O lume prendeu media Galicia: no 60% dos concellos comezou algún incendio no peor da vaga

Incendios en Ponteceso nos primeiros días de agosto CC-BY-SA BRIF Tabuyo

O lume prendeu en máis de media Galicia na tráxica vaga do pasado verán. A información oficial sobre o número real de incendios que sufriu Galicia entre o 1 e o 18 de agosto, revelada en exclusiva por Praza.gal o pasado xoves, amosa como practicamente no 60% dos concellos galegos se iniciou polo menos un incendio naqueles días. 

Concretamente, no 58% dos municipios de Galicia houbo algún fogo que foi rexistrado pola Xunta, aínda que a inmensa maioría deles non foron notificados de maneira pública, seguindo a política informativa dun Goberno galego que só divulga aqueles incendios que superan as 20 hectáreas ou afectan lugares poboados ou protexidos.

En total, foron 492 os incendios rexistrados en Galicia nos primeiros 18 días de agosto, malia que a Xunta só informou de 45. Nas peores semanas dunha vaga que empezou a minorar a partir do día 19, cando o descenso térmico e o aumento da humidade detivo o avance dos grandes fogos que, no entanto, non serían extinguidos ata o último día do mes. 

En 182 dos 313 concellos de Galicia iniciouse algún incendio nos primeiros 18 días de agosto, os peores da vaga do verán

Así, eses case 500 incendios afectaron un total de 182 dos 313 concellos que ten Galicia, segundo os datos facilitados a este diario, que poderían mesmo aumentar de ter en conta algún incendio rexistrado en zonas urbanas da Coruña ou Lugo que non aparece indicado, seguramente por non ser forestal malia afectaren zonas verdes. 

Os fogos afectaron especialmente a franxa atlántica, declarándose preto de 300 deles nas provincias da Coruña e Pontevedra. De feito, unha ollada aos datos permite comprobar como algúns municipios costeiros foron os que máis incendios rexistraron, destacando o caso de Carballo, con 18 focos, Ponteceso (17), Muxía (10) ou Meaño (8). 

Precisamente, e durante aqueles primeiros días de agosto, o Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil detivo unha veciña de Carballo como presunta autora de varios incendios no municipio naquela altura e outra foi investigada por ser presuntamente a causante doutros fogos os días 3, 5, 9 e 11 de agosto no concello de Muxía. 

Moi preto, municipios como Ponteceso sufriron tamén un elevado número de incendios en poucos días, case todos eles tamén provocados. Foron 17 en só dúas semanas, pero cinco concentrados entre o primeiro venres e luns de agosto, afectando zonas moi próximas a núcleos de poboación, o que obrigou a confinar poboacións enteiras e desaloxar outras. De especial gravidade foi o que tivo lugar en Corme Aldea, con lapas a só uns metros das casas e tractores con cisternas cargadas de auga sendo claves para evitar "unha desgraza", segundo relataba a veciñanza a Praza.gal.  

Vilalba, onde o lume apenas tivo consecuencias, foi o concello onde se rexistraron máis incendios: 19 en só 14 días

Tamén no interior houbo municipios que, malia non seren dos máis afectados polas consecuencias do lume, si foron dos que máis avisos recibiron por incendios durante as primeiras semanas de agosto. Destaca entre eles o caso de Santiago de Compostela, onde se rexistraron 17 fogos. Catro deles en Conxo, outros catro en Vidán e tres en San Caetano. 

Con todo, o concello galego onde máis incendios se rexistraron durante os peores días da vaga de agosto non está na Galicia atlántica —co récord en número de focos— nin no interior de Ourense, onde as consecuencias e a superficie arrasada bateron todas as marcas. En Vilalba, no interior de Lugo e capital da Terra Chá, rexistráronse un total de 19 focos en só 14 días, os que van do 4 ao 17 de agosto. Sete deles tiveron lugar na parroquia de Goiriz.

Uns poucos incendios iniciados en Ourense viraron nos peores rexistrados na historia de Galicia, mentres numerosos focos máis ao norte ou na franxa atlántica non tiveron consecuencias graves

No entanto, foron uns poucos fogos iniciados en Ourense, coas súas particulares características climáticas e de ordenación do territorio, os que amosaron as consecuencias dos incendios incontrolables de sexta xeración, coas 23.000 hectáreas queimadas (segundo a Xunta, máis segundo as medicións por satélite) no iniciado o 8 de agosto en Chandrexa de Queixa, as preto de 24.000 hectáreas dos que comezaron o 12 de agosto en Oímbra e Xinzo de Limia que acabarían uníndose ou as preto de 32.000 hectáreas do iniciado o 14 de agosto en Larouco e que acabaría converténdose no maior incendio rexistrado na historia de Galicia.

A Mariña e Ortegal

No lado oposto sitúanse, unha vez máis, A Mariña e o Ortegal. As dúas comarcas con máis eucaliptais de Galicia líbranse cada ano do lume que provoca numerosos focos en moitas outras zonas ou arrasa milleiros de hectáreas no sur. Todo malia que hai montes ben xestionados pero outros tamén descoidados que tampouco sofren as lapas, tal e como destacaban numerosos expertos nunha reportaxe de hai anos.  

Dos 19 concellos que conforman as dúas comarcas do norte de Galicia, tan só dous sufriron algún incendio neses primeiros 18 días de agosto: Ourol (na parroquia de Bravos) e Barreiros (Cabarcos). Nesta última parroquia, con todo, un importante fogo rexistrado en setembro queimou máis de 150 hectáreas de monte arborado e provocou feridas graves en cinco brigadistas. 

Os detalles de todos os incendios rexistrados no peor da vaga do verán veñen de ser publicados por Praza.gal tras unha petición ao amparo da Lei de Transparencia. Os datos permiten comprobar os efectos e peculiaridades dos fogos. Desde os máis pequenos ata os incontrolables de sexta xeración, dos que levan anos advertindo múltiplas voces. Uns incendios de nova tipoloxía, os meirandes documentados no noso país, que se rexistraron en Ourense e o sur de Lugo malia que a maioría dos focos do período analizado xurdiron na Galicia atlántica. 

Os datos agora revelados tamén permiten comprobar que o ocultado pola Xunta é moito máis. Antes do 1 de agosto houbo outros varios centos de incendios en toda Galicia e o Goberno galego só divulgara 19.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.