0 Gardados para despois

Vítimas de Angrois acusan a xuíz e fiscal de “actuar de avogados defensores de Adif e Renfe”

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


“Que un fiscal e un xuíz, con 80 mortos, actúen como están actuando... Estamos convencidos de que están actuando como avogados defensores de Adif e Renfe”. Quen así se pronuncia é Teresa Gómez-Limón, portavoz da plataforma de vítimas do accidente de Angrois e ex-deputada autonómica en Madrid do PP. A súa crítica lanzouna este mércores ás portas dos xulgados de Santiago, onde compareceu para cargar contra a falta de colaboración do Goberno coa xustiza logo de que Adif veña de entregar documentos que considera “relevantes” para a causa con tres anos de demora.

“Que un fiscal e un xuíz, con 80 mortos, actúen como están actuando... Estamos convencidos de que están actuando como avogados defensores de Adif e Renfe”

Este mércores estaba prevista a declaración de dous peritos que consideran que Adif non analizou correctamente o risco que tiña a curva de Angrois dun exceso de velocidade como o que ocorreu o 24 de xullo de 2013, cando un maquinista dun tren Alvia non freou a tempo sen que houbera ningún sistema que evitase ou paliase o seu despiste. Porén, a declaración dos expertos foi adiada ata o 18 de outubro porque o pasado luns, dous días antes da súa comparecencia prevista, Adif decidiu entregar no xulgado 300 folios de documentos que cualifica de “relevantes” pero que segundo a súa versión “omitiu por erro” durante tres anos. Son documentos sobre a análise de riscos da liña de AVE Ourense-Santiago que en principio non responderían ás dúbidas polas que a Audiencia da Coruña reabriu en maio a investigación, xa que non analizan como pedía o tribunal “a situación de perigo concretamente existente na curva” senón en toda a liña de xeito xenérico. Pero aínda deben ser analizados polos peritos, de aí o adiamento da súa comparecencia.

Malia adiarse a declaración dos expertos, a portavoz da plataforma de vítimas desprazouse igualmente este mércores a Santiago para, nas portas do xulgado, criticar a actuación de Adif. “Vese que se lles caeu debaixo da alfombra”, dixo de xeito irónico sobre a documentación achegada agora con tres anos de demora. “É unha burla que se presente dous días antes [da declaración dos peritos] pero o que me parece máis grave é que o xuíz o admita”, criticou. E lembrou que “durante dous anos nós pedimos probas de todo tipo e non se nos admitiu nin unha, nin unha, e agora a Adif admíteselle isto”.

As vítimas insinúan que cos novos documentos achegados ao xulgado con tres anos de demora a empresa pública xestora das vías tenta desviar a responsabilidade ás construtoras do AVE

Gómez-Limón avanzou que o avogado da plataforma pedirá que se certifique a autenticidade dos documentos agora achegados, xa que amosou as súas dúbidas de que puideran ser falsificados ao longo destes tres anos. A portavoz das vítimas tamén dixo sospeitar que con estes novos documentos, elaborados supostamente no seu momento polas construtoras do AVE e previos á validación da seguridade realizada posteriormente por Adif e Fomento, a empresa pública “quere quitarse o marrón e botarllo a outro”, en referencia ás empresas privadas.

Nas súas críticas ao Goberno e á xustiza Gómez-Limón tamén revelou que hai meses tanto o fiscal do caso, Antonio Roma, como o presidente de Renfe, Pablo Vázquez Vega, pediron reunirse coa plataforma de vítimas o primeiro e con ela en solitario o segundo. Gómez-Limón contou que a principal preocupación de ambos era saber que necesidades materiais tiñan, fronte ao desexo, segundo o seu relato, de xustiza e non de cartos por parte dos familiares dos falecidos.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

En Marea e BNG piden explicacións ao Goberno polo seu entorpecemento da xustiza

A “omisión por erro” de Adif de documentos que considera “relevantes” sobre o accidente de Angrois pero que acaba de entregar no xulgado con tres anos de demora fai que En Marea e BNG veñan de presentar e anunciar diversas iniciativas parlamentarias para pedir explicacións ao Goberno polo que consideran un entorpecemento da xustiza.

A portavoz de En Marea no Congreso dos Deputados, Alexandra Fernández, formalizou xa peticións de comparecencia do presidente de Adif, Gonzalo Ferre, e do ministro de Fomento en funcións, Rafael Catalá. Ao primeiro pídelle que explique “as razóns de omitir 'por erro' durante tres anos” a entrega da documentación agora facilitada e ao ministro que aclare “as dúbidas existentes respecto á colaboración coa xustiza garantida por Fomento” supostamente desde o inicio das investigacións. Para Alexandra Fernández, “perante feitos como este, está en cuestión que Fomento, Adif e Renfe colaborasen de verdade coa xustiza, máis ben adicáronse a pór paus na roda co único obxectivo de que o proceso identificase como único culpábel ao maquinista do Alvia” e “opacar como fose as posibles responsabilidades políticas”. Por iso, En Marea insiste en que “a demanda da comisión de investigación do Alvia no Congreso cobra aínda máis forza”.

Para a portavoz do BNG, Ana Pontón, o agora acontecido con Adif  “é unha cuestión de suficiente calado para que, primeiro, todo o Parlamento [de Galicia] se posicione a favor das vítimas e da verdade, segundo para que reclamemos unha investigación independente e terceiro, para que sexa unha cuestión de país mellorar as condicións de seguridade e de funcionamento do ferrocarril en Galiza”. Pontón cualificou de “indignante” a demora da entrega de documentación por ADIF e preguntouse “cantos informes máis oculta Fomento”. Segundo Pontón, “un dos primeiros acordos da Cámara debe ser a reprobación de todo o Goberno do Estado por ocultar información relevante que podería deitar luz sobre as consecuencias do accidente de Angrois”.

Catalá insiste en ofrecer transparencia e resta agora importancia aos documentos “omitidos por erro” que Adif ve “relevantes”

O ministro de Fomento en funcións, Rafael Catalá, asinou este mércores en Madrid un convenio para a construción do acceso á Cidade da Cultura desde a AP-9 e foi preguntado pola demora de tres anos na entrega por parte de Adif dos documentos sobre o accidente de Angrois que achegou este luns ao xulgado. O ministro asegurou que os documentos agora entregados son complementarios de outros xa aportados ao comezo da instrución e restou importancia ao seu contido. Porén, a propia avogada do Estado que representa a Adif presentou este luns os novos documentos como “relevantes” e admitiu que ata o de agora se “omitiron por erro”.

Pero efectivamente, á espera do que poidan dicir os peritos que os teñen que estudar, na nova documentación non hai nada novo a respecto das avaliacións de risco do AVE Ourense-Santiago que xa se entregaran no xulgado pouco despois do sinistro. Tampouco agora se atopa nos novos papeis ningunha referencia se Adif analizara correctamente a “situación de perigo concretamente existente na curva”, como pediu indagar a Audiencia da Coruña ao reabrir o caso.

Malia o agora acontecido, que reafirma as críticas das vítimas contra o Goberno polas sucesivas ocasións en que consideran que entorpeceu a investigación, Catalá volveu ofrecer transparencia.