Comeza a tempada de alto risco de incendios, con 70 parroquias sinaladas como as máis afectadas polo lume

Bombeiros forestais traballando nun incendio en Verín Dominio Público Brif Laza

Este luns comeza a tempada de alto risco de incendio, un período que chegará ata o 30 de setembro e no que se suspenden completamente os permisos de queimas agrícolas e forestais. A partir deste 1 de xullo refórzase ademais o dispositivo establecido no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga). O operativo abrangue un total 7.000 efectivos, entre persoal da Xunta, dos concellos, do Ministerio, do Exército e das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

Padróns (Ponteareas), San Paio (Lobios), Cernado (Manzaneda), Camba (Laza) e A Xironda (Cualedro) son as que suman unha maior superficie queimada nos últimos dez anos

A Xunta lembra que está a disposición da cidadanía o teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar no caso de detectar un incendio forestal. Este ano, ademais, púxose en marcha un número de teléfono anónimo e gratuíto de denuncia dos incendiarios, o 900 815 085.

O Pladiga recolle así mesmo as parroquias que están consideradas de alta actividade incendiaria, ben polo gran número de incendios sufridos nos últimos anos, ben pola extensión dalgún deles. Este ano son un total de 70, distribuídas en 35 concellos, sobre todo da provincia de Ourense e algo menos na de Pontevedra. Lugo conta só con unha e A Coruña con nove, case todas na Península do Barbanza.

O Pereiro (A Mezquita), Carballo (Carballo), A Granxa (Oímbra), Santa Baia (Maceda) e Pontellas (O Porriño) son as que rexistraron un maior número de incendios

Hai uns días a Xunta aprobou a incorporación automática a este listado de todas as parroquias nos que se rexistre un incendio con situación 2 (perigo de lumes forestais nos núcleos de poboación) Este cambio permite traballar dende o primeiro momento neste lugares na limpeza das faixas secundarias para dar así protección aos núcleos de poboación, sen ter que agardar á actualización anual das parroquias de alto rico de incendio.

A parroquia de Padróns (Ponteareas), a de San Paio (Lobios), a de Cernado (Manzaneda), a de Camba (Laza) e A Xironda (Cualedro) son as que suman unha maior superficie queimada nos últimos dez anos, con máis de 25.000 hectáreas entre as cinco. Mentres, O Pereiro (A Mezquita), Carballo (Carballo), A Granxa (Oímbra), Santa Baia (Maceda) e Pontellas (O Porriño) son as que rexistraron un maior número de incendios nos últimos cinco anos, con ao redor de 350 en total.

O 2018 foi un ano de pouca superficie queimada en Galicia, con 2.618 hectáreas, moi lonxe do dato de 2017, unhas 62.000, das que 50.000 arderon na gran vaga de incendios de outubro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.