Un terzo dos incendios ocultados pola Xunta comezaron de noite

Incendio nocturno en Chandrexa de Queixa en agosto de 2025 CC-BY-NC-SA Montaxe: Praza.gal | Foto: © María Domínguez

O 8 de agosto que comezou o primeiro grande incendio da vaga, o de Chandrexa, a Xunta só comunicou outro máis, en Padrenda, pero realmente rexistrara un total de 21

Os datos sobre os incendios rexistrados en Galicia entre o 1 e o 18 de agosto ocultados pola Xunta e liberados este xoves por Praza.gal permiten comprobar como en Ourense, con menos incendios que na Galicia atlántica, a situación acabou descontrolándose. Pero tamén que boa parte dos lumes, 165, un terzo exacto dos 492 totais, comezaron de noite, entre as 22 horas dun día e as 7 horas do día seguinte. Igualmente, o detalle permite coñecer cantos incendios ocultou a Xunta cada día.

O detalle dos incendios agora revelado por este diario sinala que entre as 22 horas do venres 9 de agosto e as 7 horas da mañá do sábado 10 comezaron 15 incendios en toda Galicia, e outros 14 incendios na noite seguinte do sábado ao domingo

Pero sería outro día, tamén non laborable, o venres 15 de agosto, festivo en toda Galicia, o que rexistrou máis incendios, cun total de 35. Sete deles comezaron entre as dez da noite do día anterior e as sete da mañá desa xornada. Porén, ese día a Xunta só comunicou a aparición en toda Galicia de catro novos incendios.

O mesmo pode dicirse do día 8, no que comezou o primeiro grande incendio da vaga, o de Chandrexa de Queixa, que acabaría queimando 23.000 hectáreas segundo as cifras oficiais da Xunta, máis segundo as medicións por satélite. Naquela xornada a Xunta rexistrou 21 incendios distintos, pero só informou do de Chandrexa iniciado ás 15.51 horas e doutro en Padrenda comezado ás 22.03 horas.

Datos liberados tras década e media de restrición informativa

A información oficial revelada agora cunha petición formal de transparencia permite comprobar como en Ourense, con menos incendios que no resto de Galicia, acabaron rexistrándose os maiores lumes da historia

Os datos agora desvelados por Praza.gal teñen a súa orixe nunha entrevista na que o 18 de agosto a conselleira do Medio Rural admitiu que no que ía de mes rexistráranse 492 incendios, malia que o seu departamento só divulgara información de 45, varios dos cales acabarían fusionándose para quedar en 41. Praza.gal formulou unha petición oficial ao amparo da Lei de Transparencia para coñecer o detalle deses incendios, solicitude que foi inicialmente denegada pola Xunta por silencio administrativo. 

Tras un recurso á Comisión da Transparencia de Galicia, xestionada pola Valedora do Pobo, finalmente Medio Rural facilitou o detalle dos incendios rexistrados entre o 1 e o 18 de agosto. Uns datos que agora liberamos, logo de que o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia pedise máis transparencia coa información sobre os incendios a un Goberno galego que só divulga os que superan as 20 hectáreas ou afectan a lugares poboados ou protexidos.

A información á que puido acceder agora Praza.gal é semellante, en boa medida, á que a propia Xunta divulgaba por iniciativa propia, canda a superficie afectada por cada incendio, durante o mandato do Goberno galego de coalición de PSdeG e BNG. Daquela a Consellería do Medio Rural, dirixida polo nacionalista Alfredo Suárez Canal, informaba de todos os focos con lume no monte dúas veces ao día tanto aos medios de comunicación como á cidadanía en xeral a través do seu sitio web. 

Ao regresar á Xunta, en 2009, o PP impuxo unha política de comunicación moito máis restritiva, cos devanditos condicionantes. O Goberno daquela encabezado por Alberto Núñez Feijóo xustificara o cambio, que persiste década e media despois, con xustificacións como evitar un "efecto chamada" para potenciais incendiarios ou procurar non xerar "alarma social" mediante a difusión de datos completos.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.