Galicia sufriu nas últimas semanas varias ducias de incendios de menos de 20 hectáreas, dos que a Xunta non informou

Incendio en Val do Dubra, hai uns días © UGT Forestais Galicia

Dende o pasado 1 de xullo, inicio da tempada de perigo alto de lumes forestais, a Xunta informou unicamente de oito incendios. Evidentemente, producíronse moitos máis en Galicia, pero dende a chegada de Alberto Núñez Feijóo ao poder, no ano 2009, o Goberno galego comunica só aqueles que superen as 20 hectáreas ou que poñan en perigo zonas habitadas ou espazos como as áreas naturais protexidas.

A maior parte dos incendios forestais que se producen en Galicia non son notificados pola Xunta nos seus partes diarios

Isto fai, un ano máis, que a maior parte dos incendios forestais que se producen en Galicia non sexan notificados pola Xunta nos seus partes diarios. Todos os demais focos fican ocultos agás que un medio de comunicación ou cidadán se dirixa á Consellería de Medio Rural e pregunte especificamente por un incendio en concreto. A superficie total ardida só é coñecida a mediados do ano seguinte, cando o Goberno central fai pública a súa estatística de incendios forestais con datos fornecidos polas comunidades autónomas e cando a propia Xunta publica a actualización anual do Pladiga, que inclúe o balance do exercicio anterior. Ningún dos dous documentos detalla todos os incendios senón unicamente o seu número e os datos xerais de superficie afectada.

Incendio en Verín, a comezos de xullo © @BrifLaza

No que levamos de mes a Xunta informou publicamente de só 8 incendios

Así, no que levamos de mes a Xunta informou publicamente de 8 incendios, que afectaron á A Pobra do Caramiñal (parroquia de Lesón, 47,29 hectáreas), Vimianzo (Berdoias, 25,64), Lousame (Vilalcoa, 41), Rubiá (Pardollán, 41,35), Porto do Son (San Pedro de Muro, 19), Porto do Son (Nebra, 35), Ourense (52,1) e Verín, na parroquia de Queirugas, un foco iniciado este mesmo xoves e que en poucas horas superara xa as 50 hectáreas queimadas. Na mañá do xoves, o incendio de Queirugás xa superaba as 160, segundo a Xunta.

Porén, grazas á información que publican nas redes sociais sindicatos de bombeiros forestais ou axentes forestais e medioambientais podemos coñecer outros moitos incendios que se declararon nos últimos días en Galicia e dos que a cidadanía de cada lugar foi tamén consciente ao ver o fume e o lume nas proximidades das súas localidades.

Traballadores forestais e colectivos profesionais informaron de preto dun cento de incendios en Galicia dende o 1 de xullo

Así, dende o 1 de xullo e alén dos notificados pola Xunta, houbo incendios forestais de maior ou menos entidade na Coruña, A Gudiña (varios), A Laracha, A Peroxa (varios), Allariz, Arteixo (varios), Boiro (varios), Caldas de Reis, Calvos de Randín, Cangas (varios), Carballeda de Valdeorras (varios), Carnota (varios), Carnota, Cartelle, Catoira, Cee, Cerceda, Chantada, Coles, Crecente, Cualedro, Cuntis, Dozón, Ferrol, Fisterra (varios), Fisterra, Forcarei, Lalín (varios), Láncara, Lobeira, Lobios, Lousame, Maceda, Manzaneda, Monforte, Monterrei, Negreira, Oia, Ourense, Padrenda, Pantón, Paradela, Pazos de Borbén, Ponteareas, Pontevedra, Porto do Son (varios), Porto do Son, Quiroga, Redondela, Ribeira, Riós, Rodeiro, Rubiá, Salvaterra do Miño, Santiago de Compostela (varios), Sanxenxo, Sarria, Soutomaior (varios), Trasmiras, Val do Dubra (varios), Verín, Vilaboa, Vilagarcía, Vilar de Barrio (varios) ou Xermade. Practicamente un cento, facendo unha procura rápida nas contas de twitter de bombeiros forestais e colectivos de traballadores.

Restos dun incendio que tivo lugar en Lalín hai uns días © @BifLaza

O lume está sendo habitual en boa parte da provincia de Ourense e moitos espazos do interior da provincia de Pontevedra e da costa coruñesa, especialmente no Barbanza e na Costa da Morte. Tamén houbo incendios preto dalgunhas cidades

Esta é a dinámica habitual nun país como Galicia onde pola súa configuración xeográfica e o espallamento da súa poboación, os incendios de arrasan milleiros de hectáreas son a excepción e os focos dun tamaño menor son moito máis habituais.

Non está sendo un mes de xullo de moitos incendios e mesmo así o lume está sendo habitual en boa parte da provincia de Ourense e moitos espazos do interior da provincia de Pontevedra e da costa coruñesa, especialmente no Barbanza e na Costa da Morte. Tamén houbo incendios preto dalgunhas cidades, o que sempre contribúe á maior visibilidade destes focos. Sobre todo na cidade de Ourense, que hai unhas xornadas rexistrou unha sucesión de lumes forestais en días case consecutivos. Pero tamén en Compostela e mesmo na Coruña e os seus arredores.

Información de incendios na web de Medio Rural no verán de 2006 e un dos partes diarios que difundía a Consellería na etapa do bipartito CC-BY Praza Pública

Entre 2005 e 2009 o Goberno Bipartito informaba dúas veces ao día sobre todos os incendios rexistrados en Galicia, mesmo dos pequenos conatos. Na actualidade, comunidades como Castela e León tamén o fan

A gran maioría destes incendios non notificados foron de pequena entidade, dunhas poucas hectáreas, pero dende hai anos a Xunta de Galicia recibe críticas por parte de colectivos profesionais e das forzas da oposición pola falta de transparencia na comunicación destes datos, de grande impacto social e relevancia nun país que sofre case todos os anos un número moi importantes de incendios forestais e cada certo tempo vagas de grande importancia.

Non sempre foi así. Entre 2005 e 2009 a Consellería do Medio Rural do Goberno de coalición de PSdeG e BNG, dirixida por Alfredo Suárez Canal, informaba dúas veces ao día de todos os incendios que se producían en Galicia, independentemente do seu tamaño, mesmo os conatos. 

Cando o PP chegou ao poder en 2009 pasou a informar só dos incendios que superasen as 20 hectáreas. Fíxoo para non xerar "alarma social"

Co regreso do PP ao poder en 2009 a consellería de Medio Rural mudou por completo a súa política, notificando publicamente só os que superasen as 20 hectáreas de superficie ardida. O obxectivo, segundo os novos responsables da consellaría, era non xerar "alarma social" e evitar que "se traduzan como incendios os que non o son", en referencia aos pequenos conatos, como informaba daquela a desaparecida edición galega de El País. E todo motivado, segundo Medio Rural, porque os medios "non reflicten" os datos "tal e como se dan".

Tampouco é así noutras comunidades autónomas, mesmo as gobernadas polo Partido Popular. E, por exemplo Castela e León segue un sistema de información pública moi semellante ao empregado en Galicia entre 2005 e 2009, notificando dúas veces ao día todos os incendios producidos na rexión.

Bombeiros actuando nun incendio en Vimianzo, hai uns días © @BrifLaza

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.