O que padeceron entre os pasados 26 e 28 de marzo os municipios de Dodro e Rianxo foi o primeiro gran incendio forestal do ano en Galicia, superando amplamente as 500 hectáreas a partir das cales un incendio forestal adquire tal consideración. O balance divulgado pola Consellería do Medio Rural apunta a que na contorna quedaron arrasadas unhas 1.162 hectáreas de monte.
As imaxes captadas por Nós TV amosan as principais características da zona afectada, unha contorna con abondosas plantacións de eucalipto e numerosas áreas poboadas
Unha semana despois de que as lapas fosen apagadas Nós Televisión regresou á área afectada polo incendio. Dende o aire é posible observar con claridade as principais características da zona afectada polo lume, unha contorna con abondosas plantacións de eucalipto entre as que aparecen salferidas áreas poboadas e mais a autovía da Barbanza, que articula toda a comarca.
Unha vez concluídos os traballos de extinción tanto a unidade de Policía adscrita á Xunta como os axentes forestais que actuaron na zona concluíron, tras as correspondentes pescudas, que a orixe do incendio foron "faíscas" procedentes "da instalación de distribución de enerxía eléctrica" nunha torre de alta tensión en Bexo. Esta hipótese, á que xa apuntaran tanto a Xunta como o Concello de Rianxo pouco despois do inicio do lume, é rexeitada pola compañía eléctrica Naturgy -antiga Fenosa-, que nega calquera relación das súas intalacións co acontecido.