Outra vaga de incendios golpea os montes do interior galego

O incendio da Gudiña, nunha imaxe tomada por bombeiros forestais da Brif Laza CC-BY-SA Brif Laza

As derradeiras semanas do verán ratifícanse como as peores para os montes galegos. Apenas catro días despois de que remitise a vaga de incendios na que arderon máis de 1.000 hectáreas, con Monforte e Ribeira como municipios máis prexudicados, unhas poucas horas deste venres foron dabondo para que se desencadease unha vaga nova. Desta volta as áreas máis golpeadas polo lume sitúanse no interior, co máis preocupante na Gudiña e con máis de 600 hectáreas que xa arderon, sempre segundo as cifras divulgadas pola Consellería do Medio Rural, que non garante que inclúa a totalidade de focos en toda Galicia.

O peor incendio desta nova vaga é o da Gudiña, con máis de 400 hectáreas ardidas, que puxo en risco áreas habitadas durante a noite

Contra as dez da noite do venres Medio Rural admitía o que bombeiros e axentes forestais xa revelaran: un agresivo incendio fora declarado na Gudiña, na parroquia da Barxa, e expandíase con rapidez. Como adoito, a Xunta fixo público que a superficie era "superior ás 20 hectáreas", aínda que pouco despois xa multiplicou a estimación por seis ao tempo que era declarada a situación 2, por proximidade das lapas ás vivendas en Seixo.

Xa de madrugada, ao tempo que era admitida ese risco para a poboación, Medio Rural solicitaba asistencia da Unidade Militar de Emerxencias. A primeiras horas da mañá, co lume aínda sen controlar, a situación 2 era desactivada e a superficie ardida ascendía xa ás 440 hectáreas. Contra as nove da mañá a loita contra o lume continuaba na Gudiña con ata vinte e catro brigadas sobre o terreo, ademais de catro helicópteros, dous avións e os medios da UME.

Helicóptero dos servizos de extinción, no incendio da Gudiña este 13 de setembro CC-BY-SA Brif Laza

Quiroga, Palas, Chandrexa ou Riós son tamén municipios afectados por esta nova vaga de incendios, varios deles iniciados durante a madrugada do venres ao sábado

Alén do incendio da Gudiña, o máis destrutivo da vaga polo momento, tamén se loita contra as lapas este sábado noutros incendios declarados no serán do venres, todos no interior de Ourense e Lugo. En Quiroga, parroquia do Hospital, xa arderon unhas 80 hectáreas e no mesmo concello, na parroquia da Enciñeira, arderon cando menos 20 máis nun foco iniciado de madrugada. Contra o mediodía, a superficie afectada por estes incendios elevouse a 110 e 45 hectáreas, respectivamente

Tamén na provincia de Lugo, xa controlado, rexistrouse un incendio en Cabana (Palas de Rei) con 28 hectáreas ardidas. Mentres, en Ourense, un dos concellos habitualmente máis afectados polos incendios, Chandrexa de Queixa, volveu sufrir outro foco, tamén iniciado de madrugada e cuxa estimación de superficie afectada é tamén "dunhas 20 hectáreas", segundo a fórmula habitual de Medio Rural. Esa mesma superficie foi a indicada para outro incendio comunicado en Riós, tamén iniciado de madrugada, e que foi aumentando ata as 60 hectáreas.

Como habitualmente, a política informativa que a Xunta vén aplicando dende hai dez anos supón que os incendios incluídos nas notificacións oficiais non son os únicos que atinxen aos montes galegos. Veciñanza, concellos e equipos contra incendios adoitan revelar por diferentes medios, entre eles as redes sociais, focos que se declaran noutros lugares e que non se inclúen na información do Goberno galego por non superaren as 20 hectáreas e, por baixo desa superficie, por non atinxiren a áreas habitadas e protexidas.

Vista do incendio da Gudiña na noite do 13 ao 14 de setembro, nunha imaxe cedida por bombeiros forestais CC-BY-SA @Incendiosgalic1

Este é o caso, nas últimas horas, dos coñecidos en concellos como Redondela, Larouco, Manzaneda, San Xoán de Río ou Carral. Todos eles foron divulgados a través das redes por bombeiros forestais, pero non constan nos balances oficiais. As cifras totais de superficie ardida non son divulgadas formalmente pola Xunta ata a primavera do ano seguinte a cada temporada de incendios.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.