O colexio profesional lembra tamén "a especial responsabilidade dos medios públicos galegos como fonte informativa de referencia nunha crise destas características"
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia emitiu este xoves un comunicado instando á Xunta "a ampliar a información que ofrece sobre os incendios", petición que xa lle foi trasladada formalmente ao Goberno galego. Unha petición de maior transparencia que tamén veñen realizando desde a oposición BNG e PSdeG, especialmente despois de que Praza.gal salientase que nos 18 primeiros días deste mes de agosto a Xunta ocultou 447 incendios, segundo admitiu a propia conselleira do Medio Rural.
Desde a chegada de Feijóo ao Goberno galego este só informa dos incendios de máis de 20 hectáreas ou dos que afectan a lugares poboados ou protexidos. Con esas restricións, nesta vaga de incendios Medio Rural viña emitindo tres partes diarios, con datos de aproximadamente as 8.30, 13.30 e 20.30 horas. Porén, o pasado venres pasou a emitir só dous comunicados, pola mañá e pola noite, notas de prensa que non ofrecen datos sistematizados e en formatos abertos, como esixe a Lei de Transparencia. Na noite deste mércores, ademais, a Xunta comunicou unha nova avaliación da medición dalgúns incendios e por exemplo o lume iniciado en Larouco que pola mañá estaba en 20.000 hectáreas pasou a 30.000 sen que realmente ardese esa superficie en tan poucas horas.

Neste contexto o Colexio de xornalistas pide á Xunta "que se recuperan os tres partes diarios, reducidos a dous nas últimas xornadas, de maneira que poida transmitirse á poboación un retrato actualizado da situación durante todo o día". Tamén insta á consellería "a ampliar a información que ofrece sobre lumes forestais activos, por canto segue sen dar conta dos incendios inferiores a 20 hectáreas se non afectan a espazos habitados ou parques naturais, o que provocou baleiros informativos na actual crise, e tamén se solicita que se acheguen outros datos, como os medios e persoal despregado, desglosado por días e concellos". Ademais, o colexio quere que "ademais de comunicados de prensa, se forneza tamén a información sistematizada en formatos abertos, que permitan reutilizar e comparar os datos".
O Colexio de Xornalistas tamén lembra no seu comunicado "a especial responsabilidade dos medios públicos galegos como fonte informativa de referencia nunha crise destas características, trala denuncia por parte do comité intercentros da CSAG de deficiencias no cumprimento da misión de servizo público durante a actual crise. É nas situacións de emerxencia cando máis se precisa do traballo profesional e rigoroso da televisión, radio e canles dixitais públicas, e do liderado duns servizos informativos con autonomía profesional e dotados do persoal propio necesario, despregado por todo o territorio".
Ana Pontón pregúntase se "volve a mentira como forma de xestión dunha catástrofe por parte do PP" e o PSdeG salienta que "a información salva vidas"
Ademais deste pronunciamento do colexio profesional, a oposición parlamentaria tamén vén criticando a falta de transparencia da Xunta cos incendios. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, ante o aumento repentino de hectáreas queimadas no parte oficial da noite deste mércores, pregúntase se "estivo Rueda ocultándolle a cidadanía os verdadeiros datos dos incendios destes días" e se "volve a mentira como forma de xestión dunha catástrofe por parte do PP". En días previos outras voces nacionalistas tamén criticaron o recoñecemento por parte da conselleira do Medio Rural, de que no que ía de mes ata o luns se rexistraran en Galicia 492 incendios, malia que o seu departamento só comunicara 45.
Esas mesmas declaracións foron tamén criticadas polo PSdeG, que salienta que "a información salva vidas". "Levamos días insistindo en que a cidadanía ten dereito a coñecer en tempo real que estradas están pechadas, que aldeas foron evacuadas ou que zonas seguen en risco", din os socialistas, que engaden que "o silencio non axuda, o que axuda é a transparencia, porque reduce a incerteza e dá confianza ás familias que viven momentos de angustia".