Caso Retablo: Cando a corrupción entra pola sancristía

Vista da reitoral de Paraños e da súa parcela en 2003, antes de que Gómez-Gil empezase a utilizala CC-BY-SA Praza Pública

"Un follón que armaron cuatro de estos que no van nunca a misa". Quen fala é José Sobrino, antigo párroco de Paraños, no Concello de Covelo. O seu interlocutor é José Manuel Pichel, arquitecto do Xacobeo. A conversa telefónica prodúcese a finais do verán de 2009 e está sendo gravada polos axentes que investigan a Operación Retablo, a trama de presunta corrupción supostamente liderada por Carlos Gómez-Gil, o restaurador que, como funcionario da Consellería de Cultura, repartía traballos de restauración de bens eclesiásticos entre empresas afíns a cambio de mordidas en metálico e especie, di a investigación. Entre as prebendas obtidas por Gómez-Gil, segundo recolle a instrución do caso, estivo a venda "en condicións moi vantaxosas" da casa reitoral de Paraños por 60.000 euros, unha operación "polos servizos prestados" á Igrexa que a veciñanza da parroquia levou en 2009 ao xulgado e que fixo estourar definitivamente o caso, instruído polo xulgado de instrución número 3 de Santiago e polo que está a piques de sentar no banco dos acusados unha ducia de persoas entre as que se atopan funcionarios, empresarios e cregos.

A asociación veciñal de Paraños decidiu acudir á Xustiza despois de que, a comezos de 2009, se decatasen de que a reitoral da parroquia, a mesma que estiveran coidando e mantendo cos seus propios cartos durante décadas, estaba á venda en internet por case 700.000 euros. Iso sucedía tras varios anos nos que a casa viñera sendo empregada como segunda vivenda por Gómez-Gil. O párroco, explican a Praza Pública fontes da acusación particular, exercida pola asociación, alegaba ante os veciños que se lle permitía por ser un alto funcionario da Xunta, ocultándolles que poucos meses antes, a finais de 2008, formalizara nunha notaría de Vigo a venda da vivenda e da súa parcela duns 4.500 metros cadrados polos devanditos 60.000 euros, que o suposto líder da trama só comezou a pagar cando a investigación xa estaba en marcha.

A rede adxudicaba restauracións de bens eclesiásticos a empresas afíns a cambio de 'mordidas', segundo a investigación

Antes de poñer o asunto nas mans da Fiscalía, explican as mesmas fontes, a veciñanza expuxo a súa indignación ante quen daquela era bispo de Tui-Vigo, José Diéguez, imputado no caso xunto ao párroco, os funcionarios e os empresarios. Diéguez, aseguran, mantivo que o formalizado polo párroco non fora unha venda, senón un alugueiro. Así e todo, esta versión desmontouse a pouco tempo e a diocese tudense pasou a alegar que a venda se formalizara a un prezo tan baixo porque a vivenda se atopaba en situación de ruína. No entanto, neses anos Gómez-Gil gozara de diversos arranxos "ornamentais" e de lecer na casa, tales como a construción dun porche e dunha piscina ou a plantación de céspede que correran a cargo, din os investigadores, das empresas ás que beneficiaba con adxudicacións dende a Xunta.

A veciñanza denunciou o caso tras detectar que o presunto líder da tama puxera á venda por 700.000 euros a reitoral da parroquia, que supostamente lle mercara ao bispado por 60.000

Lonxe da versión do párroco, explican os representantes legais da veciñanza, as persoas mais "doídas" por este suceso eran, precisamente, as "máis relixiosas" da zona: as irmás Sara e Leonisa, a señora Argentina e, sobre todo, María Ferreira, a anciá que en 2009 estaba a piques de facer 80 anos e que era a principal responsable de atender a reitoral dende que, a mediados dos 90, deixara de ser a vivenda dos cregos. A coñecida por todos como Maruja era a principal testemuña de que a casa estaba perfectamente "habitable" e que a ruína alegada polo bispado era un "engano". Por iso pouco antes de falecer por mor do cancro que lle diagnosticaran solicitou declarar no xulgado onde, explica o letrado da veciñanza, "refutou por completo o que argumentara o bispo".

