Dende o pasado 1 de agosto o persoal técnico do Servizo de Prevención de Incendios Forestais está en folga indefinida. Reclaman un reforzo do persoal e novas condicións laborais para limitar o exceso de horas traballadas pero, no fondo, as súas demandas pasan por un novo modelo de prevención e extinción do lume en Galicia. Lembran que os incendios son moi distintos aos que había 10 ou 20 anos atrás e que, polo tanto, xa non son válidos os modelos de organización e os acordos laborais existentes daquela. O seu foi aprobado no ano 2008 e dende hai tempo esixen unha modificación.
Dende o pasado 1 de agosto o persoal técnico do Servizo de Prevención de Incendios Forestais está en folga indefinida
Entre outros aspectos, demandan aumentar o cadro persoal para garantir os descansos legais establecidos sen afectar negativamente aos servizos públicos de prevención e extinción de incendios forestais e de planificación e ordenación forestal. Tamén piden a redución do horario anual, que supera as 2.000 horas, e a regulación do traballo en fins de semana, festivos, gardas e descansos compensatorios, garantindo 15 días de vacacións no verán. Finalmente, reclaman a distribución da carga de traballo e maior organización entre a xestión de montes, a prevención e loita contra incendios forestais e a xestión do persoal adscrito aos distritos forestais.
Denuncian que a Consellería de Medio Rural non amosou vontade de negociación nin de diálogo, unha posición que levou ao paro iniciado hai uns días que, con todo, leva aparellados uns servizos mínimos que se achegan ao 100%. Así pois, aínda que o apoio á folga é case unánime, o seguimento do paro lévase a cabo dende o posto de traballo, dende os centros de coordinación da loita contra o lume. E, así mesmo, a través da convocatoria de concentracións nos centros de coordinación provinciais. Este mércores tivo lugar unha en Pontevedra, o venres está prevista outra na Coruña e o domingo será a quenda de Lugo.
Reclaman un reforzo do persoal e novas condicións laborais para limitar o exceso de horas traballadas pero, no fondo, as súas demandas pasan por un novo modelo de prevención e extinción do lume en Galicia
Esta é, paradoxalmente, unha folga de xefes e xefas. Así o lembraba hai uns días Xosé Benito Reza neste artigo en Praza.gal: "nós somos supostamente os 'xefes'". E preguntábase: "tan mal se poden facer as cousas como para chegar a esta lamentable e inaudita situación co persoal responsable da xestión do 15% do territorio galego e do 40% dos incendios que se producen en España?". "Certamente, non esperaba eu, logo de case corenta anos na administración galega e non moi lonxe da xubilación, ter que poñerme por vez primeira na miña vida en folga", engadía Xosé Benito Reza.
Un conflito laboral por un cambio de modelo
"Non pedimos aumento de soldo senón unha mellor organización do traballo, melloras na seguridade e aumentar o cadro de persoal nos lugares cunha alta carga de traballo"
"De seguro que ata o de agora non escoitárades falar de nós, mais vémonos na obriga de alzar a nosa voz e reclamar unha mellor organización do noso traballo ante unha nova realidade que cambiou substancialmente na última década", destacan os técnicos, que esixen "un novo acordo para as nosas condicións de traballo e tamén para lograr unha resposta máis eficaz do servizo público que representamos (tanto na extinción e prevención dos incendios forestais como na xestión forestal dos nosos montes)".
"Non pedimos aumento de soldo senón unha mellor organización do traballo, melloras na seguridade e aumentar o cadro de persoal nos lugares cunha alta carga de traballo", din, indicando que "loitamos contra os abusos horarios que nos impón a Xunta ao facer gardas de 24 horas cunha media de 500 horas ao ano por riba do calendario medio dos empregados públicos e no caso dos xefes de distrito ter unha dispoñibilidade de 24 horas, sete días á semana".
