A Sociedade Galega de Historia Natural recompilou as perdas de vidas humanas relacionadas co lume no monte nun listado revelador do alcance do problema e que podería ser máis amplo
A Xunta vén de ser condenada pola morte en 2015 dun axente forestal que sufriu un infarto cando acudía en solitario a un incendio. O falecido sufrira xa un infarto previo e solicitara en varias ocasións, amparado por informes médicos que así o recomendaban, o seu traslado a outras ocupacións que non requirisen estrés físico ou psíquico, pero a Xunta rexeitárao e agora terá que indemnizar á viúva do falecido. “Non se pode considerar”, di a sentenza, que a Xunta “actuase de forma dilixente na protección da saúde dun traballador que, finalmente, faleceu da cardiopatía que padecía co gallo das súas funcións” sometido “a situacións de estrés e esforzo físico e exposición a gases e fontes de altas temperaturas”.
Esa morte que agora un xulgado do Social de Lugo relaciona de xeito directo cun incendio forestal, e que non é a primeira pola que é condenada a Xunta, que xa o foi polo falecemento de dous brigadistas en Fornelos de Montes en 2010, eleva cando menos a unha trintena as mortes vinculadas cos lumes nas tres últimas décadas en Galicia. Así se extrae dun reconto elaborado pola Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) tras a vaga de incendios de outubro de 2017 que podería estar incompleto pero que é revelador do alcance do problema.
A recompilación de falecementos relacionados dun ou doutro xeito cos incendios forestais realizada pola SGHN comeza co accidente dun hidroavión de extinción en Lavacolla en 1988 no que faleceron catro persoas
A recompilación de falecementos relacionados dun ou doutro xeito cos incendios forestais realizada pola SGHN comeza co accidente dun hidroavión de extinción en Lavacolla en 1988 no que faleceron catro persoas. Outros cinco pilotos morreron desde aquela noutros tantos accidentes, do mesmo xeito que no listado tamén aparecen brigadistas non só falecidos polo efecto directo do lume senón tamén en accidentes sufridos en desprazamentos. Veciños que realizaban queimas ou que se viron rodeados por incendios é outro dos perfís que se repiten no listado da SGHN, que remataba cos catro falecidos na vaga de incendios de 2017 para sumar un total ata daquela de 27 mortes.
Ese listado non reflectía o falecemento en 2015 do axente forestal por cuxa morte agora é condenada a Xunta, polo que outros casos similares puideron quedar fora da recompilación da SGHN. Desde aquela, ademais, cando menos outras dúas mortes poderían estar relacionadas cos incendios forestais. A comezos do pasado mes de marzo un home de 89 anos foi atopado falecido nun incendio forestal en Friol e, a finais dese mesmo mes, apareceu queimada unha persoa no interior dun vehículo en Toques nun suceso do que se investiga se o incendio forestal foi producido polo incendio do coche ou á inversa.