O incendio declarado en Ribeira segue activo tras queimar máis de 170 hectáreas

Superficie queimada polo incendio iniciado en Ribeira © @briftabuyo

A última hora da tarde deste domingo, eran sobre 1.100 as hectáreas que foran arrasadas por esta primeira vaga de incendios do verán, segundo os datos facilitados pola Consellería do Medio Rural. O que se iniciou na parroquia de Oleiros, en Ribeira, e que afectou o municipio veciño de Porto do Son permanece activo pero xa controlado, aínda que cunha "evolución favorable", tal e como indica a Xunta. 

O incendio en Ribeira permanece activo pero xa controlado, aínda que "evoluciona favorablemente" tras queimar xa unhas 175 hectáreas

Queimou xa unhas 175 hectáreas, a falta dun balance definitivo, e no intento de control do lume están mobilizados 23 axentes, 40 brigadas, 24 motobombas, 2 pas, 9 helicópteros e 5 avións, así como efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Controlados, pero aínda sen extinguir, permanecen os incendios  en Monforte de Lemos (o máis importante do que vai de verán, con 465 hectáreas arrasadas) e Lobeira (150 ha), este último rexistrado no Parque Natural do Xurés.

As lapas foron xa extinguidas en Fisterra, logo de que queimasen máis de 134 hectáreas; en Cenlle, cunhas 46 afectadas, e en Zas-Muíño, que afectou, segundo as últimas medicións, 20,9 hectáreas. Ademais dos incendios dos que informa a Consellería do Medio Rural, outros focos máis pequenos prenderon en Ribas de Sil, Boiro, Palas de Rei, Arteixo, Cangas, Rodeiro, Taboada ou Viana do Bolo durante as últimas horas. 

Así, na tarde deste domingo, un incendio forestal declarouse en Culleredo, preto do aeroporto coruñés de Alvedro, afectando monte baixo. Na súa extinción traballan dous axentes, seis brigadas, catro motobombas, unha pa e catro helicópteros. 

Artefacto incendiario atopado nun dos últimos incendios en Galicia © Xunta

Por outra banda, a Xunta informou xa o sábado sobre o achado de artefactos incendiarios localizados por parte dos profesionais do Servizo de Prevención e Defensa de Incendios Forestais de Galicia (SPDCIF) en varias zonas que sufriron incendios e de que xa hai sospeitosos sobre o foco que se ijniciou en Ribeira. Ademais, o conselleiro de Medio Rural, José González, aclara que houbo 16 incendios de noite, cando non podían actuar xa os medios aéreos, o que leva a pensar que foron intencionados. 

Segundo as previsións do Goberno galego, as condicións meteorolóxicas actuais prorrogaranse durante toda a fin de semana, polo que o risco extremo de actividade incendiaria manterase polo menos ata este domingo. 

Principais incendios declarados en Galicia desde o pasado 5 de setembro, segundo as imaxes de satélite do sistema Copernicus recollidos por 'Educación Forestal'. Serían 11 incendios que afectaron máis de 1.200 hectáreas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.