O sur de Europa é a área do continente que máis sofre os incendios forestais e, de feito, entre os anos 2008 e 2017 o 93% dos incendios de Europa tiveron lugar en países mediterráneos. En Portugal, España, Italia, Francia, Grecia e Chipre quéimanse cada ano entre 300.000 e 450.000 hectáreas de terreos forestais, unhas cifras que son aínda maiores en Galicia e no Norte de Portugal, que combinan os veráns secos propios de todas estas rexións (acrecentados nos últimos anos polo quecemento global) cun rápido crecemento da vexetación no inverno, tanto pola súa maior humidade como pola plantación de especies de crecemento rápido, coma o eucalipto.
A investigación conclúe que naqueles lugares que máis desenvolven sistemas agroforestais e de pastoreo se producen menos lumes que nas áreas de usos exclusivamente forestais ou de mato
Distintos estudos explican que unha das principais claves na prevención dos incendios forestais é a redución do 'combustible' existente nos montes, en forma de árbores ou mato. Un grupo de investigadores e investigadoras, entre as que se atopa a catedrática da USC na EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo, Rosa Mosquera, vén de publicar un traballo na revista Agroforestry Systems no que defenden que as prácticas silvopastorais e agroforestais -é dicir, a combinación de usos agrarios e gandeiros nos montes- poden contribuír a mitigar os efectos dos incendios forestais.
Os sistemas silvopastorais xeran habitualmente máis beneficios que os sistemas de produción baseados unicamente na corta de madeira "cando se inclúe nas análise o risco de incendios"
A investigación compara os rexistros de incendios forestais da última década no sur de Europa e conclúe que naqueles lugares que máis desenvolven sistemas agroforestais e de pastoreo se producen menos lumes que nas áreas de usos exclusivamente forestais ou de mato. A razón é que a combinación de cultivos e monte racha a continuidade das árbores, incrementando a distancia entre elas e reducindo a biomasa presente nos niveis baixos do monte.
O estudo subliña tamén que a presenza de gandaría de pastoreo nos espazos forestais resulta "máis barata" á hora de reducir a vexetación existente baixo as árbores que calquera medio "manual ou mecánico". A presenza do gando achega igualmente nutrintes naturais para os solos. E, finalmente, proporciona unha nova vía de ingresos para os propietarios deses montes, a través de produtos derivados (carne, leite, queixo...) que adoitan ter elevado valor engadido. Neste senso, a investigación cita estudos que amosan como os sistemas silvopastorais xeran habitualmente máis beneficios que os sistemas de produción baseados unicamente na corta de madeira "cando se inclúe nas análise o risco de incendios".
As prácticas agroforestais axudan a conservar a biodiversidade e os solos e contribúen á fixación de poboación no rural
Mosquera, que é coordinadora do grupo de investigación Sistemas Silvopastorais, defende os efectos positivos destas prácticas, habituais noutras zonas da Península Ibérica (por exemplo nas dehesas españolas ou nos montados portugueses), subliñando que non só reducen a biomasa que pode servir de combustible para o lume, senón que melloran a xestión destes espazos, que nos últimos anos veñen sendo vítimas do abandono por mor do despoboamento do rural.
Entre os beneficios derivados das prácticas agroforestais están tamén a conservación da biodiversidade, o maior secuestro de carbono, a redución da erosión dos solos, a protección das correntes de auga e acuíferos, o crecemento máis rápido das árbores e a maior calidade da madeira, e tamén o aproveitamento do territorio e fixación de poboación relacionada coa súa explotación. "Estamos a falar de bioeconomía ou economía circular, un concepto agora en alza e que tamén é de máximo interese cando se tratar de avanzar na loita contra os efectos do cambio climático", explica Mosquera.
Este estudo, cuxas conclusións foron publicadas polo xornal británico The Guardian, é o resultado dun traballo colectivo no que participaron investigadores de universidades e centros de España, Italia, Grecia, Portugal ou Reino Unido, ao abeiro de iniciativas internacionais como Afinet ou Agforward, un proxecto de investigación financiado ao abeiro do sétimo Programa Marco da Unión Europea para a Investigación e o Desenvolvemento Tecnolóxico.
O grupo de investigación Sistemas Silvopastorais da Escola Politécnica Superior (EPS) de Lugo traballa dende hai anos nesta liña, destacando que o emprego de ovellas para o control de especies vexetais no sotobosque resulta tanto ou máis efectivo ca os outros sistemas de limpeza, co valor engadido ademais da diminución do impacto ambiental e da maior rendibilidade económica
"Vivimos nunha área particularmente propicia para os lumes, un mundo combustible conformado nas últimas décadas", explicaba o biólogo ambiental Xavier Vázquez Pumariño nesta entrevista. Tanto en Galicia como en Portugal, a partir dos anos 50, con dúas ditaduras e paisaxes culturais moi similares, impúlsase a forestación con piñeiros daquelas zonas que ata o momento eran pasteiros no monte e/ou cultivos de cereais. A gandería desapareceu -eses milleiros de ovellas e cabras que procesaban o gran crecemento da biomasa-. E as novas fábricas de celulosa crearon a necesidade de empregar o eucalipto" engadía.
A Iniciativa Lexislativa Popular para a defensa do Bosque Autóctono e a Loita contra os Incendios Forestais apostaba tamén pola promoción do pastoreo e a gandería extensiva como elemento natural de roza e prevención de incendios.