Un incendio en Verín queima máis de 60 hectáreas en poucas horas e dificulta a circulación na A-52

O incendio declarado este mércores en Verín, a carón da A-52 © UGT Forestais Galicia

A primeira hora da tarde deste mércores declarouse en Verín (parroquia de Queirugás) un incendio forestal que en só catro horas queimara xa máis de 100 hectáreas de superficie. O avance das lapas obrigou mesmo a cortar a autovía A-52 durante máis de media hora (de 17 a 17.41) á altura do quilómetro 153, dificultando a circulación durante toda a tarde. A primeiras horas do xoves, a superficie arrasada era xa de 160 hectáreas.

No incendio comezaron a traballar de inmediato 4 axentes, 11 brigadas, 5 motobombas, 1 pa, 4 avións e 4 helicópteros, pero moi rapidamente o avance das chamas obrigou a mobilizar máis traballadores e equipos, algúns chegados dende fóra de Galicia. As altas temperaturas rexistradas na zona, por riba de 35 graos, e o vento existente dificultaron os traballos.

O incendio declarado en Verín arrasou moi rapidamente 50 hectáreas de terreo © @BrifTabuyo

Nos últimos días rexistráronse varios incendios forestais na contorna, por exemplo na Gudiña, Lobeira, Vilar de Barrio ou Cualedro, aínda que ningún deles foi notificado publicamente pola Consellaría de Medio rural, ao non superar a superficie ardida as 20 hectáreas. No que levamos de mes outras moitas zonas da provincia de Ourense sufriron tamén incendios forestais, dende Manzaneda, Trasmiras, Cartelle, Maceda ou Allariz, pasando pola propia cidade de Ourense, que nos últimos días viviu unha sucesión de lumes nos arredores da urbe.

Aínda que o tráfico na A-52 xa foi reaberto, as autoridades manteñen a recomendación de que os condutores conduzan con precaución, debido á presenza de fume en varios quilómetros desta vía. 

Ademais, a media tarde comezou outro incendio moi preto, no Concello de Monterrei (na parroquia de Infesta), que tamén obrigou a mobilizar a varios equipos e traballadores.

O incendio de Verín, dende outro ángulo © @ATBrif

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.