0 Gardados para despois

O Igape deulle a Dorribo, coa axuda de Cobián, un crédito de 3 millóns apoiado en facturas falsas

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Unha "farsa de facturas". Isto é o que, segundo as investigacións do Servizo de Vixilancia Aduaneira, sustentou a concesión, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), dun crédito do Banco Europeo de Investimento (BEI) a Laboratorios Nupel, a empresa que, presuntamente, se situou no centro dunha trama de fraude de subvencións e blanqueo de capitais, a Operación Campeón. Segundo consta no sumario do caso, ao que tivo acceso Praza Pública, a concesión deses fondos -que o Igape tería adiantado cos seus propios cartos, como adoita acontecer- chegou a concretarse, en boa medida, grazas á mediación do ex deputado do PP Pablo Cobián entre a suposta trama corrupta e o Igape na persoa do seu ex director, Joaquín Varela, detido na primavera de 2011. A xuíza instrutora do caso, Estela San José, chegou a acumular "múltiples indicios" que apuntaban "á comisión" por parte do ex deputado "de distintos feitos delitivos", ata o punto de que o 24 de xuño do pasado ano chegou a reclamar que fose detido.

Que motivacións impulsaron a Cobián para, en verbas da xuíza, "empurrar" o proceso de concesión de axudas á empresa de Jorge Dorribo? Esencialmente, segundo o recollido nas investigacións de Vixilancia Aduaneira, motivacións de tipo económico. A grandes trazos, o seu presunto pacto coa trama consistiría en lograr axudas do organismo de crédito da Xunta e, a cambio, recibiría cartos para patrocinar o equipo de automobilismo do seu fillo, Cobián Racing Team. Eses fondos, segundo consta nunha exposición razonada remitida pola maxistrada ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, poderían proceder do propio "préstamo público" concedido polo Igape, xa que o cobro por parte de Cobián estaría "condicionado" a que Nupel recibise o crédito do Igape.

Cobián recibiría cartos para o equipo automobilístico do seu fillo a cambio de influír no Igape

Con todo, e malia ás múltiples influencias, o camiño para a concesión do préstamo tivo as súas curvas, motivadas en boa medida pola precaria situación económica de Nupel que lle impedía cumprir os requisitos para lograr a axuda. É aquí onde, atendendo á investigación, se convertería en esencial o papel do ex director do Igape e a comisión pola súa parte de presuntos actos delitivos. O crédito de tres millóns tiña a teórica finalidade de contribuír ao financiamento dunha planta de produción de medicamentos unidose no concello lugués de Rábade. Eses cartos serían o 50% dun montante total de case 6 millóns. O resto correspondería a un 15% de subvencións directas do Igape, outro 15% de subvencións estatais  e un 20% de fondos da propia empresa. Segundo consta no sumario, o 9 de marzo de 2011 "xorden problemas inesperados" na operación, dado que o Igape "estaría solicitando a Nupel os xustificantes dos pagamentos realizados (...) correspondentes aos fondos propios e este sería o problema, que presuntamente non realizaran pagamento ningún e só poderían xustificar algunhas facturas que, polo visto (...), poderían ser facturas falsas de empresas vinculadas ao propio Jorge Dorribo", explica o sumario.

Facturas irregulares e garantías inexistentes

Tanto Dorribo como algúns dos seus socios amosaron a súa "estrañeza" pola petición de documentos, "xa que anteriormente o director xeral do Igape", sempre segundo as investigacións, "dixera que non quería facturas por seren claramente irregulares". Malia todo, o suposto líder da rede decide falar con Cobián para desbloquear o asunto e cítanse nun reservado dun coñecido hotel de Santiago. Á cita acoden, ademais de Dorribo e Cobián, Carlos Monjero -propietario da consultora Proitec, tamén ligada presuntamente á trama-, e o propio director do Igape, Joaquín Varela. Na rúa contrólaos un axente de Vixilancia Aduaneira, que toma fotografías como a que acompaña esta información.

