O incendio que afecta os municipios de Dodro e Rianxo vai “camiño de estabilizarse e controlarse” logo de que queimase xa unhas 850 hectáreas e pasase a ser o primeiro grande incendio forestal que sofre Galicia – de máis de 500 hectáreas – desde a importante vaga de lume de outono de 2017. A faísca dun cable de alta tensión é manexada como hipótese máis probable da orixe do lume, cuxa estimación de superficie chegou ás 1.120 hectáreas na noite do mércores.
Así o asegura o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, que aclara a Praza.gal que “xa non hai afeccións novas” das lapas e que os traballos, durante esta pasada noite e esta mañá de mércores, céntranse “na área na que xa se fixera actuación, sen saír do perímetro que xa fora afectado”, apagando algúns conatos de reprodución puntuais con medios terrestres e algún helicóptero.
"Respiramos e xa se ve o día", explica o alcalde de Rianxo a Praza.gal na mañá en que xa foi desactivada a alerta de nivel 2 á que obrigara a proximidade das lapas ás casas
“Respiramos e xa se ve o día”, asegura o rexedor, que indica tamén que as clases nos centros escolares que foran desaloxados por precaución reiniciáronse sen complicación ningunha. Tampouco hai ningunha vivenda que fose afectada nin núcleo de poboación ou casa que tivese que ser evacuada, aínda que “por precaución” mantívose o nivel 2 ante o achegado que o lume estivo o martes dalgún lugar da parroquia de Leiro. Na mañá deste mércores foi solicitada xa a desactivación desa situación 2. “Non hai lapas xa, agás nalgún lugar moi concreto onde se actúa de camiño”, explicou Muíños a primeira hora deste mércores.
O alcalde rianxeiro confirma, como xa fixera a Xunta, que a principal hipótese na orixe do lume é a faísca dun cable de alta tensión; o forte nordés e o elevado combustible vexetal provocaron un espallamento moi rápido
O incendio iniciouse á tardiña do pasado luns en San Xoán de Laíño (Dodro). Segundo a hipótese que manexa o Goberno galego, e que confirma o alcalde de Rianxo como xa o martes fixera o vicepresidente Rueda, crese que a causa foi a chispa que ciscou un cable de alta tensión. Como amosa o vídeo gravado por axentes forestais sobre estas liñas, o forte nordés e as condicións do monte con elevado combustible vexetal, provocaron que o lume se espallase axiña até alcanzar Rianxo e arrasar unhas 900 hectáreas. Segundo informou Aemet-Galicia, na zona prevese neste mércores “vento frouxo ata media tarde, aumentando a partir das 18 horas a vento medio de 30-40 km/h do leste/nordeste”.
Na contorna afectada polo incendio existen abondosas plantacións de eucaliptos, pero non só. Como destaca Muíños, hai “moita riqueza forestal” que foi queimada e que atinxe a eucaliptais, piñeiros e monte baixo, pero tamén castiñeiros, carballos ou sobreiras.
Unhas 1.700 hectáreas ardidas en catro días
O de Dodro e Rianxo foi o primeiro gran incendio forestal do ano en Galicia -esta consideración téñena oficialmente os que superan as 500 hectáreas ardidas-, pero non foi o único. Xa durante a fin de semana arderan unhas 150 hectáreas en focos declarados nas provincias de Ourense e Lugo e durante a propia xornada do martes a cifra continuou aumentando.
Os incendios divulgados pola Xunta dende a fin de semana suman unhas 1.700 hectáreas, pero as palabras do propio Feijóo ratifican que Medio Rural continúa sen ofrecer información sobre todos os incendios
En total, os incendios divulgados dende a Consellería do Medio Rural dende a fin de semana do 23 ao 24 de marzo sumaban a últimas horas deste mércores arredor de 1.700 hectáreas. Inclúense neste cómputo os incendios coñecidos este martes no Barco de Valdeorras, Mañón ou Calvos de Randín, que "entrou por Portugal" e atinxiu ao parque do Xurés.
Así e todo a ducia de incendios comunicados oficialmente dende Medio Rural non son, nin de lonxe, todos os que se declararon nos montes galegos. O propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, admitía este mércores a efectos prácticos que o seu Goberno continúa aplicar as restricións informativas sobre os incendios que implantou hai dez anos. Non en van, durante a sesión de control no Parlamento o presidente afirmaba este mércores que durante a xornada do martes os efectivos contra incendios tiveran que intervir en "39 lumes", pero a Xunta non informou nin da metade deles.