartir Galicia” en contratos

Detalle da vivenda que a Igrexa lle vendeu ao presunto líder da trama CC-BY-SA Xosé Manuel Sendín

Grazas a un acordo previo ao xuízo deste martes, os dous traballadores autonómicos implicados no caso Retablo de corrupción con arte sacra ven reducidas notablemente as súas penas

O caso Retablo, oito anos de instrución xudicial con 14 tomos nos que se investigou unha trama de subornos con arte sacra con dous traballadores autonómicos implicados, vén saldarse este martes cun acordo no que Xunta e Fiscalía aceptaron rebaixar as penas dos condenados a pouco máis que unhas multas de escasa contía. Carlos Gómez-Gil de Aizpurúa, técnico de restauración, e José Manuel Pichel, arquitecto, traballaron para a Xunta ata 2009 con responsabilidades na Consellería de Cultura e a sociedade de xestión do Xacobeo, das que se aproveitaron para recibir regalos de empresas de rehabilitación a cambio de autorizar subvencións a entidades relixiosas que contrataban os traballos coas firmas implicadas. “Vouvos repartir Galicia, vouvos dar unha herdanza de puta madre”, dicía Pichel a unha das empresas nunha gravación policial desta trama triangular que este martes chegaba a xuízo.

Porén, xusto antes da vista o caso saldouse cun acordo previo no que Fiscalía e Xunta aceptaron rebaixar notablemente as penas que pedían para que os acusados non entren no cárcere. Estes admiten ser autores de delitos de suborno e a cambio terán que abonar multas de escasa contía, de tan só 720 euros no caso de Pichel e de pouco máis de 2.000 no caso de Gómez-Gil, que ademais verá comisados os 103.350 euros que recibira.

Pichel, arquitecto do Xacobeo, recibiu segundo o fiscal entre outros regalos unha vaca cun valor superior á multa que agora terá que pagar

O caso Retablo iniciouse a comezos de 2009, logo de que veciños da parroquia de Paraños, en Covelo, descubrisen que Gómez-Gil tentaba vender en internet a que fora a súa casa reitoral por 680.000 euros tras mercarlla á Igrexa por só 60.000 euros. Segundo o relato co que chegaba ao xuízo o fiscal do caso, Antonio Roma, que vén de deixar o posto, a investigación destapou como os traballadores da Xunta facilitaban obras ás empresas da trama a cambio de diversas compensacións: Gómez-Gil “ingresou cantidades en efectivo procedentes das empresas beneficiarias dos seus informes nas súas contas correntes entre febreiro de 2004 e maio de 2008” por un total de 103.350 euros, dicía o fiscal, mentres que Pichel “incrementou notablemente o seu patrimonio, sendo titular de catorce turismos e motocicletas ademais de numerosos inmobles; nunha ocasión recibiu o beneficio en especie: unha vaca de valor incerto superior a mil euros”. Só esa vaca xa valía máis que a multa que agora terá que pagar. “Vouvos repartir Galicia, vouvos dar unha herdanza de puta madre”, chegou a dicirlle Pichel a un responsable dunha das empresas implicadas nunha gravación policial que logo deixou de lado o último xuíz instrutor do caso, Andrés Lago Louro.

Segundo o relato do fiscal, na trama resultaron afectadas 22 actuacións repartidas polo sur das provincias de Pontevedra e Ourense que supuxeron un investimento público, fundamentalmente da Xunta, pero tamén de concellos e deputacións, de 700.000 euros. Outras entidades, fundamentalmente as parroquias implicadas e os fregueses, achegaron outro medio millón de euros.

Malia ser autonómicos a maioría dos cartos implicados na trama, Pichel non foi acusado pola Xunta mentres que Gómez-Gil ve rebaixada notablemente a petición inicial de pena do Goberno galego

Malia ser autonómicos a maioría dos cartos implicados, Pichel, ben relacionado co PP da cidade de Pontevedra, non foi acusado pola Xunta, que antes de aceptar o acordo chegaba ao xuízo pedindo para Gómez-Gil sete anos de cárcere e 17 de inhabilitación para cargo público. O Goberno de Feijóo, que nos últimos meses evitou acusar outros funcionarios ou cargos do PP implicados noutros casos de presunta corrupción, tamén eludira en fases previas do caso acusar a Igrexa, da que inicialmente estiveron imputados o ex-bispo de Tui-Vigo José Diéguez; o antigo párroco de Paraños, José Sobrino; e o ecónomo da diócese, Benito Estévez. Os tres cargos eclesiásticos foron vendo a medida que avanzou o caso como retiraban os cargos contra eles sucesivamente a Xunta e o xuíz instrutor, ata que finalmente en xuño do ano pasado a Audiencia Provincial da Coruña avalaba a súa desimputación.

Acordo final

Finalmente, o acordo acadado este martes fai que Gómez-Gil, para o que a Fiscalía pedía inicialmente tres anos de cárcere e cinco de inhabilitación, sexa considerado autor dun delito de suborno polo que recibe unha pena de dous anos de prisión, co obxectivo de que non a teña que cumprir por non ter antecedentes penais, e seis anos de inhabilitación especial para emprego ou cargo público. Seranlle comisados 103.350 euros e terá que pagar unha multa de 12 meses con cota diaria de 6 euros. Pola súa banda, Pichel, para o que a Fiscalía pedía inicialmente dous anos de cárcere e tres de inhabilitación, é considerado tamén autor dun delito de suborno pero ve notablemente rebaixada a pena a unha multa de catro meses cunha cota diaria de seis euros, o que supón o aboamento de só 720 euros.

O acordo tamén recolle para catro empresarios, Olga Quintela López, David Durán Montero, Carmen Acuña Rey e Manuel Montes Carballa (este último ausente este martes e polo tanto pendente de asinar), a consideración de autores de delitos de suborno e imponlles un ano de prisión, inhabilitación especial para o sufraxio pasivo durante ese mesmo tempo e multa de mil euros a cada un. Un quinto empresario acusado, Ignacio Márquez Vieira, faleceu durante a instrución.

"Moitos dos veciños que iniciaron isto, persoas maiores, morreron durante este tempo", lamenta Carlos Feijóo, avogado dos veciños de Paraños que perderan a súa casa reitoral

Pola súa banda, a acusación popular exercida polos veciños de Paraños, que contaban co respaldo unánime dos tres grupos políticos municipais de Covelo (PP, PSdeG e BNG) sumouse ao acordo como mal menor logo de que a Igrexa recuperase a propiedade da casa reitoral cuxa venta orixinou o caso. O avogado dos veciños, Carlos Feijóo, do despacho Fiúza & Avogados, dixo este martes estar “contentos de ter rematado logo de oito anos de caso; satisfeitos a medias porque se conseguen condenas, aínda que sexan leves e non sexan condenados todos o que debían; e tristes porque moitos dos veciños que iniciaron isto, persoas maiores, morreron durante este tempo”.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.