Dorribo pediulle a unha das súas empregadas comprobar "que non figuran en Internet os prezos da maquinaria"

"Como consecuencia" desta xuntanza, explican os investigadores, Dorribo ordénalle a unha empregada de Nupel que realice "novos cambios na documentación que presentarán ao Igape". O obxectivo sería amosar como nova parte da maquinaria coa que a empresa farmacéutica xa contaba. Con xustificantes de pagamento "evidentemente falsos" na man, Dorribo chégalle a pedir a outra das súas traballadoras que "comprobe en Internet que non figuran os prezos da maquinaria que farán figurar nas facturas". Noutra ocasión "dille que escanee as fotos da maquinaria, pero que non se vexa o fabricante, e lla poña tamén na factura". A outra pata da "farsa" estaría nas garantías que legalmente se esixen para poder cobrar ese tipo de préstamos. Segundo se pode tirar do sumario, Dorribo presentou como garantías hipotecas sobre naves e maquinaria de Nupel. Unhas e outras estarían xa hipotecadas por outras débedas pero, en todo caso, os trámites de formalización da hipoteca tampouco chegaron a completarse.

Malia ás, en palabras da xuíza, "graves irregularidades presuntamente inadvertidas ou omitidas polas persoas encargadas de aprobar" o préstamo, "concretamente por Joaquín Varela de Limia", o crédito concedeuse. Concretamente, o 28 de decembro de 2011 Varela propuxo formalmente a súa concesión. Ao día seguinte a directora da área de Financiamento do Igape, a tamén imputada Cristina Quintela, eleva a proposta de concesión ao Consello do Igape. Finalmente, o 30 de decembro, acórdase a concesión no máximo órgano do ente, nunha resolución asinada por Francisco Javier Álvarez, en calidade de secretario, e polo conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, en calidade de presidente do Igape.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Os agardados 60.000 euros para o 'Cobián Racing Team'

Segundo as investigacións contidas no sumario da Operación Campeón, o ex deputado do PP Pablo Cobián tería realizado "cando menos dende decembro de 2010 ata xuño de 2011" funcións de "intermediación" entre Dorribo e o director do Igape, Joaquín Varela, "para que este organismo dependente da Xunta concedese un trato de favor e preferente na tramitación, así como na final concesión e cantidades" do préstamo do Banco Europeo de Investimento, "e unha subvención" do propio Igape. Un auto da xuíza sinala que "o esforzo" de Cobián para que as axudas chegasen a bo porto "déixao meridianamente claro" Varela nunha conversa con Jorge Dorribo. Esta información, obtida a través de picazos telefónicos, é considerada como "determinante" á vista "das irregularidades" das que presuntamente estaba inzado o proceso.

O atraso na chegada do préstamo do BEI ás arcas de Nupel puxo nervioso a Cobián, segundo é posible tirar do sumario xa que, presuntamente, Dorribo non estaba disposto a pagar o patrocinio ao equipo de karts do fillo do ex deputado, o Cobián Racing Team, ata que o Igape comezase os ingresos. Por este motivo, un mes despois de que o Igape dese luz verde á concesión, Cobián remitíalle unha mensaxe de texto a Carlos Monjero, propietario da consultora Proitec e colaborador de Dorribo. "Necesito que se abone parte do patronicio a Cobián Racing para facer pagamento ao equipo antes da carreira desta fin de semana. Jorge díxome que o chamases para organizalo", di a mensaxe.

Segundo figura no propio sumario, aínda pasaría outro mes máis e Cobián só tería recibido 1.500 euros, e a insistencia do ex parlamentario comeza a irritar aos presuntos membros da trama corrupta. Así, nunha conversa telefónica do 22 de febreiro, Javier Rodríguez, copropietario de Proitec, dille a Monjero que Cobián "non ten nada que dicir, que reclame cando chegue a pasta". "Se o seu fillo non pode correr en coche, que corra en bicicleta". Nesa conversa os socios de Dorribo non aforran cualificativos e ven "parvo" a Cobián. "Pensa que mandando o fillo a Italia vai ser como Fernando Alonso", din.

O pagamento atrasaríase un mes máis pero, no momento en que empezou a fluír o diñeiro do Igape, tamén tería comezado a fluír o de Cobián. Segundo figura nunha factura atopada no rexistro policial da Sede de Nupel, a empresa R2MC Cup Rally, supostamente tamén parte do entramado, abonou 60.180 euros co concepto "patrocinio Cobián Racing Team".