A Xunta reduce de 71 a 28 as parroquias con maior risco de incendios e fixa o 1 de xullo como inicio da época de perigo alto

O Pladiga 2020 reduce as parroquias de alta actividade incendiaria CC-BY-SA Foto: Brif Laza | Montaxe: Praza Pública

Medio Rural salienta que as que quedan na lista “incluso despois de dous anos seguidos con bos datos no resto do territorio” requirirán “atención especial pola súa utilización do lume, que provoca unha acción incendiaria moi significativa”

A Consellería do Medio Rural publica este martes no Diario Oficial de Galicia (DOG) a orde pola que determina que a época de perigo alto de incendios deste ano, na que concentrará o groso do dispositivo de loita contra o lume, irá desde o 1 de xullo ao 30 de setembro. Nese tempo, segundo reflicte o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) para 2020, aprobado o pasado xoves, o foco estará especialmente posto sobre as denominadas parroquias de alta actividade incendiaria, 28 este ano fronte ás 71 do ano pasado.

O Pladiga considera parroquias de alta actividade en función de se nos últimos anos houbo nas mesmas reiteración nos incendios ou unha especial virulencia dos mesmos. É a redución experimentada no criterio da virulencia o que fai que este ano saian 46 parroquias do listado de 2019. Ao tempo, entran no listado deste 2020 tres parroquias que non estaban no do pasado ano pero que xa estiveran en anos anteriores: Castiñeira en Vilariño de Conso polo aumento na reiteración dos incendios e Ribasieira en Porto do Son e Soutipedre en Manzaneda polo incremento na virulencia.

Parroquias consideradas de alta actividade incendiaria no Pladiga 2020 CC-BY-SA Xunta

Dúas parroquias de Maceda e Muíños están no listado de alta actividade incendiaria tanto pola reiteración como pola virulencia dos incendios

Con esas saídas e entradas, das 28 parroquias consideradas este ano de alta actividade 20 forman parte do listado pola reiteración dos incendios, seis pola virulencia e dúas polos dous criterios: Castro de Escuadro, en Maceda, con 63 incendios nos últimos cinco anos e 1.846 hectáreas queimadas nos últimos dez anos; e Requiás, en Muíños, con 22 incendios en cinco anos e 1.312 hectáreas queimadas nos últimos dez.

O Pladiga pon o foco nas 28 parroquias que quedan no listado deste ano “incluso despois de dous anos seguidos con bos datos no resto do territorio” e sinala que “requirirán dunha atención especial pola súa utilización do lume, que provoca unha acción incendiaria moi significativa”.

O pasado ano, un dos mellores da serie histórica, arderon preto de 7.000 hectáreas, 2.000 delas nun só incendio en Dodro e Rianxo

Esos bos datos da pasada campaña de incendios están reflectidos no balance que vén de facer público o Ministerio para a Transición Ecolóxica, no que se sinala que en 2019 arderon en Galicia preto de 7.000 hectáreas, unha das cifras máis baixas da serie histórica, malia que 2.000 delas se debesen a un só lume, o que en marzo afectou os concellos de Dodro e Rianxo logo dunha faísca provocada por un cable de alta tensión

O dispositivo é similar ao do pasado ano, con máis de 5.800 persoas na época de perigo alto e unha trintena de medios aéreos, nos que a Xunta pasa de 2 a 4 avións de carga en terra e de 8 a 5 helicópteros de tipo lixeiro

O Pladiga deste ano sinala que en total, durante a época de perigo alto que comeza o 1 de xullo, haberá 5.819 persoas preparadas para actuar entre as administracións autonómica, estatal e locais, 10 menos que o ano pasado entre altas e baixas en diversos postos das diversas administracións, pero principalmente nos medios aéreos contratados. No caso da Xunta o dispositivo pasa este ano de 1.384 persoas en época de perigo baixo a 2.011 na de perigo medio e 2.995 na de alto (dúas persoas máis que o ano pasado). Canto aos medios materiais, a Xunta dispón de 16 brigadas helitransportadas e outros 17 medios aéreos de extinción ou vixilancia (pasa de 2 a 4 avións de carga en terra e de 8 a 5 helicópteros de tipo lixeiro, mentres que se manteñen os mesmos 6 helicópteros de tipo medio e 2 helicópteros de coordinación), ao que hai que engadir entre 9 e 11 medios aéreos do Estado.

O Pladiga deste ano reflicte o traballo realizado polo persoal do dispositivo de loita contra o lume en tarefas de prevención fronte ao coronavirus e recolle diversos protocolos de protección

O Pladiga deste ano tamén reflicte o traballo realizado ata agora polo persoal do dispositivo de loita contra o lume en tarefas de prevención fronte ao coronavirus, con desinfeccións en centros de saúde ou residencias. O plan inclúe diversos protocolos de prevención para o propio persoal, con procedementos de hixienización de vehículos, ferramentas ou vestimentas. Segundo indica, as máscaras das que dispoñen “teñen un grao de protección respiratoria de categoría III (superior ao recomendado)”, pero o plan “aconsella” empregalas “polo menos durante unha hora diaria (como adestramento) para adaptarnos ao seu uso” e sinala que “actuando nun incendio, manterase en todo momento a separación mínima de 2 metros entre os/as bombeiros/as participantes na extinción”.

Persoal do servizo contra incendios da Xunta, realizando labores de desinfección contra a covid-19 nunha residencia de maiores da Peroxa CC-BY-SA Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.