Feijóo avala que a Xunta non acuse os cargos do PP xulgados nos casos Cela e Campeón

O presidente Feijóo na súa comparecendia deste xoves tras o Consello da Xunta Dominio Público Xunta de Galicia

Nas dúas últimas semanas xuíces e fiscais fixeron públicas as súas decisións de xulgar a ex-cargos do PP e funcionarios ou ex-traballadores da Xunta por dous casos que inclúen malversación e delitos contra a Facenda Pública, entre outros: o caso Campeón e a Fundación Cela. Malia que é o principal prexudicado, o Goberno galego non está persoado no caso Cela, no que todos os acusados actuaron como funcionarios públicos e un deles foi conselleiro de Fraga, mentres que no caso Campeón só acusa aos empresarios implicados, pero non aos ex-cargos do PP, entre eles un ex-deputado autonómico, contra os que si actúa a Fiscalía. Este xoves o presidente Feijóo asegurou que a decisión de contra quen se persoa a Xunta nunha causa xudicial é dos técnicos da súa Asesoría Xurídica, non do Goberno galego, e rebaixou a importancia dos casos no que atinxe aos funcionarios públicos a “unha mala xestión” sen ver neles “responsabilidade penal”.

“Son os letrados da Xunta os que nos indican en que casos temos que persoarnos, ante quen e contra quen, e normalmente os letrados da Xunta soen acertar na inmensa maioría dos casos"

O caso Campeón, o primeiro gran caso de corrupción na Xunta desde a chegada de Feijóo, estourou en 2011 e investigou a presunta trama creada en torno do empresario lucense Jorge Dorribo para, entre outras cuestións, obter subvencións públicas de xeito ilegal. O xuíz vén de decretar a apertura de xuízo oral contra el e outros 12 acusados, entre eles quen fora director do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Joaquín Varela, apartado do posto tras a súa detención, o ex-subdirector de Información do ente público, Carlos Silva, e mais a responsable de Financiamento da entidade, Cristina Quintela. Os tres están acusados de delitos contra a Facenda Pública, igual que o ex-deputado autonómico do PP Pablo Cobián, sobre o que tamén pesa o cargo de tráfico de influencias, xa que supostamente actuaba como intermediario entre a administración e os empresarios. A fiscalía acusa os 13 implicados, pero a Xunta só a 9, os empresarios, e deixa fora o ex-deputado, o ex-alto cargo autonómico e os seus dous subordinados.

Os cartos implicados tanto no caso Campeón como na Fundación Cela procedían fundamentalmente das contas públicas autonómicas

Na investigación aberta polo funcionamento da Fundación Camilo José Cela, a xuíza instrutora vén de recibir o aval da Audiencia Provincial da Coruña para xulgar por malversación a catro cargos da entidade, dependente da Xunta: a segunda muller do escritor, Marina Castaño; o patrón da fundación e ex-conselleiro popular Dositeo Rodríguez; a filla deste, Covadonga Rodríguez, que segue a traballar na entidade; e o seu ex-xerente, Tomás Cavanna. A Audiencia considera que todos eles, ao traballar nunha fundación de carácter público, deben ser considerados funcionarios públicos, e polo tanto os seus presuntos delitos deben ser xulgados por un xurado popular. Tamén considera que os cartos presuntamente malversados tiñan carácter público, ao proceder de achegas da Xunta. Malia iso, o Goberno galego non está persoado na causa.

“Unha cousa é perder a confianza cun funcionario e resolverlle un contrato de traballo e outra cousa é entender ou interpretar que hai responsabilidade penal na súa falta de dilixencia”

Preguntado por esta situación, o presidente Feijóo asegurou que “a Asesoría Xurídica da Xunta é a que fixa os criterios de defensa e representación en xuízo”, e amosou o seu “respecto” polo seu traballo “polo número de preitos que está gañando, pola defensa dos intereses de Galicia, polo número de indemnizacións que está evitando e polas cantidades de diñeiro que está recuperando”. “Cando entendemos que alguén atenta contra o diñeiro público, persoámonos”, dixo Feijóo. Pero a continuación o presidente matizou que, cando “quen atenta contra o diñeiro público son empresarios”, en relación á suposta trama organizada en torno a Dorribo, pero os funcionarios ven a súa labor “envolta” na trama sen “intencionalidade”, non actúan contra eles. “Unha cousa é perder a confianza cun funcionario e resolverlle un contrato de traballo e outra cousa é entender ou interpretar que hai responsabilidade penal na súa falta de dilixencia”, engadiu.

No caso Campeón, xuíz e fiscal consideran que o comportamento dos funcionarios non se limitou a unha “falta de dilixencia” senón que colaboraron activamente na comisión dos delitos contra a Facenda Pública, especialmente nos casos do ex-director do IGAPE e do ex-deputado do PP. Pola súa banda, na causa sobre a Fundación Cela a Audiencia da Coruña vén de constatar que os feitos investigados foron coñecidos no seu momento polo entón secretario xeral da Presidencia da Xunta, Valeriano Martínez, home da máxima confianza de Feijóo e hoxe conselleiro de Facenda. Malia iso, o presidente insistiu: “Son os letrados da Xunta os que nos indican en que casos temos que persoarnos, ante quen e contra quen, e normalmente os letrados da Xunta soen acertar na inmensa maioría dos casos”, concluíu o presidente. A Asesoría Xurídica depende organicamente da vicepresidencia da Xunta.

Cobián, ex-deputado do PP, estreita a man de Dorribo © Sumario da Operación 'Campeón'
Auto da Audiencia da Coruña que relata a comunicación entre Dositeo Rodríguez e os secretarios de Cultura e do Presidente Dominio Público Audiencia Provincial da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.