A vaga de incendios remite ao amainar o nordés tras máis de 1.000 hectáreas ardidas

Vista da área afectada polo incendio de Oleiros (Ribeira), esta fin de semana CC-BY-SA Brif Laza

Coma sempre dende hai unha década, calquera balance de hectáreas ardidas nos montes galegos é provisional ata a primavera do ano seguinte, cando o Ministerio de Agricultura e a Xunta divulgan as cifras oficiais da campaña de incendios do ano anterior. Partindo desta base, forzada pola política informativa do Goberno galego, a vaga de incendios iniciada a pasada semana comeza a remitir ao amainar o vento do nordés que contribuíu a impulsala, aínda que o risco de incendio segue a ser "extremo" na metade sur do país. 

A política informativa da Xunta provoca que os balances de hectáreas ardidas no conxunto de Galicia sexan, necesariamente, provisionais e incompletos ata o ano seguinte

Atendendo á información que a Consellería do Medio Rural si revelou, esta vaga de incendios foi menos destrutiva que a anterior deste ano, a da primavera, que roldou as 3.000. Desta volta as cifras reveladas polo departamento gobernamental roldan as 1.100 hectáreas en algo menos dunha decena de incendios comunicados oficialmente en aplicación da devandita política informativa, segundo a cal só fan parte dos balances oficiais os incendios superiores a 20 hectáreas e, por baixo desa superficie, os que afecten a áreas habitadas ou zonas protexidas.

O incendio máis destrutivo da vaga é o de Monforte, extinguido a últimas horas do luns, con case medio milleiro de hectáreas ardidas

Partindo de todos estes condicionantes o incendio máis destrutivo desta vaga de incendios é o que tivo a súa orixe na parroquia monfortina de Seoane e que catro días despois do seu inicio aínda non puidera ser extinguido, aínda que si controlado. A superficie de hectáreas ardidas neste incendio, que se expandiu ao concello veciño de Pantón, achégase ao medio milleiro. Quedou extinguido a últimas horas do luns, 9 de setembro.

O seguinte en superficie afectada foi o que comezou na parroquia de Oleiros, en Ribeira, dado por extinguido este luns con 197 hectáreas ardidas. Pola súa banda, o incendio que ardía tamén dende a pasada semana no concello ourensán de Lobeira, dentro do parque do Xurés, cunhas 150 hectáreas ardidas foi dado por extinguido este luns. Tamén atinxiu a este espazo protexido outro incendio de apenas 10 hectáreas, neste caso dentro do concello de Muíños.

Fisterra, Porto do Son, Cenlle ou Zas completan este balance provisional da principal vaga de incendios deste verán do 2019 en Galicia. Así e todo, só unha ollada aos focos revelados por axentes e bombeiros forestais ou mesmo por concellos afectados -a través das redes sociais e outros medios- amosa ás claras que os medios de extinción tiveron que actuar en moitos máis focos, a maioría de dimensións relativamente pequenas. 

Traballos de extinción en Oleiros (Ribeira) o 7 de setembro CC-BY-SA Brif Laza

Bombeiros e axentes forestais e mesmo concellos revelan incendios que non se atopan na información oficial da Xunta, que si divulgou fotografías de "artefactos incendiarios localizados" polos servizos de extinción

Foi o caso, só nos últimos tres días, de concellos coo Rodeiro, Silleda, Castro de Rei, Culleredo, Ribas de SIl, Marín, Guitiriz, Xermade ou Allariz, entre outros. O mesmo sucede se a fonte consultada son medicións mediante ferramentas frecuentemente utilizadas por persoas expertas na materia.

Mentres, por parte da Xunta a mensaxe central continúa a ser a da necesidade de "intensificar a loita contra a actividade incendiaria" xa que, mantén Medio Rural, a maioría dos incendios desta vaga foron provocados. Para reforzar esta idea a Consellería decidiu distribuír entre os medios fotografías "dalgúns dos artefactos incendiarios localizados polos profesionais" dos servizos de extinción "nalgúns dos lume rexistrados nos últimos días en Galicia".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.