A Fiscalía advertiu 63 concellos galegos por non teren plan de prevención de incendios (pero son moitos máis)

Área afectada por un incendio en San Cristovo de Cea Dominio Público MAPAMA

O pasado ano a Físcalía de Medio Ambiente e Urbanismo remitiu un escrito a 63 concellos galegos que carecían de plan local de prevención de incendios forestais, lembrándolles a súa obriga de elaboralo, dada a súa condición de localidades con alto risco de verse afectados polo lume. Como lembra a plataforma xornalística Civio nunha investigación publicada a pasada semana, Galicia era o territorio do Estado ao que a Fiscalía remitira máis notificacións, con máis do 40% das localidades sinaladas, 63 dun total de 152.

Curiosamente, as advertencias da Fiscalía estaban unicamente dirixidas a localidades das provincias da Coruña e de Pontevedra, esquecendo a totalidade das provincias de Lugo e Ourense. Cómpre ter en conta que nas últimas décadas é precisamente a provincia ourensá a que está a sufrir os incendios de maior extensión, en parte debido ao despoboamento dos seus concellos.

As advertencias da Fiscalía estaban unicamente dirixidas a localidades das provincias da Coruña e de Pontevedra, esquecendo a totalidade das provincias de Lugo e Ourense

En realidade, todos os concellos galegos con alto risco de incendio, 195 segundo o último Pladiga, están obrigados a contar con este plan municipal de prevención dende a aprobación no ano 2007 da Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. E o certo é que case todos carecen del. Polo tanto, aínda que a Fiscalía sinalou a 63, un número moito máis importante estaba a incumprir a normativa. 

Neste mapa pode observarse como a práctica totalidade da provincia de Ourense (agás o val do Miño) está considerada unha zona de alto risco de incendio, o mesmo que practicamente toda a de Pontevedra e a maior parte da da Coruña, agás a súa parte máis septentrional. Lugo é o territorio galego con máis concellos fóra desta área de alto risco

Concellos con alto risco de incendio, segundo o Pladiga © Xunta

Por que daquela a fiscalía escolleu advertir unicamente aos concellos coruñeses e pontevedreses, deixando de lado o resto? O criterio empregado partiu da selección de concellos de alto risco realizada primeiramente polas comunidades autónomas, neste caso a través do Pladiga, e pola superficie forestal existente na localidade. A partir de aí, a Fiscalia traballou sobre un informe elaborado polo Ministerio de Agricultura que analizaba a posibilidade de que se producisen incendios durante o verán do pasado ano 2018. Este informe analizaba distintas variables: número de incendios rexistrados nos últimos anos, superficie forestal afectada, causas dos lumes e, finalmente, o risco meteorolóxico, en función das variacións de temperatura e de precipitacións previstas pola Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) para os meses seguintes.

195 concellos galegos están considerados de alto risco e case todos carecen de plan de prevención

Porén, semella que finalmente a Fiscalía decidiu empregar principalmente este último criterio. O informe da AEMET prevía que as precipitacións en Lugo e Ourense fosen semellante ás dos veráns anteriores, mentres que para A Coruña e Pontevedra indicaba a posibilidade de que fosen menores. Así, a Fiscalía dirixiuse unicamente ás localidades das provincias occidentais, ignorando o risco existente nas de Lugo ou Ourense ou se nestas localidades as condicións meteorolóxicas (temperatura, precipitación total) eran máis ou menos propicias para o lume. 

No resto do Estado o criterio foi o mesmo, e a Fiscalía dirixiuse unicamente a concellos da Comunidade Valenciana, Murcia, Almería e Tarragona, onde AEMET indicaba que as precipitacións ese verán poderían ser inferiores ás dos anos anteriores. E esquecendo que Estremadura, Asturias, Castela-A Mancha ou outros puntos de Andalucía sufriran peores incendios nos anos anteriores e que tamén carecían de plans de prevención.

Os plans de prevención, en proceso

Un plan local de prevención de incendios forestais é segundo o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación un "documento no que se regulan as actividades e usos susceptibles de xerar un incendio forestal e deséñanse as infraestruturas de prevención necesarias respecto diso". O obxectivo é "diminuír a probabilidade de que se produza un incendio, minimizar os tempos de detección e resposta dos medios de extinción e reducir o perigo do incendio forestal unha vez producido".

A FEGAMP sinala que na actualidade un total de 97 concellos xa contan cun borrador do plan e que nalgúns casos o documento foi xa adaptado e aprobado

Hai uns meses o propio Ministerio trasladou a súa preocupación pola inexistencia destes plans en moitos lugares, a través dunha circular que a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) fixo chegar a todos os Gobernos locais do Estado. Nese documento o Ministerio sinalaba que "a ausencia dun plan de prevención de incendios pode ser obxecto de análise desde o punto de vista causal nunha investigación penal concreta, na medida en que se poida chegar a valorar como un factor coadxuvante na produción, extensión ou difusión dun incendio forestal concreto".

O pasado ano a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e a Xunta asinaron un convenio para a limpeza das faixas de protección ao redor dos núcleos habitados e outras instalacións. O convenio incluía a posibilidade de crear un plan municipal de prevención. A FEGAMP sinala que na actualidade un total de 97 concellos xa contan cun borrador do plan e que nalgúns casos o documento foi xa adaptado e aprobado.

 

5.513 incendios en 63 concellos

Segundo destaca Civio na súa investigación, estes 63 concellos sinalados pola Fiscalía sufriron entre os anos 2001 e 2015 un total de 5.513 incendios, case 90 por localidade. O conxunto de hectáreas queimadas elevouse ata as 83.257 (máis de 1.300 por concello), destacando as máis de cinco mil arrasadas en Pazos de Borbén, as case catro mil de Ponte Caldelas e Lousame, e as máis de tres mil de Muxía, Pontevedra, Negreira, Mazaricos, Porto do Son e Fornelos de Montes. 

Santa Comba é entre os sinalados pola Fiscalía o concello no que nese tempo se rexistraron máis incendios (311), nunha lista na que seguen Santiago de Compostela, Covelo, Mazaricos, Boiro, Ordes, Mondariz e Cotobade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.