0 Gardados para despois

O fiscal do caso Angrois déixao tras varios anos sen querer investigar máis que o maquinista

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Antonio Roma é elixido para un posto de coordinación con América Latina e deixa a instrución, que acumula máis de 30.000 páxinas, en mans dun “equipo de fiscais baixo a dirección do fiscal xefe”

O fiscal da investigación xudicial sobre o accidente de tren de Angrois, Antonio Roma, vén de ser elixido para un posto de coordinación da cooperación xudicial da Unión Europea con América Latina. Deixa así unha instrución na que durante preto de tres anos se negou a investigar máis responsabilidades que a do maquinista do tren. Só nos últimos meses, logo de que Audiencia Provincial da Coruña admitise varios recursos de vítimas e do propio condutor para que se analizasen posibles responsabilidades de Adif, cambiou Roma as súas teses e admitiu a necesidade de investigar máis alá. Agora, a súa marcha de Santiago deixará o caso nas mans dun “equipo de fiscais” que terá que facerse cunha instrución que acumula máis de 30.000 folios repartidos en máis de 70 tomos.

Segundo fontes da Fiscalía, o caso Angrois será levado a partir de agora por “un equipo de fiscais baixo a dirección do fiscal xefe, sen prexuízo de que, avanzado o proceso, ese labor volva ser asumido por un só fiscal”. Segundo a Fiscalía, “garantízase a continuidade e total normalidade do traballo do Ministerio Público na instrución do caso”.

As vítimas de Angrois critican que durante boa parte da instrución Antonio Roma actuase máis como avogado defensor do Estado que como fiscal

Logo do accidente de tren do 24 de xullo de 2013, con 80 mortos e 144 feridos, o primeiro xuíz instrutor da causa sinalou posibles responsabilidades penais en Adif máis alá do despiste que sufrira o maquinista do tren por varias decisións da empresa pública que reduciron a seguridade na liña de alta velocidade Ourense-Santiago. Porén, Roma opúxose a investigar esas reducións de seguridade e rexeitou as imputacións de cargos de Adif que realizou o xuíz. Aquel instrutor pediu un cambio voluntario de xulgado por motivos persoais e o segundo xuíz, o actual, comezou o seu traballo asumindo as teses do fiscal e rexeitando calquera responsabilidade máis aló do maquinista.

Non foi ata hai un ano, cando a Audiencia Provincial da Coruña ordenou ao xuíz reabrir a instrución e analizar as posibles responsabilidades de Adif, cando Antonio Roma mudou de postura e pasou a reclamar novas declaracións e probas nesa nova liña. As vítimas de Angrois critican que durante boa parte da instrución Antonio Roma actuase máis como avogado defensor do Estado que como fiscal. Na actualidade, xunto co maquinista está tamén imputado quen fora director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, que rexeitou declarar mentres a Audiencia non resolva o seu recurso contrario á súa imputación.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.