As previsións cumpríronse e o tempo seco e o forte vento continúan favorecendo a propagación de incendios en Galicia. As hectáreas queimadas no país polo lume desde o pasado mércores superan xa as 1.000, tendo en conta a afectación da que informa a Xunta (só daqueles fogos que superan as 20 hectáreas) e a dos focos máis pequenos dos que advirten as brigadas de extinción.
A primeira hora da tarde deste sábado, eran sobre 1.100 as hectáreas queimadas nesta primeira vaga de incendios do verán, segundo os datos facilitados pola Consellería do Medio Rural. Aos incendios dos últimos dous días uniuse un activo desde as 11 da noite do venres na parroquia de Oleiros, en Ribeira, e que tamén afecta o veciño municipio de Porto do Son, onde pola noite as lapas puxeron en perigo varias casas que quedaron rodeadas.
Aos incendios dos últimos días uniuse un activo desde as 11 da noite do venres en Ribeira, que queimou xa 150 hectáreas e cercou casas en Porto do Son
Segundo as últimas estimacións, o lume, que "evoluciona favorablemente", afecta unha superficie de arredor de 175 hectáreas e na súa extinción traballan 15 axentes, 29 brigadas, 16 motobombas, 2 pas, 9 helicópteros e 4 avións, así como efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME). O fume provocado por este incendio mesmo obrigou a interromper o tráfico na estrada AC-550, aínda que foi restablecido pouco despois.
A poucos quilómetros, na outra punto do concello de Porto do Son, ao pé de Portosín, quedou extinguido o incendio que nos últimos días puxo en perigo varias vivendas e que arrasou preto de 90 hectáreas nas últimas horas. Ademais, en Fisterra tamén permanece controlado desde a madrugada do sábado un incendio no Sardiñeiro que queimou arredor de 130 hectáreas.
Pola súa banda, en Monforte de Lemos, no que é o incendio máis grande do que levamos do verán en Galicia, mantéñense controladas as lapas logo de queimar unhas 465 hectáreas desde o xoves á tarde.
Na provincia de Ourense, ademais, os servizos de extinción lograron controlar tamén os incendios que se declararon en Lobeira, dentro do Parque Natural do Xurés, e en Cenelle, na parroquia de Barca de Barbantes. No primeiro deles queimáronse xa 150 hectáreas, mentres que no segundo arderon preto de 96.
O incendio en Monforte, o máis grande no que vai do verán, mantense controlado tras afectar unhas 465 hectáreas
A combinación de altas temperaturas e do forte vento do nordés avivou as lapas dende o interior de Ourense e Lugo ata comarcas costeiras como a do Barbanza ou na Costa da Morte, superando as 980 hectáreas só nos incendios revelados pola Xunta desde a xornada do xoves e, outra volta, poñendo en perigo zonas habitadas.
Ademais dos incendios dos que informa a Consellería do Medio Rural, outros focos máis pequenos prenderon en Muíños (tamén no Xurés e xa extinguido logo de afectar 10 hectáreas), Ribas de Sil, Arteixo, Cangas, Rodeiro ou Viana do Bolo durante as últimas horas.
Ademais, a Xunta informou sobre artefactos incendiarios en varios incendios e de que xa hai sospeitosos sobre o foco que prendeu en Ribeira. Ademais, o conselleiro de Medio Rural, José González, aclara que houbo 16 incendios de noite, cando non podían actuar xa os medios aéreos.
Segundo as previsións do Goberno galego, as condicións meteorolóxicas actuais prorrogaranse durante a fin de semana, polo que o risco extremo de actividade incendiaria manterase "polo menos ata o domingo".