O nordés acelera a primeira vaga de incendios do verán

Incendio en Monforte de Lemos © @incendiosgalic1

O forte vento do nordés que azouta Galicia, especialmente a costa atlántica e as zonas de montaña, está a acelerar a primeira vaga de incendios deste verán. Varios focos importantes permanecen activos, preocupando moito os que afectan a Porto do Son, onde arderon xa 80 hectáreas, e sobre todo outro en Monforte, con 350 arrasadas, xa que en ambos casos o lume sitúase moi preto das casas.

Son, como pouco, 500 as hectáreas arrasadas nas últimas horas en Galicia por un lume favorecido polo vento pero tamén polo tempo seco que afectou case todo o país. O nordés, segundo as previsións meteorolóxicas, continuará a soprar con forza este xoves. 

O incendio en Monforte arrasou en poucas horas 350 hectáreas e obrigou a cortar varias estradas e a desaloxar varios veciños

Ante a proximidade das lapas a núcleos de poboación en Porto do Son, a Xunta solicitou a intervención a Unidade Militar de Emerxencias (UME) nun incendio activo desde as 6.15 da mañá.

O lume iniciouse na parroquia de Miñortos e alcanzou a de Goiáns, pola parte superior do núcleo urbano de Portosín, aínda que polo momento non foi necesario desaloxar ningún veciño. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou estar "preocupado" por un incendio que, segundo di, "non é accidental, senón interesado". 

Vivendas afectadas polo incendio en Monforte © Brif Laza

Outro incendio máis, en Monforte, avanzou moi rapidamente cara a núcleos poboados, incluída a zona urbana, e preocupa moito aos efectivos que traballan na súa extinción. "Vai moi directo ás casas e moi rapidamente", aseguraban xa a primeira hora da tarde desde un lugar no que traballan varios medios aéreos e onde xa foron arrasadas 350 hectáreas en poucas horas. 

Varias estradas tiveron que ser cortadas, entre elas o corredor que comunica Monforte e Lalín, e o lume afectou numerosas parroquias, onde brigadas asturianas e de León uníronse aos efectivos galegos que traballan na extinción. As lapas obrigaron a desaloxar varias persoas en diversos lugares, especialmente cando se foron dirixindo cara ao límite deste concello co de Pantón, pola zona de Mañente. "A situación é dramática", recoñeceu o alcalde desta localidade, José Luís Álvarez. 

Incendios tamén en Cenlle e Lobeira

Ademais, permanece activo desde as sete da tarde do pasado mércores un incendio no concello ourensán de Cenlle, na parroquia da Barca de Barbantes. O lume, xa estabilzado, arrasou xa 40 hectáreas e na extinción das lapas traballan 2 técnicos, 8 axentes, 28 brigadas, 15 motobombas, 1 pa, 6 helicópteros e 7 avións. O foco provocou mesmo problemas na estrada A-52 que une Vigo e Ourense. 

Os incendios en Cenlle e Lobeira queimaron xa máis de 60 hectáreas

Na mesma provincia, no concello de Lobeira, outro incendio declarouse tamén na mañá deste xoves, segundo informa Medio Rural e as brigadas que actúan contra un lume que queimou xa arredor de 30 hectáreas. Está estabilizado e no lugar levan traballado 3 axentes, 9 brigadas, 5 motobombas, 1 pa, 5 avións e 5 helicópteros

Alén disto, outros incendios afectaban varias localidades como Noia, Lousame ou Boiro durante esta mañá, oito en total na comarca do Barbanza. Á tarde, outros pequenos focos foron prendendo noutras localidades galegas, como no Porriño, onde as lapas obrigaron a cortar un carril da A-55 cara a Vigo.  

A Xunta advertía xa a primeira hora da mañá de que boa parte do país atópase en risco extremo de incendio polas altas temperaturas e os fortes refachos de vento. Feijóo, na súa comparecencia tras o Consello da Xunta, recoñeceu que Galicia vive "días complexos" polos incendios pero destaca que operativo galego antiincendios é "o mellor de España". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.