Entre 2001 e 2014 houbo en Galicia 87.367 incendios de máis dunha hectárea, o 39% de todos os que se produciron no conxunto de España. en total, arrasaron unha superficie de 370.000 hectáreas (o 24% de todo o queimado no Estado). Estamos a piques de entrar no verán, o período do ano no que habitualmente teñen lugar os incendios máis virulentos. Un bo momento para repasar as características e a localización do lume, botando man dos datos achegados polo proxecto España en Llamas da Fundación Civio, unha investigación financiada a través dunha campaña de crowfunding que entre 2011 e 2014 foi quen de recoller e publicar unha información moito máis detallada que a publicada polo Goberno central.
Grazas á súa investigación podemos hoxe localizar concello a concello todos os incendios rexistrados nese período 2001-2014, para ver por exemplo como só 15 concellos concentran o 25% das hectáreas queimadas en Galicia (91.126 das ao redor de 370.000). Trátase de Manzaneda, Cerdedo, Viana do Bolo, Cualedro, Laza, A Gudiña, Carballeda de Valdeorras, Chandrexa de Queixa, Quiroga, Pazos de Borbén, Avión, Vilariño de Conso, Carnota, Vilardevós e A Mezquita. 11 dos 15 sitúanse na provincia de Ourense. Se sumamos as superficies queimadas nos 40 concellos máis afectados polo lume, o resultado é que esas 40 localidades concentran ao redor da metade das hectáreas ardidas.
Se en lugar de analizar a superficie queimada, ollamos para o número de incendios, vemos como neste caso son A Cañiza, Viana do Bolo, Muíños, Manzaneda, A Gudiña, As Neves, Mondariz, A Mezquita, Salvaterra de Miño, Ribeira, A Pobra de Trives, Chandrexa de Queixa, Santa Comba, Boiro e Ponteareas as primeiras localidades da lista. De novo, cunha clara maioría ourensá, pero con maior presenza de concellos das provincias de Pontevedra e A Coruña, sobre todo do Barbanza e do Baixo Miño.
Os datos oficiais do Ministerio analizados por España en llamas recollen que o 80,2% dos incendios que se produciron en Galicia neste período foran provocados, unha porcentaxe moi superior á media española (55,89%) e á que só se achega Cantabria (79,7%), ficando o resto de comunidades autónomas moi por detrás: A Rioxa (50,9%), Castela e León (50,2%), Estremadura (47,6%), Asturias (40,3%) ou País Vasco (38,2%), descendendo por debaixo do 25% en Cataluña, Madrid, Navarra ou Aragón.
Cruzando os datos da superficie queimada en cada concello con outras variables, podemos observar unha certa correlación positiva entre a perda poboacional e o envellecemento dos seus habitantes e unha maior cantidade de espazo afectado polo lume. Tendo en conta, iso si, que correlación non equivale a causalidade e que o carácter rural e previamente despoboado dun concello pode determinar unha maior incidencia do lume máis que a propia evolución demográfica.
As gráficas amosan que os concellos que entre 2001 e 2014 perderon máis poboación (coeficiente de correlación de 0,2132), víronse nese tempo máis afectados polo lume. E o mesmo sucede con aquelas localidades máis envellecidas, cunha maior media de idade dos seus habitantes (un fenómeno ligado directamente á perda poboacional), cun coeficiente de correlación de 0,1962.