O grupo de investigación Sistemas Silvopastorais da Escola Politécnica Superior (EPS) de Lugo, dirixido polo catedrático Antonio Rigueiro, desenvolve un proxecto consistente no emprego de ovellas para o pastoreo nunha plantación de frondosas produtoras de madeira de calidade (neste caso cerdeiras), co obxectivo de comprobar a eficacia do silvopastoreo en comparación coa rozadura química e mecánica, así como para avaliar o impacto sobre o solo e o arborado.
Logo de dous anos de traballos, os resultados son incontestables: o emprego de ovellas para o control de especies vexetais no sotobosque resulta tanto ou máis efectivo ca os outros sistemas de limpeza, co valor engadido ademais da diminución do impacto ambiental e da maior rendibilidade económica que se xera pola redución de custos e o incremento da calidade da produción animal.
“Os beneficios son de todo tipo: para os propietarios dos terreos e dos animais, para o benestar dos propios animais, que son criados baixo as condicións da gandería ecolóxica, para os seus consumidores, e para a sociedade en xeral, xa que evitamos a aplicación de produtos contaminantes"
“Os beneficios son de todo tipo: para os propietarios dos terreos e dos animais, para o benestar dos propios animais, que son criados baixo as condicións da gandería ecolóxica, para os seus consumidores, e para a sociedade en xeral, xa que evitamos a aplicación de produtos contaminantes, a biodiversidade aumenta, a captura de carbono é maior e o risco de incendios diminúe”, explica Antonio Rigueiro.
O único prexuízo detectado polo emprego das ovellas en silvopastoreo nesta plantación de cerdeiras é un pequeno desprendemento de casca na parte baixa do tronco dalgunhas árbores, “pero trátase dunha capa fina moi superficial, polo que estimamos que non supón un dano para as árbores nin terá impacto logo na venda da madeira”, indica o director do grupo de investigación.
Até 500 euros de aforro por hectárea e ano
"Traducido a rendemento económico, a produción animal estímase en 250 euros por hectárea e ano no caso da carga animal máis baixa, e ata 500 euros por hectárea se empregamos oito ovellas por hectárea"
O estudo desenvólvese desde o ano 2010 nunha parcela de máis de 100 hectáreas propiedade da empresa Bosques Naturales e situada no concello coruñés de Boimorto. Para a recollida de datos nesta superficie establecéronse dúas cargas gandeiras diferentes: catro e oito ovellas por hectárea, co obxectivo de comparar os efectos da cantidade de animais destinados a silvopastoreo en parcelas de características similares.
Segundo Antonio Rigueiro, “traducido a rendemento económico, a produción animal estímase en 250 euros por hectárea e ano no caso da carga animal máis baixa, e ata 500 euros por hectárea se empregamos oito ovellas por hectárea. Ademais, hai que considerar o aforro que supón prescindir do uso de herbicidas, que pode ter un custo aproximado de 200 euros por hectárea e ano, considerando o custo do produto e a man de obra para aplicalo”.
Para a obtención de resultados, a investigación, da que tamén é responsable a profesora da EPS María Rosa Mosquera Losada, analiza parámetros coma a biomasa de raíces, a acidez do solo (que resulta máis elevada nas zonas sen pastoreo) e o seu contido en elementos como fósforo, potasio, magnesio ou calcio. Tamén se recollen as variables de produción de pasto e a súa calidade, así como o crecemento en altura e diámetro do arborado.
O silvopastoreo do sotobosque en zonas de plantación de especies arbóreas pode realizarse tamén con outras especies ademais das ovellas, como cabras, vacas, cabalos ou mesmo porcos
O silvopastoreo do sotobosque en zonas de plantación de especies arbóreas pode realizarse tamén con outras especies ademais das ovellas, como cabras, vacas, cabalos ou mesmo porcos, dependendo do tipo de cuberta vexetal do sotobosque: “Cabalos e cabras funcionan moi ben en pasto leñoso, mentres que as ovellas e as vacas adáptanse mellor ao pasto herbáceo. No caso das cabras, só son recomendables con eucalipto, ou con outras especies cando se trata de árbores adultas e a casca do tronco xa está engrosada. Tamén temos experiencias moi positivas con porcos en soutos de castiñeiros”, explica Antonio Rigueiro.