O fiscal pide cárcere para o funcionario que ía “repartir Galicia” en contratos na trama Retablo, ao que a Xunta exculpa

A casa reitoral en 2003, antes de que o líder da trama comezase a utilizala CC-BY-SA Asociación Veciñal de Paraños

A trama de presunta corrupción con arte sacra Retablo consistiu nun triángulo de intereses no que funcionarios da Xunta recibían supostamente importantes regalos de empresas de rehabilitación a cambio de autorizar subvencións a entidades relixiosas que acababan contratando os traballos coas firmas implicadas. O caso está a piques de chegar ao xuízo oral logo de que o fiscal, o último que faltaba por pronunciarse, veña de pedir esta semana no xulgado instrutor cárcere para dous funcionarios autonómicos e cinco empresarios, como xa fixera tamén a acusación popular encarnada por veciños da parroquia de Paraños, en Covelo, que provocaron a investigación ao ver como a igrexa malvendía a súa casa reitoral a un dos acusados. Porén, a Xunta, que sería unha das prexudicadas, evitou culpar a un dos seus dous funcionarios implicados, quen nunhas das gravacións da investigación fachendeaba de “repartir Galicia” en contratos ás empresas da trama.

Todas as acusacións piden o comiso da casa reitoral de Paraños, orixe da investigación cando os veciños descubriron que a Igrexa lla vendera por 60.000 euros a un dos implicados que logo pretendeu revendela por 680.000 euros

Segundo o relato do fiscal, Antonio Roma, os traballadores da Xunta Carlos Gómez Gil de Aizpurúa e José Manuel Pichel eran os responsables de validar os proxectos de rehabilitación e as subvencións públicas en connivencia coas empresas implicadas. “A finalidade común de ambos era a obtención de beneficios económicos que lles serían facilitados polas empresas”, di o fiscal, quen enumera eses beneficios.

Carlos Gómez-Gil, que traballaba para a Consellería de Cultura, "recibía diñeiro en efectivo ou ben labores que non remuneraba por parte das empresas que executaban as restauracións, que podían consistir en obras en bens da súa propiedade e outra clase de favores, incrementando notablemente o seu patrimonio”. O fiscal fala de catro coches, unha moto e un veleiro, así como a adquisición á igrexa da antedita casa reitoral de Paraños “nunhas condicións económicas moi vantaxosas” por “60.000 euros a pagar en dez anos” para logo “ofrecela para a súa venda nun prezo de 680.000 euros”. O fiscal tamén enumera ingresos das empresas implicadas na súa conta corrente por un total de 103.350 euros.

"Vouvos repartir Galicia, vouvos dar unha herdanza de puta madre”, dicía Pichel acusado polo fiscal pero non pola Xunta, nunha gravación da investigación

Con respecto a José Manuel Pichel, que traballaba para a empresa pública de xestión do Xacobeo, o fiscal di que “incrementou notablemente o seu patrimonio, sendo titular de catorce turismos e motocicletas ademais de numerosos inmobles; nunha ocasión recibiu o beneficio en especie: unha vaca de valor incerto superior a mil euros”, ademais de recibir 7.000 euros en efectivo dun dos empresarios da trama. Pichel foi quen, nunhas das gravacións telefónicas que forman parte da investigación, fachendeaba da súa capacidade de intervir nos contratos: “Vouvos repartir Galicia, vouvos dar unha herdanza de puta madre”.

Para Gómez-Gil o fiscal pide tres anos de cárcere e inhabilitación para emprego ou cargo público por cinco anos, ademais dunha multa e do comiso de 103.350 euros e a casa de Paraños orixe da investigación. Para Piñel pide dous anos de prisión e tres de inhabilitación para emprego ou cargo público, ademais do comiso de 7.000 euros e multa. E para os empresarios Ignacio Márquez Vieira, Olga Quintela López, David Durán Montero, Manuel Montes Carballa e Carmen Acuña Rey o fiscal pide dous anos de prisión para cada un e diversas multas.

A acusación popular dos veciños de Paraños xa pedira penas lixeiramente superiores para todos eles. Pola contra, a Xunta optou por elevar aínda máis a súa acusación contra Gómez-Gil, ao que reclama sete anos de cárcere e 17 de inhabilitación para cargo público, pero deixando á marxe por completo a Pichel, ben relacionado co PP da cidade de Pontevedra.

Un dos elementos no que coinciden fiscal, acusación popular e Xunta é no comiso da casa reitoral de Paraños, a orixe do caso logo de que os veciños da parroquia sentisen como un roubo a venda a prezo de saldo por parte da Igrexia, exonerada no caso polo xuíz instrutor e a Xunta, do que eles mesmos axudaran a manter durante anos.

Pancarta en Paraños contra o cura tras descubrir a veciñanza que a reitoral fora vendida CC-BY-SA Karina Mouriño

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.