O volume de perdas da cidadanía en xogos de azar e apostas, condicionado por feitos como que en 2022 o Gordo de Nadal caeu en Vilalba, volve a niveis previos á pandemia
As perdas da cidadanía galega en xogos de azar e apostas recuperaron o pasado ano niveis previos á pandemia de 2020, con 535 millóns de euros de diferenza entre o gastado e os premios obtidos, un 6,4% máis que no ano previo. Así o reflicten as cifras de Cejuego, patronal de empresas de xogo, que este martes presentou o seu balance de 2024. Unhas cifras nas que non se computa o xogo en liña pola imposibilidade de atribuílo a un territorio concreto.
As cifras de perdas en xogos de azar e apostas vense afectadas polo propio azar ou sorte, de xeito que en 2022, cando o Gordo da Lotaría de Nadal caeu en Vilalba, a diferenza entre o gastado no xogo e o gañado en premios foi moito máis reducida que outros anos. Pero máis alá desas circunstancias, e da paralización do xogo presencial que supuxo en 2020 a pandemia, as cifras de xogo e perdas en Galicia mantéñense cunha lixeira tendencia ascendente.
Se en 2023 galegos e galegas xogaran 1.434 millóns e perderan 503 millóns, o pasado ano xogaron cen millóns máis, 1.535, e perderon uns 30 millóns máis. Máis alá das oscilacións, en Praza.gal analizamos o pasado ano o sector do xogo no país concluíndo que cada galego ou galega maior de idade perde de 120 a 250 euros ano ano.
As Lotarías e Apostas do Estado, con 900 administracións en toda Galicia, supoñen case a metade das perdas da cidadanía, uns 250 millóns
O informe do último ano reflicte que as Lotarías e Apostas do Estado seguen sendo o principal foco de perdas, con preto da metade do total, uns 250 millóns de euros. Por detrás, as máquinas comecartos na hostalería supuxeron o pasado ano perdas por 131 millóns de euros e os xogos da ONCE 70 millóns, rexistrándose nos dous casos lixeiras repuntas tras anos previos de estancamento. Unhas perdas que hai que contextualizar co dato de que en Galicia hai un bar con comecartos por cada 370 persoas e máis de 900 administracións de lotaría e 700 vendedores da ONCE.
Canto aos bingos, dos que hai unha ducia en toda Galicia e que nos últimos anos veñen sendo beneficiados de xeito reiterado con rebaixas de impostos polo Goberno galego co argumento do PP de que eran un sector en risco de desaparecer, as perdas neles -tanto no propio xogo do bingo como nas máquinas neles existentes- rexistraron un novo lixeiro aumento de 17,6 a 17,9 millóns de euros.
As cifras de 2024 aínda non contabilizan a apertura este 2025 do cuarto casino de Galicia, en Santiago
No que respecta aos casinos, as súas cifras mantéñense estables en 2024. Foi neste 2025 cando abriu en Santiago o cuarto casino de Galicia, tras os da Toxa, A Coruña e Vigo.
A estas cifras de perdas da cidadanía hai que engadir o dato, revelado hai uns meses polo Ministerio de Consumo, de que o pasado ano se impuxeron en Galicia 76 sancións por xogos de azar, 8 delas moi graves.