Desde hai algúns anos, a virulencia dos incendios —avivados e favorecidos en moitos casos polas consecuencias do cambio climático— está a provocar que cada vez sexa máis habitual a proximidade das lapas ás casas ou mesmo a afectación do lume a núcleos de poboación, como ocorreu en Galicia na tráxica vaga de 2017 ou no verán de 2022.
As consecuencias do cambio climático fan os incendios máis virulentos e con maior perigo para os núcleos de poboación, ao que axuda tamén a enorme dispersión en Galicia
Malia non rexistrarse danos persoais nin materiais graves, a situación vivida en Corme a pasada semana ou o desaloxo onte dunha residencia de maiores en Mezquita e de veciñanza de Maceda, Seixalbo ou Chandrexa de Queixa ou o confinamento dun campamento en Manzaneda amosan de xeito cru os riscos duns incendios que mesturan dous factores claves: a intencionalidade nalgún caso e as condicións meteorolóxicas adversas, ben sexa polo forte vento ou polas temperaturas extremas e longas tempadas de seca. En Galicia, a elevada dispersión xeográfica e a enorme cantidade de núcleos de poboación engaden outro factor máis ao aumento de perigosidade.
Todos eles explican por que cada vez é máis habitual que a Xunta se vexa obrigada a declarar a Situación 2 de emerxencia, a que se activa así que os incendios se aproximan a casas e lugares habitados e ante a posibilidade de que as lapas cheguen a eles. Onte, toda a provincia de Ourense virou en Situación 2, o que implica "maior axilidade de medios e recursos" tanto da comunidade autónoma como do resto de administracións.
Así, só desde o pasado 28 de xullo, foron máis dunha ducia as ocasións na que a Xunta decretou o nivel 2 de alerta polo achegamento do lume a pequenos núcleos de poboación.
Máis dunha ducia de veces tivo que declarar a Xunta a Situación 2 de emerxencia pola proximidade das lapas ás casas; o lume provocou tamén desaloxos e confinamentos en varios núcleos
Naquel último luns de xullo foi un incendio en Salvaterra de Miño, na parroquia de Pesqueiras, o que provocou a declaración deste nivel de emerxencia polo risco no núcleo de Castelo. Só un día despois, o lume achegouse de máis aos lugares do Pedreiro e o Urzal, en Arbo, o que obrigou tamén a declarar a Situación 2.
Do mesmo xeito aconteceu tras o fogo que se iniciou o día 30 de xullo no Couto, na Cañiza, que obrigou a erguer a alerta ao se achegar as lapas ao núcleo de Nogueiró. Pero a cousa foi mesmo a peor: por primeira vez, a Xunta emitiu unha mensaxe a través do sistema Es-Alert para decretar o confinamento de sete núcleos e 187 persoas durante a noite, unha medida levantada nas primeiras horas da mañá seguinte.
A decisión de confinar veciñanza deuse tamén un día despois no importante incendio de Vilardevós, iniciado na parroquia de Terroso. Un barrio da cabeceira municipal e o núcleo de Dona Elvira foron confinados por precaución durante horas, ademais de decretarse a Situación 2 pola proximidade das lapas a este último lugar e ao de Enxames. Ademais, a situación obrigou a evacuar 39 personas na Picota e tamén en Dona Elvira.
A proximidade dun incendio obrigou a confinar un campamento infantil na Estación de Manzaneda
Onte mesmo, e polo risco que implicaba un lume en Chandrexa, rapaces e rapazas dun campamento infantil quedaron confinados na Estación de Manzaneda, aínda que pola noita a Xunta xa avisaba de que pasara o perigo e desde esta mañá organízase a súa saída.
En Ponteceso, pola súa banda, a vaga de lumes dos primeiros días de agosto —a inmensa maioría deles intencionados segundo a Xunta e a veciñanza— non chegou a provocar a imposición do confinamento por parte das autoridades, pero si de facto en núcleos como Corme, cercados polo lume e con estradas cortadas durante ben tempo polo avance das lapas e do fume e pola necesidade de facilitar o acceso aos servizos de extinción. Onte, na cidade de Ourense, o fogo tamén cercou a cidade e obrigou a desaloxos.
