O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de condenar á Xunta a recoñecer a un médico ao que contratou e despediu 18 veces ao longo das dúas últimas décadas toda a súa antigüidade desde o seu primeiro contrato en 1995. E faino malia que entre algúns deses contratos houbo períodos de ata 152 e 114 días nos que o traballador non prestou servizo. O tribunal considera fundamental que “as funcións e o posto foron os mesmos ao longo de dúas décadas de vinculación laboral”.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia da relevancia a que “as funcións e o posto foron os mesmos ao longo de dúas décadas de vinculación laboral”, á marxe das interrupcións que houbo nese tempo
A sentenza, emitida o pasado 25 de xaneiro e que vén de ser feita pública polo despacho vigués Zeres Abogados, relata como o médico afectado comezou a traballar para a actual Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), dependente do Sergas, o 1 de xuño de 1995 cun contrato de substitución de catro meses. Desde ese momento foi sendo despedido e contratado novamente ao pouco tempo en 18 ocasións, ata que en 2004 subscribiu un contrato de interinidade por praza vacante. Baixo ese contrato prestou servizo máis dunha década ata que en 2016 presentou unha demanda esixindo ser declarado persoal indefinido non fixo con antigüidade desde o seu primeiro contrato de 1995.
En maio do ano pasado un xulgado do Social estimou parcialmente a demanda do traballador e declarouno indefinido non fixo, pero limitou a súa antigüidade ao momento en que asinara o último contrato aínda vixente, en 2004. Esa sentenza foi recorrida tanto pola Xunta como polo traballador e agora o TSXG vén de rexeitar o recurso do Goberno galego e aceptar o do médico, recoñecéndolle a antigüidade desde 1995 e restando importancia ás sucesivas interrupcións da relación laboral.
Os avogados do traballador salientan a importancia da sentenza no ámbito das administracións públicas onde “é habitual a concatenación de contratos temporais a través das chamadas listas de contratación”
O avogado do traballador, Lois Regueira, salienta que a sentenza supón “un avance significativo na protección dos empregados temporais, xa que ata agora o límite máximo de interrupción entre contrato e contrato fixárase por sentenza do Tribunal Supremo en pouco máis de tres meses”. Agora o TSXG argumenta que neste caso “a existencia de rupturas de -como máximo- 152 días e 114 [fundamentalmente en 1997], aparte duns poucos días noutros períodos, non é suficiente para excluír retrotraela [a antigüidade] ao primeiro dos seus contratos temporais [...] sobre todo cando as funcións e o posto foron os mesmos ao longo de dúas décadas de vinculación laboral”.
Nesas circunstancias, o tribunal non considera que esas interrupcións sexan períodos “moi dilatados” e, citando xurisprudencia, a sentenza di que “cabe o exame de toda a serie contractual, sen atender con precisión aritmética á duración das solucións de continuidade entre os contratos sucesivos, naqueles supostos en que se acredite unha actuación empresarial en fraude de lei e ao mesmo tempo a unidade esencial do vínculo laboral”. E iso foi o que pasou co traballador en cuestión, que sempre prestou servizo no mesmo posto laboral durante máis de dúas décadas.
Fabián Valero, socio director do despacho de avogados, destaca importancia da sentenza no ámbito das administracións públicas onde “é habitual a concatenación de contratos temporais a través das chamadas listas de contratación”, situación que afecta a “centos de milleiros de traballadores en situación especialmente precaria”. Esta sentenza, salienta, “deixa claro que saltar de contrato en contrato non rompe o vínculo inicial coa Administración; se hai fraude a vinculación será indefinida e a antigüidade no posto desde o primeiro contrato”.