Dende os tempos de Fraga

A suposta venda da reitoral de Paraños foi, segundo este amplo sumario, a "dádiva" máis rechamante recibida polo presunto líder dunha trama que se remonta a finais do mandato do Goberno Fraga, no ano 2003, e que chegou a mover máis de 2 millóns de euros en contratos públicos. Segundo a Fiscalía Gómez-Gil impuxo "unha práctica de imposición de proxectos de restauración a determinadas empresas", ás que "asesoraba" sobre as condicións que terían que ofertar para seren contratadas dende a Consellería de Cultura ou dende o Xacobeo, onde actuaba de "común acordo" con el o arquitecto José Manuel Pichel, quen tamén, di o Ministerio Público, recibía cartos e contrapartidas en especie, caso por exemplo dunha "vaca de valor incerto", pero en todo caso "superior aos 1.000 euros".

A Xunta do bipartito comezou a investigar o caso en 2007 e levouno á Fiscalía

O incremento do patrimonio por vías presuntamente ilícitas permitiulle a Gómez-Gil, di a Fiscalía, levar un "nivel de vida moi superior ao que procedería dos ingresos na súa calidade de funcionario". Ese aumento patrimonial e as denuncias das empresas que eran sistematicamente excluídas dos traballos de restauración levaron a Xunta do bipartito a abrir unha investigación en 2007 e a poñer o caso en coñecemento da propia Fiscalía. Gómez-Gil, que chegou a atribuír a investigación a unha manobra do BNG por ser el "de fuera y no hablar gallego", foi afastado da contratación pública e actualmente traballa nun museo de Cartagena (Murcia), pero Pichel, cuxa presunta implicación foi detectada a través das escoitas telefónicas, aínda seguiu xestionando fondos públicos ata finais de 2009, xa con gabinete de Alberto Núñez Feijóo no poder. A comezos de 2010 o xulgado dirixiuse ao Goberno para pedir información sobre varias das obras investigadas e o departamento de Cultura, daquela dirixido por Roberto Varela, retiroulle a Pichel as súas funcións.

Apoio político á veciñanza, que teme pola casa

As partes agardan que no ano 2015 chegue finalmente o xuízo deste caso, no que a Xunta tamén actúa como acusación. Ante este proceso a Fiscalía acusa nove persoas, entre elas Gómez-Gil, Pichel, o párroco e o ecónomo do bispado, Benito Estévez, se ben reclama que se arquiven os cargos contra o ex bispo de Tui-Vigo. A veciñanza, pola contra, ve o antigo bispo implicado nun delito de suborno, toda vez que, din, as conversas telefónicas intervidas por orde xudicial acreditan que o bispado, o párroco e Gómez-Gil "acordaron" ofrecer ante a Policía e ante os veciños as mesmas "escusas" para xustificar a teórica venda da reitoral: que esta se atopaba en ruínas, toda vez que "non podían dicir que o prezo irrisorio era polos servizos prestados", indica o escrito de acusación, no que ademais se indica que o feito de que Gómez-Gil achegase 10.000 euros como suposto primeiro pagamento pola casa non foi máis que un intento de "disimular o suborno".

A veciñanza solicita que a Comunidade de Montes poida asumir o coidado da reitoral ata a fin do proceso

Neste contexto a asociación veciñal e a súa batalla legal, que conta co apoio de toda a corporación municipal de Covelo -senllas mocións de PP e BNG saíron adiante por unanimidade o pasado maio-, tenta que todas as persoas que propón imputar cheguen a ser xulgadas e, ademais, solicita varias medidas cautelares para garantir a conservación da reitoral, que en 2010 volveu ser propiedade da Igrexa tras alegar o bispado, en plena investigación, que Gómez-Gil non pagara o acordado. As autoridades eclesiásticas manteñen a casa "abandonada" e o pasado inverno mesmo foi "ocupada", explican, polo que o maís acaído sería que a Comunidade de Montes de Paraños se puidese facer cargo dela para "mantela en bo estado de conservación". "Deste xeito -alegan- preservaríase" a reitoral ata que que o xuízo, que se celebrará con xurado popular, determine cal será o seu futuro.

Fachada da reitoral en 2003 CC-BY-SA Xosé Manuel Sendín
Detalle da vivenda que a Igrexa lle vendeu ao presunto líder da trama CC-BY-SA Xosé Manuel Sendín

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.