O monte galego xa ardeu máis en tres meses que en todo 2018, o segundo mellor ano da serie histórica

Bombeiros forestais a traballar na extinción do incendio de Dodro e Rianxo o 26 de marzo de 2019 CC-BY-SA Brif Laza

O ano 2018 foi o segundo mellor para Galicia en termos absolutos da serie histórica que dende 1976 recompila datos da superficie ardida en incendios forestais. A información que vén de ser divulgada polo Ministerio de Agricultura a partir das cifras fornecidas polas comunidades autónomas indica que o pasado ano arderon nos montes galegos un total de 2.618,09 hectáreas. Son apenas 600 máis que no que ata agora era o ano coa superficie ardida máis baixa da serie, o 2014. E, obviamente, moitas menos que as case 62.000 que arderon en 2017, unhas 50.000 delas na gran vaga de incendios de outubro de aquel ano.

En todo 2018 arderon 2.618 hectáreas, pero os incendios divulgados por Medio Rural ata abril suman 2.863 nun balance total que realmente é de máis de 3.600, segundo admitiu o conselleiro no Parlamento

Pero 2018 semella que vai ficar polo momento en excepción, como sucedera con 2014. Non en van, no primeiro trimestre de 2019 o monte galego xa ardeu máis que en todo 2018. Non en van, a corentena de incendios que a Consellería do Medio Rural accedeu a revelar -en virtude da política informativa vixente dende hai unha década a Xunta non informa en tempo real de todos os focos de lume- dende o 1 de xaneiro suman ata o momento 2.863,42 hectáreas. Pero o propio conselleiro, José González, admitía este mércores no Parlamento que o balance total xa é maior, unhas 3.600 hectáreas en 585 incendios durante o primeiro trimestre.

Os datos de 2018 si se corresponden en maior medida coa tendencia iniciada hai máis dunha década. Galicia rexistra cada vez menor número de incendios, aínda que algúns deles son especialmente virulentos e devastadores. 

Así, o total de focos declarados durante o pasado ano foron apenas 1.400, case 2.000 menos que en 2017. Deste xeito, o número de incendios minguou en termos interanuais un 55% mentres que a superficie arrasada o fixo nun 95% no que semella un exercicio de tregua. 

O incendio de Dodro e Rianxo dispara o balance de 2019

O de Dodro e Rianxo foi o primeiro gran incendio forestal do ano; os seguintes con maior impacto rexistráronse na provincia de Ourense, en Padrenda e Chandrexa de Queixa

Tras o que polo momento é unha paréntese, o monte galego rematou o primeiro trimestre de 2019 regresando á senda habitual. O balance provisional disparouse de vez co incendio declarado a finais de marzo nos concellos de Dodro e Rianxo, que coas súas 1.162 hectáreas de monte queimado nunha zona con abondosas plantacións de eucaliptos tornou no primeiro gran incendio forestal do ano, cualificación que tecnicamente só teñen os incendios superiores a 500 hectáreas e que durante 2018 non se rexistrara en ningún punto de Galicia.

Alén deste incendio na Barbanza os que atinxiron a máis superficie entre os revelados polo Medio Rural situáronse ata agora na provincia de Ourense. En Padrenda arderon a finais de febreiro 225 hectáreas, en Chandrexa de Queixa unhas 175 o pasado 5 de xaneiro; na Mezquita perdéronse 161 hectáreas tamén nos primeiros días do ano e no Barco, 121 hectáreas durante a vaga de marzo.

Os incendios divulgados por Medio Rural dende o 1 de xaneiro foron un total de 33 en aplicación da súa política de non ofrecer información concreta en tempo real dos que non superen as 20 hectáreas agás se afectan a áreas habitadas ou espazos protexidos, así como de non divulgar partes diarios sobre o impacto total do lume durante o período de alto risco. No entanto, o conselleiro si deu en resumir os datos ata finais de marzo en resposta a ás preguntas formuladas este mércores por En Marea e PSdeG.

Nos primeiros tres meses do ano a Xunta só revelou en tempo real 33 incendios; os datos resumidos a posteriori polo conselleiro indican que foron 585 dos que o 77% non superaron a hectárea de superficie

Segundo a información ofrecida á Cámara por José González, Galicia padeceu ata finais de marzo un total de 585 incendios forestais dos que o 77% non superaron a hectárea de superficie afectada e en total xa suman mías de 3.600 hectáreas ardidas, isto é, unhas 800 máis das que suman os incendios dos que a Consellería si informou con detalle durante a súa extinción. O conselleiro estima que case o 80% deles foron "provocados", se ben a hipótese que a propia Xunta manexa para o de maior impacto, o de Dodro e Rianxo, é a dunha faísca dunha torre de alta tensión como primeira orixe das lapas.

Nese mesmo debate parlamentario González defendeu tamén a aposta por incorporar como persoal laboral da Xunta o corpo de bombeiros forestais, aos que o Goberno galego valorará a "experiencia" neste servizo na empresa pública Seaga. A pasada semana, avanza, Medio Rural entregou aos sindicatos "a nova relación de postos de traballo para o dispositivo propio da Xunta de loita contra os incendios forestais, creando así un total de 548 novas prazas. O conselleiro admite que cumpría "optimizar este servizo e reforzar a súa coordinación" e "para iso, é imprescindible incluír a todo o persoal como laboral da Xunta".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.