"A Xunta empúrranos a facer folga. Levamos moito tempo buscando fórmulas de entendemento e facendo propostas, pero ante a falta de resposta temos que recorrer a esta medida”
Xabier Bruña (CIG) critica a "falta de vontade de negociación" por parte da Consellaría de Medio Rural, destacando que "a Xunta empúrranos a facer folga". "Levamos moito tempo buscando fórmulas de entendemento e facendo propostas, pero ante a falta de resposta temos que recorrer a esta medida”, di. "As cargas de traballo aumentaron moito nestes últimos anos, sen que se vira modificado o persoal nin os apoios que necesitan. Por iso entendemos que era o momento de sentar a falar para decidir o modelo de organización que temos que ter", destaca.
"Non é unha cuestión salarial, nin sequera de condicións laborais, é unha cuestión de modelo de país"
“O problema é que estamos moi cansos”, salienta Ramón Rozadillas (UGT), que leva máis de 30 anos traballando no servizo de extinción de incendios. “Baixo a nosa responsabilidade está todo o servizo de extinción de incendios en Galicia e a xestión forestal, así que polo tanto coordinamos case metade dos incendios que se producen en España e máis da metade das cortas de madeira que fan cada ano no Estado. Pero en absoluto temos a metade dos traballadores que hai en toda España”, salienta. "A estrutura ten que cambiar: estamos facendo 500 horas máis das que fai calquera outro funcionario", engade. E resume: "non é unha cuestión salarial, nin sequera de condicións laborais, é unha cuestión de modelo de país".
"Pouco máis de 120 persoas non somos suficientes para atender toda a carga de traballo que temos enriba. Tes que estar moi despexado para tomar decisións e a túa resposta vai ser menos eficaz"
"Temos unha función moi concreta dentro do dispositivo de loita contra o lume, semellante á quen realiza a triaxe nun hospital: coordinamos os medios e decidimos quen vai para un lugar ou para outro, da maneira máis eficaz posible, tentando reducir as consecuencias dos lumes", explica Bruña. "Somos ademais xestores de territorio, e xestionamos de forma directa un 15% da superficie de Galicia, que se atopa en contratos de xestión pública", di. E alerta de que "pouco máis de 120 persoas non somos suficientes para atender toda a carga de traballo que temos enriba". "Tes que estar moi despexado para tomar decisións e a túa resposta vai ser menos eficaz. Cando levas máis de 15 horas seguidas traballando, as túas decisións sobre cantos medios empregar ou onde distribuílos, poden non ser as axeitadas", advirte.
Incendios máis perigosos, que requiren dunha resposta diferente
Tanto un coma outro destacan que dende o ano 2008 cambiou moito o modelo de incendios en Galicia e noutros países, como xa veñen advertindo moitos expertos, sobre todo dende os fortísimos lumes que arrasaron Galicia e Portugal no ano 2017.
"Agora temos moitos menos lumes, pero moitos poden pasar a ser incendios de grande extensión, ou incendios perigosos para a poboación"
“Cambiou moito a forma dos incendios, agora temos uns incendios moi complicados", explica Rozadillas. "Hai 30 anos o modelo era distinto: máis de 10.000 incendios cada ano, pero de menores dimensións. Agora o rural está moito máis despoboado, co que iso implica de abandono e hai, ademais, un efecto moi importante do cambio climático. Todo iso provoca que os incendios sexan moito máis explosivos e se estendan moito máis rápido", di. "Agora temos 3.000 incendios, pero moito máis perigosos. Antes incendios de nivel 2, que se achegasen ás casas, había 1 ou 2 ao ano, pero neste 2020 xa levamos 5. Antes era suficiente con mobilizarse rápido para apagalos. Agora, por moi rápido que te mobilices, cando chegas o lume xa se estendeu moitísimo", afirma.
Concorda Bruña, que salienta que "agora temos moitos menos lumes, pero moitos poden pasar a ser incendios de grande extensión, ou incendios perigosos para a poboación. Son lumes de interface, ademais, nos que se mesturan espazos forestais, agrícolas, núcleos de poboación...". "Todo iso fai que a resposta que temos que dar sexa moi distinta. Este temas saíron nas comisións parlamentarias que analizaron os incendios do ano 2017 e que tentaron aprender do que daquela sucedera", engade.