A parroquia da Capela, no concello de Toques, sufriu na noite do pasado mércores un incendio forestal. As estimacións provisionais da Consellería do Medio Rural indican que o lume ficou extinguido tras atinxir unha superficie de apenas 35 hectáreas, pero na área afectada polas lapas apareceu un cadáver calcinado.
Medio Rural confirmou á Praza.gal que a Garda Civil está a investigar o achado deste corpo sen vida no interior dun vehículo por parte dos axentes que acudiron a dirixir a extinción. A propia Consellería indica que o vehículo "estoupou" e que a súa explosión foi "simultánea" ao inicio do propio incendio.
A investigación terá que determinar se o estoupido do vehículo no que foi achado o cadáver foi causa ou consecuencia do incendio forestal e mais a identificación do corpo calcinado
Aínda que ambas cousas sucederon "no mesmo momento", segundo confirman os técnicos, a Garda Civil investiga, non obstante, se o estoupido do vehículo foi a causa do incendio ou se, pola contra, foi consecuencia deste. Serán precisas ademais probas de ADN para identificar o corpo. O caso xa está baixo investigación xudicial.
Si está claro xa que se produciron ao mesmo tempo, contra as dez da noite do mércores. Ata que puido quedar extinguido, ás sete e vinte da mañá do xoves, queimou 27 hectáreas de monte arborado e outras 7 de monte raso. Na zona interviñeron 4 axentes e 4 brigadas de bombeiros forestais.
Alén da investigación do corpo calcinado achado en Toques, os esforzos dos efectivos contra incendios seguían concentrados este xoves en boa medida na contorna de Dodro e Rianxo, onde o gran incendio forestal declarado o domingo foi quedou extinguido este xoves. Alí tiveron que intervir xa case medio cento de brigadas, ademais de abondosos medios aéreos e efectivos da Unidade Militar de Emerxenicas. A superficie arrasada elevouse xa ás 1.162 hectáreas.
Medio Rural dá tamén por extinguido o incendio do Barco de Valdeorras, no que arderon 121 hectáreas na parroquia de Santigoso. Estes balances son necesariamente provisionais e incompletos xa que, como vén facendo dende hai dez anos, a Xunta continúa sen ofrecer partes informativos nos que inclúa todos os incendios que se rexistran en Galicia.