O lume queimou case 7.000 hectáreas nos montes galegos durante 2019, dúas mil delas nun só incendio

O maior incendio de 2019 en Galicia afectou aos concellos de Dodro e Rianxo (na imaxe, labores de extinción) CC-BY-NC-SA Foto: UME | Montaxe: Praza Pública

O pasado 2019 foi un bo ano para Galicia en canto a incendios forestais. As 6.845,65 hectáreas ardidas supoñen unha das cifras máis baixas en termos absolutos da serie histórica que dende 1976 recompila os datos da superficie queimada. A información acaba de ser divulgada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica a partir das cifras fornecidas polas comunidades autónomas e indica que o pasado ano arderon nos montes galegos unhas 4.000 hectáreas máis que en 2018, cando se superaran por pouco as 2.600. Son, obviamente, moitas menos que as case 62.000 que arderon en 2017, unhas 50.000 delas na gran vaga de incendios de outubro de aquel ano.

Os incendios no monte galego queimaron case 7.000 hectáreas en 2019, unhas 4.000 máis que en 2018 pero moitas menos das 62.000 de 2017

Aínda que a maioría de incendios tiveron lugar no pasado mes de setembro, cando dúas vagas de lume avivadas polo vento do nordés provocaron importantes focos en Monforte ou A Gudiña e arrasaron unhas 2.000 hectáreas, o principal foi o que afectou os concellos de Dodro e Rianxo logo dunha faísca provocada por un cable de alta tensión

Naqueles días de marzo, segundo o balance que recolle o Goberno central, arderon case 1.200 hectáreas no Barbanza (1.192,71), no que foi o único Gran Incendio Forestal (GIF, categoría que abrangue aqueles que superan as 500 hectáreas forestais afectadas) en Galicia durante o ano pasado. 

A maioría de focos producíronse en setembro, pero o maior e único gran incendio forestal tivo lugar no Barbanza en marzo, queimando case 2.000 hectáreas

Máis de 5.000 das hectáreas ardidas foron nas provincias de Ourense (máis de 2.600) e da Coruña (case 2.500). 

A tendencia segue a ser a que se iniciou hai xa máis dunha década e a que advirten desde hai tempo os expertos: en Galicia hai cada vez menos incendios pero algúns deles son especialmente perigosos, devastadores e virulentos. 

Así, en 2019 o total de focos declarados en Galicia foi de 1.676, 230 máis que en 2018 pero uns 1.500 menos que en 2017. O número de incendios aumentou en termos interanuais nun 16% no país no pasado ano pero a superficie arrasada incrementouse nun 261%.  

Os datos de incendios forestais chegan, como é habitual, antes a través do Ministerio que da Xunta, que fornecerá as cifras en canto publique o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) de 2020, que se producirá nas vindeiras semanas logo de pasar xa polo Consello, e que inclúe o balance de superficie queimada do ano anterior. 

Galicia sufriu máis de 1.600 incendios en 2019, 230 máis que en 2018

Durante os últimos meses, a Consellería do Medio Rural tan só divulgou cifras dalgúns incendios, sen entrar en detalles, en aplicación da súa política de non ofrecer información concreta en tempo real dos que non superen as 20 hectáreas agás se afectan a áreas habitadas ou espazos protexidos, así como de non divulgar partes diarios sobre o impacto total do lume durante o período de alto risco.

O pasado venres, Alberto Núñez Feijóo adiantou algunhas novidades do Pladiga, que anunciou que reforzará os medios aéreos, cun incremento de capacidade de transporte auga, e que "se adaptará ás condicións establecidas pola emerxencia sanitaria, coa incorporación dos protocolos necesarios para garantir o traballo do persoal en condicións óptimas de seguridade e hixiene".

O documento foi aprobado polo Consello da Xunta do pasado 8 de maio e suporá un investimento de 30,5 millóns de euros para actuar, con traballos preventivos, en preto de 46.000 hectáreas e en case 5.800 quilómetros de pistas e estradas. Ademais, prevé a construción de 121 novos puntos de auga e o mantemento máis de 3.200 xa existentes.

Nesta planificación preventiva recóllense traballos silvícolas preventivos; a creación e mellora de infraestruturas de defensa; e intervencións de mellora da xestión forestal e das súas producións para incrementar o valor do monte e defender as vivendas fronte o lume. Actuacións que se iniciaron o 18 de maio e que se prolongarán, sempre e cando o permitan as condicións climatolóxicas, ata o 13 de xullo.

No Pladiga tamén se actualiza a información relativa ás parroquias de alta actividade incendiaria, reducíndose o número en máis do 60%, ao pasar das 71 existentes en 2019 ás 28 deste ano. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.