Investigadores da USC analizaron máis de cen mil incendios producidos no Estado español e California para concluír que os lumes se inician cada vez máis próximos a áreas habitadas
Nos últimos días un gran número de incendios forestais están a arrasar o sur de California, na contorna dos Ánxeles, provocando xa máis de 24 mortes e a evacuación de milleiros de persoas, coa destrución dun gran número de vivendas. A vaga de lumes, tanto pola intensidade das lapas, as condicións meteorolóxicas nas que se produce e o importante impacto sobre núcleos de poboación, lembra inevitablemente á que afectou a Galicia no outono de 2017 ou a algunhas das sufridas por Portugal nos últimos anos. Son os incendios de última xeración, favorecidos por contextos climáticos e meteorolóxicos cada vez máis extremos e que, ademais, xorden cada vez máis preto das casas.
Unha investigación do grupo Proxectos e Planificación (PROEPLA) do Campus Terra da USC vén de afondar precisamente na análise da distancia entre os puntos de orixe dos incendios e as edificacións, constatando que os lumes se inician cada vez máis próximos a áreas habitadas, cun impacto maior sobre elas. O estudo, titulado ‘Analysis of Trends in the Distance of Wildfires from Built-Up Areas in Spain and California (USA): 2007–2015’, foi publicado o pasado ano na revista Forest e parte da análise de máis de 100.000 incendios no Estado español e en California entre 2007 e 2015.
Estes incendios de interface, nos que se mesturan espazos forestais e núcleos de poboación, ademais de provocar maiores danos humanos e materiais, son máis difíciles de combater, o que obriga a reprensar os dispositivos de extinción
No caso californiano, os datos recollidos amosan que nun 4% do territorio hai unha tendencia de aproximación significativa dos lumes ás zonas edificadas, mentres que nos incendios que tiveron lugar no Estado español, no 10,5% da superficie obsérvase un achegamento importante dos puntos de ignición ás casas. Os resultados obtidos demostran que os incendios forestais presentan un patrón aleatorio no caso das causas naturais pero si seguen unha tendencia de agregación espacial no caso dos lumes de orixe humana.
Estes incendios de interface, nos que se mesturan espazos forestais e núcleos de poboación, ademais de provocar maiores danos humanos e materiais, son máis difíciles de combater, o que obriga a reprensar os dispositivos de extinción.
Os autores salientan a "necesidade de que nos preparemos para vivir co lume”
Os autores da investigación, Manuel Marey Pérez, Óscar López Álvarez e Luis Franco Vázquez salientan que a súa investigación é pioneira "no sentido de que compara as tendencias de incendios en dúas rexións xeograficamente distantes con similitudes e diferenzas na súa relación co lume”.
Na representación gráfica dos resultados, a análise revelou que non había celas para as dúas rexións onde os incendios se afastaran de xeito significativo dos edificios. Este resultado apoia parcialmente a proposta dalgúns autores relativa a que os incendios están a invadir cada vez máis as zonas edificadas, “o que salienta a necesidade de que nos preparemos para vivir co lume”, sinalan.
"A nosa achega permítenos determinar se existen patróns de comportamento máis detallados que expliquen a relación entre o lume e a infraestrutura humana", explican os autores
Os autores sinalan a necesidade de continuar con esta liña de imvestigación, subliñando que "a nosa achega permítenos determinar se existen patróns de comportamento máis detallados que expliquen a relación entre o lume e a infraestrutura humana, que non foi adecuadamente estudada e comparada en dúas rexións como España e California”.
En Galicia os incendios forestais provocados polo ser humano presentan patróns agregados, cunha forte interacción entre os brotes e os incendios. Mentres, os incendios causados por razóns naturais en California seguen patróns máis aleatorios, aínda que existen factores explicativos, como a presenza de bosques mixtos de coníferas, que facilitan a propagación de incendios cando se dan as condicións ambientais adecuadas.
Unha nova xeración de vagas de lume
Os incendios de Californa víronse favorecidos por unha condicións extremas de baixa humidade, elevada temperatura e fortes ventos -cada vez máis frecuentes por mor do cambio climático- que en Galicia provocaron nos últimos anos algunhas das peores vagas de lume
Os incendios de Californa víronse favorecidos por unhas condicións de baixa humidade, elevada temperatura e fortes ventos (os ventos de Santa Ana, procedentes do interior do país e que gañan velocidade e perden humidade a medida que avanzan) que en Galicia se coñecen ben e que nos últimos anos provocaron algunhas das peores vagas de lume.
Son os incendios de última xeración, con maior capacidade de destrución debida ás condicións climáticas cada vez máis extremas motivadas polo cambio climático. Nos últimos anos fomos afacéndonos a observar en Galicia e Portugal incendios que provocan nubes de convección que mudan as condicións meteorolóxicas previstas, fan rolar os ventos e propagan de maneira caótica o lume mesmo noutros incendios a ducias de quilómetros; tamén poden provocar tormentas de lume -cada vez máis probables no país- ou saltar encoros, creando focos secundarios co traslado de charetas ata a dous quilómetros de distancia.