Si que houbo que declarar a Situación 2 pola proximidade das lapas ás casas en Corme Aldea, nun incendio que puxo en risco poboación e vivendas, con focos que quedaron "a quince metros das casas" e que afectaron algunha deshabitada, como contaban veciños e veciñas a Praza.gal. "Puido ser unha desgraza moi grande", advertían.
Os incendios no Macizo Central obrigaron a evacuar poboación en Chandrexa de Queixa e en Maceda
A poucos quilómetros e na mesma xornada, outro incendio en Xaviña (Camariñas) obrigou tamén a declarar a Situación 2 de emerxencia pola proximidade ao lugar do Pedrouso. Un día despois, o 6 de agosto, as lapas achegáronse a Pedrapinta, en Salceda de Caselas, e á Abelleira, na parroquia de San Pedro de Batalláns, nas Neves. En ambos houbo tamén que erguer esta alerta.
Nos últimos días, a activación deste nivel de emerxencia está a ser o máis habitual por mor da voracidade dos incendios na provincia de Ourense, especialmente no Macizo Central. Xa na noite do pasado sábado ao domingo, o lume declarado en Castro de Escuadro (Maceda) estivo moi próximo ao núcleo da Teixeira. No mesmo concello, pero este martes, as lapas cercaron Santiso e Calveliño do Monte, provocando mesmo a queima dun vehículo dun axente forestal. Neste último núcleo houbo que desaloxar catro veciños e os cortalumes impediron que o fogo chegase ás casas ameazadas.
As lapas do maior incendio do ano en Galicia, o declarado en Chandrexa de Queixa, obrigou a desaloxar vivendas no lugar da Senra. Tamén unha residencia de maiores onte por outro foco na Mezquita. Na pasada fin de semana, ademais, un lume que afectou as Fragas do Eume obrigou tamén ao desaloxo do Mosteiro de Caaveiro.
Os casos de 2017 e 2022
Ademais, outros incendios activos este martes en Dozón, Verín e Vilardevós obrigaron a decretar o nivel 2 de alerta ante a proximidade das lapas aos núcleos de Tamagos, en Mourazos; aos da Silva e San Paio, situados xa na localidade veciña de Riós; e aos do Castro.
Xa que logo, as circunstancias non son tan extremas como na vaga de incendios do outono de 2017 ou a que arrasou milleiros de hectáreas tamén en 2022. Na de hai oito anos, chegou haber xornadas cun cento de incendios activos nos que case unha vintena deles obrigaron a declarar a Situación 2. Hai tres anos, pola súa banda, en só unhas semanas foron máis de 25 as alertas deste tipo erguidas pola proximidade das lapas a diferentes núcleos de poboación.
A situación operativa 2 é o nivel de emerxencia provocado por un ou varios incendios forestais que, pola súa evolución previsible, poden afectar gravemente a monte e poboación ou obrigar a adoptar medidas de protección e socorro inmediatas. Aínda que en moitos casos a emerxencia dura poucas horas, os datos indican a cada vez maior perigosidade dos incendios.
En 2022, as imaxes do núcleo da Veiga da Cascallá ardendo, no concello de Rubiá, sobrecolleron pola virulencia do lume e o impacto sobre un elevado número de casas. En 2017, a peor vaga de incendios que lembra Galicia causou catro mortes.
Daquela, centos de incendios arrasaran en poucas horas e nunha fin de semana case 50.000 hectáreas, a maioría delas nun tráxico domingo que xuntou todas as condicións necesarias para a tormenta perfecta: os restos dun furacán e os seus incontrolables refachos de vento, persistente seca, elevada temperatura para a época, combustible vexetal acumulado, mínima humidade... Ducias de núcleos de poboación foron postos en perigo ou destruídos cunhas lapas que mesmo chegaron ao centro de Vigo, poñendo en evidencia o caos dun monte tan mal xestionado como achegado ás casas.
Desta vez, outra vez as condicións climatolóxicas permiten o rápido avance dos incendios, que a maioría das veces non se achegaron a zonas tan densamente poboadas nin urbanizadas, pero que seguen ameazando pequenos núcleos de poboación a cada pouco. Noutras, mesmo urbes como a de Ourense sofren as consecuencias do fogo.