A combinación de vento e calor aviva o lume nos montes galegos ás portas do outono

Vista do incendio iniciado en Seoane (Monforte) o 5 de setembro de 2019 dende o helicóptero da Brif Laza CC-BY-SA Brif Laza

As pantasmas do catastrófico outubro de 2017 regresan neste setembro de 2019. Máis de 500 hectáreas ardidas en apenas vinte e catro horas dispararon este xoves todas as alarmas nos montes galegos. A combinación de altas temperaturas e do forte vento do nordés avivou as lapas dende o interior de Ourense e Lugo ata comarcas costeiras como a do Barbanza, superando o medio milleiro de hectáreas só nos incendios revelados pola Xunta na xornada do xoves e, outra volta, poñendo en perigo zonas habitadas. Cara ao serán do venres a superficie total ardida nos incendios comunicados pola Xunta xa superaba as 860 hectáreas.

Tras unha primavera na que o monte ardeu máis que en todo 2018 o verán foi calmo ata setembro, con Porto do Son e Monforte como principais focos de preocupación pola proximidade do lume ás casas

Tras unha primavera axitada na que o monte galego ardeu máis que en todo 2018, o segundo mellor ano da serie histórica, o primeiro foco de preocupación dun verán ata agora calmo chegaba este xoves dende Porto do Son. O lume, xa controlado, iniciouse na parroquia de Miñortos, declarouse de madrugada e alcanzou case as 90 hectáreas en poucas horas ameazando varias vivendas. 

Os equipos de extinción tamén loitaban contra as lapas dende primeira hora en varios puntos da provincia de Ourense como Cenlle -unhas 45 hectáreas- e Lobeira -arredor de 85-, focos comunicados pola Consellería do Medio Rural aos que se engadían outros, de menor dimensión, revelados por axentes e bombeiros forestais a través das redes sociais.

O incendio declarado na parroquia monfortina de Seoane avanzou rapidamente, puxo en perigo zonas habitadas, obrigou a desaloxos preventivos e arrasou máis de 350 hectáreas

Os equipos de extinción da Xunta e estatais -aos que se engadiu a Unidade Militar de Emerxencias- traballaban en Porto do Son cando o noutro punto do país regresaban escenas que devolvían á memoria colectiva o fatídico outono de 2017. Pouco despois do mediodía declarábase un incendio na parroquia monfortina de Seoane que o forte vento do nordés estendeu con rapidez ata ben preto das casas, obrigando a desaloxos preventivos. Unha columna de mesto fume cubriu o ceo da capital de Lemos mentres o incendio obrigaba a cortar o corredor que une a localidade con Chantada e Lalín e mais a estrada de Escairón. 

O incendio en Sardiñeiro (Fisterra), declarado na madrugada deste venres, queimou xa 120 hectáreas

O forte vento contribuíu a espallar o lume e o fume cara a Pantón, tamén con risco para vivendas, dando lugar a momentos de forte tensión mentres os refachos dificultaban o traballo das brigadas de extinción. A superficie afectaba rolda as 350 hectáreas no que, polo momento, é o incendio máis voraz desta vaga ás portas do outono tras un verán tranquilo nos montes galegos, acougo impulsado fundamentalmente pola climatoloxía, cun numerosos episodios de chuvia e escasos períodos prolongados de calor e vento. Contra o mediodía do venres quedou controlado e a superficie afectada ascendeu a 465 hectáreas.

De madrugada, á lista de incendios comunicados oficialmente pola Xunta engadíase outro en Sardiñeiro (Fisterra). Está activo desde a 1.20 da madrugada e queimou xa 120 hectáreas, segundo as últimas estimacións, aínda provisionais. No terreo traballan 4 axentes, 12 brigadas, 8 motobombas, 2 pas, 6 helicópteros e 4 avións, así como efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Nos últimos dous días, arderon en Galicia máis de 700 hectáreas, tendo en conta só os cinco maiores incendios. A última hora da tarde deste venres, outro foco importante prendeu en Carnota. 

Frecuencia dos incendios en Galicia por semanas © Pladiga - Consellería do Medio Rural

O outono, novo campo de batalla

Mentres os prognósticos de Meteogalicia apuntan a que os ventos do nordés acalmarán un chisco durante a mañá deste venres para despois volver gañar forza, esta nova vaga de incendios supón, pola vía dos feitos, un recordatorio do vivido en 2017 pero tamén a confirmación dunha tendencia. O outono é, cada vez máis, un novo campo de batalla na loita contra os incendios forestais.

Tal e como amosan os datos acumulados recollidos anualmente no Plan de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga), setembro e outubro son meses perigosos para o monte galego. Mentres que na última década o número de incendios nos meses do verán descendeu moi notablemente con relación á década anterior, os sinistros no outono incrementáronse. 

Efectos do lume preto das casas en Monforte este 5 de setembro en imaxes tomadas por bombeiros forestais CC-BY-SA Brif Laza

Como pano de fondo desta tendencia permanecen coñecidos factores estruturais, como a falta de ordenación e as cuestións vinculadas á política forestal galega. Pero, como veñen alertando voces expertas e tamén organismos oficiais como a propia Meteogalicia, a estes elementos engádese agora outro mesmo máis relevante: o quecemento global e a crise climática que trae consigo. Dende a Xunta, non obstante, volveuse a aludir á existencia de "desaprehensivos" e a incendios "interesados", en verbas do presidente da Xunta sobre o lume en Porto do Son.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.