Ata o 13 de setembro 2019 a comunidade autónoma de Castilla y León sufriu 2.202 incendios, a maioría deles de pequena dimensión. Quen o desexe pode repasar a recompilación de partes que divulga a Junta de Castilla y León, podendo obter así unha cifra da superficie ardida. Na Comunitat Valenciana padeceron ata finais de xullo 186 incendios forestais nos que arderon 954,64 hectáreas. Os detalles mes a mes e o acumulado anual pódense consultar nos boletíns que publican dende o seu Sistema Integrado de Xestión de Incendios Forestais.
Gobernos como os de Castilla y León ou a Comunitat Valenciana si ofrecen, malia ás eivas na presentación dos datos, balances globais de todos os incendios que afectan aos seus montes con modelos semellantes ao que rexeu na Xunta entre 2005 e 2009
Son só dous exemplos de dous gobernos de signo político diferente que, malia ás eivas na presentación dos datos e a súa posible reutilización pola cidadanía, informan con precisión dos datos dos incendios forestais que padecen os seus montes, sempre dende a cautela de tratarse de datos provisionais. Son modelos semellantes ao que rexeu na Xunta de Galicia entre 2005 e 2009, substituído dende hai unha década pola política informativa de non dar conta dos incendios forestais inferiores ás 20 hectáreas agás se afectan a zonas habitadas ou ambientalmente protexidas, así como de non divulgar balances totais ata o ano seguinte a cada campaña de incendios.
Esta razón á e que converte calquera balance das hectáreas ardidas nos montes galegos en necesariamente provisional e incompleto. Mostra disto son as dúas vagas de lume da primeira quincena de setembro, que o vento do nordés contribuíu a avivar no comezo do mes e que polo momento deixaron a Monforte e á Gudiña como concellos máis afectados. Dos balances ofrecidos pola Consellería do Medio Rural cabe deducir que van ardidas algo menos de 2.000 hectáreas. No entanto, a información divulgada por concellos, bombeiros forestais, comunidades de montes e mesmo a Policía eleva a cifra total por riba dese limiar.
Con practicamente toda Galicia -agás A Mariña e a Costa da Morte- en risco extremo de incendios, o peor seguía este domingo na Gudiña, onde na tarde do sábado os medios de extinción puideron dar por "estabilizado" -que non controlado- o incendio da parroquia da Barxa que, procedente da outra beira da fronteira con Portugal, afectou a 379,91 hectáreas, segundo Medio Rural, que corrixiu á baixa a superficie inicialmente divulgada, 440 hectáreas.
O incendio da Gudiña atinxiu a unhas 380 hectáreas, superficie un chisco inferior á divulgada por Medio Rural para o de Monforte, onde segundo a Policía en realidade arderon máis de 700
Tamén fan parte desta segunda vaga os incendios en dúas parroquias de Quiroga -Hospital e Enciñeira- con 152 e 50 hectáreas, respectivamente. De menor dimensión son os focos revelados en Riós (60), Chandrexa de Queixa (18) e Palas de Rei (30,8). O balance oficial medrou na xornada do domingo cun incendio en Val do Dubra, que afecta a "unhas 20 hectáreas", indica a Consellería.
Con estes datos na man, os incendios comunicados pola Xunta dende os primeiros días de setembro estarían un chisco por baixo das 2.000 hectáreas. Non obstante, a estimación de Medio Rural para o maior dos incendios, o de Monforte -465 hectáreas- non cadra coa ofrecida pola Policía, que nas primeiras pescudas apunta a traballos agrícolas como orixe do lume. Segundo un comunicado policial, en Monforte realmente arderon algo máis de 700 hectáreas.
Máis de 6.000 no que vai de 2019
Tendo en conta a disparidade de cifras entre Xunta e Policía sobre o incendio de Monforte e agregando, ademais, que numerosos pequenos incendios dos últimos días non foron incorporados aos comunicados oficiais -é o caso, por exemplo, do que a afectou a Louro (Muros) na noite do sábado ao domingo-, é posible afirmar que arderon máis de 2.000 hectáreas no que vai de setembro e unhas 6.000 -posiblemente máis- no que va de ano.
O cálculo total anual é o resultado de sumar o ardido na primeira quincena de setembro cos balances anteriores ao inicio da temporada de alto risco. Así, por exemplo, a mediados de abril o conselleiro do Medio Rural, José González, explicaba tras o incendio que afectou a Dodro e Rianxo -de algo máis de 2.800 hectáreas- que ata mediados de abril xa arderan unhas 3.600 hectáreas no conxunto de Galicia.
Tendo en conta que, malia ser un verán relativamente tranquilo, si houbo algúns incendios máis de importancia -como o que afectou o pasado xullo a Montefurado (Quiroga), de case 150 hectáreas- e moitos outros de menor dimensión non divulgados nin incorporados aos balances oficiais, o total de 6.000 hectáreas superouse con toda probabilidade. Isto supón que xa levaría ardido máis do dobre que en 2018, que fora o segundo mellor ano da serie histórica en superficie afectada por incendios forestais en Galicia.