Os adolescentes que xogan fútbol federado teñen máis risco de apostar

Rapaces xogando ao fútbol © Bicanski

Un estudo con 728 estudantes de ESO de Galicia alerta da maior incidencia deste hábito negativo e ilegal nestes nenos e mozos en relación aos que practican outros deportes ou ningún. O traballo fai un chamamento á prevención das apostas nos clubs deportivos e as escolas de fútbol

En España está prohibido que os menores de 18 anos aposten. Porén, a realidade é que moitos adolescentes -principalmente varóns- realizan apostas con diñeiro en Internet e unha parte sofre importantes problemas, presentes e futuros, por esta práctica. O pasado ano a Enquisa de diagnose da convivencia escolar publicada pola Xunta alertou de que máis do 10% dos alumnos de ESO (entre 12 e 16 anos) recoñecían ter apostado na rede. Así mesmo, os últimos datos do Observatorio Español das Drogas e as Adiccións indican que o 24,4% dos estudantes de 14 a 18 anos participou en xogos de apostas con diñeiro durante o último ano.

Hai moitos factores que favorecen a caída dos nenos e mozos neste hábito, pero agora unha estudo levado a cabo por un equipo de investigadores das universidades de Vigo, Miguel Hernández de Elche (UMH) e Internacional de Valencia afonda na incidencia da práctica do fútbol federado, que favorecería esta conduta de risco. 

No traballo, publicado na revista científica International Gambling Studies, participaron 728 estudantes de Educación Secundaria Obrigatoria de Galicia e nel destácase a necesidade de incorporar a prevención das apostas nos clubs deportivos e as escolas de fútbol.

Manuel Isorna, profesor da UVigo © UVigo

“Os adolescentes federados en fútbol presentan unha frecuencia de xogo significativamente maior, unha intención máis elevada de realizar apostas e maiores puntuacións nos indicadores de xogo problemático”, sinalan

Na investigación comparáronse tres grupos: adolescentes non federados, federados en fútbol e federados noutras disciplinas deportivas (como baloncesto, natación, voleibol, balonmán e atletismo). 

No traballo analizouse a relación entre a práctica deportiva e as condutas de apostas en adolescentes. Os resultados sinalan que “os adolescentes federados en fútbol presentan unha frecuencia de xogo significativamente maior, unha intención máis elevada de realizar apostas e maiores puntuacións nos indicadores de xogo problemático”. En cambio, non se atoparon diferenzas significativas entre os mozos que practicaban outros deportes federados e os que non estaban federados.

Manuel Isorna, investigador da UVigo, sinala que “o problema non é o fútbol como actividade deportiva, senón a progresiva normalización das apostas dentro da cultura futbolística"

Os investigadores subliñan que “o estudo identifica asociacións, pero non permite establecer que practicar fútbol provoque directamente condutas de apostas. Non obstante, os seus resultados contribúen a identificar contornas prioritarias para desenvolver estratexias preventivas". Os autores propoñen desenvolver intervencións dirixidas a adolescentes, adestradores e familias que permitan identificar os riscos asociados ás apostas, cuestionar a crenza de que os coñecementos futbolísticos garanten ganancias e previr a presión do grupo.

A adolescencia, lembran os investigadores, “constitúe unha etapa especialmente sensible á influencia de iguais, á procura de emocións e á percepción de que as apostas constitúen unha actividade habitual e carente de riscos”.

Por parte da UVigo participou no traballo Manuel Isorna, profesor titular do Departamento de Análise e Intervención Psicoeducativa da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense e director do Mestrado en Prevención e Abordaxe Multidisciplinar das Drogodependencias e Condutas Aditivas da UVigo.

Adolescentes usando un teléfono móbil CC-BY-SA Pxhere

“As retransmisións, as redes sociais, os prognosticadores deportivos ou tipsters e os contidos promocionais contribúen a presentar as apostas como unha prolongación natural da afección ao fútbol”, apuntan

Isorna subliña que o obxectivo “non é desincentivar a práctica do fútbol, que achega numerosos beneficios físicos, psicolóxicos e sociais, senón evitar que a paixón por este deporte se converta nunha porta de entrada ás apostas”.

O investigador da UVigo sinala a este respecto que “o problema non é o fútbol como actividade deportiva, senón a progresiva normalización das apostas dentro da cultura futbolística. Cando apostar se presenta como unha forma de demostrar coñecementos deportivos, compartir emociones ou participar no espectáculo, desdebúxanse as fronteiras entre gozar do deporte e xogar diñeiro”.

A contorna dos equipos tamén podería desempeñar un papel importante, lembrando os autores do traballo como “durante a adolescencia, o sentimento de pertenza ao grupo e a influencia dos compañeiros favorecen a adopción de comportamentos considerados normais ou socialmente aceptados”

Os investigadores chaman a atención, neste senso, sobre a crecente presencia das apostas no universo futbolístico. “As retransmisións, as redes sociais, os prognosticadores deportivos ou tipsters e os contidos promocionais contribúen a presentar as apostas como unha prolongación natural da afección ao fútbol”, apuntan. 

A contorna dos equipos tamén podería desempeñar un papel importante, lembrando os autores do traballo como “durante a adolescencia, o sentimento de pertenza ao grupo e a influencia dos compañeiros favorecen a adopción de comportamentos considerados normais ou socialmente aceptados”. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.