A Xunta manterá rebaixas de impostos aos bingos por terceiro ano co argumento do que lles afectou a pandemia

Números dun xogo do bingo © Confederación Española de Empresarios del Juego del Bingo

O Goberno galego reformula as rebaixas de impostos ao xogo que aplicou nos dous últimos anos e decide que sigan beneficiando aos bingos, ao tempo que na nova lei do xogo introduce a obriga de comunicación previa para os bingos populares

Tras permitir que durante as restricións máis duras da pandemia todo tipo de establecementos de xogo mantivesen horarios máis flexibles que outros sectores, a finais de 2020 a Xunta introduciu nos seus orzamentos para 2021 unha rebaixa de impostos para axudalos a “paliar” os efectos da Covid-19 sobre as súas contas. Nos orzamentos de 2022 o Goberno galego mantivo as rebaixas reformuladas. 

Agora, sen restricións de ningún tipo desde hai meses nese e en todo tipo de sectores económicos, a Xunta manterá unha bonificación específica de impostos aos bingos co argumento da “situación pandémica vivida, que incidiu directamente no sector do xogo de xeito importante e provocou o peche dalgúns locais nos que se desenvolve o xogo”.

Rueda nun encontro da patronal do xogo en outubro de 2020 CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

Nos orzamentos de 2021 a Xunta permitiu que nas autoliquidacións do imposto do xogo que deben presentarlle as empresas se rebaixasen o 20% do que deberan pagar en todo 2020 no caso dos casinos e bingos e o 30% do que deberan pagar no terceiro e cuarto trimestre do ano no caso das máquinas ou aparellos automáticos de xogo. Ademais, se o que debían pagar na súa primeira autoliquidación de 2021 non chegaba á contía que a Xunta lles permitía aforrarse, contemplaba que puidesen repartir o que lles restase da bonificación nas seguintes autoliquidacións ata esgotala. A Xunta estimou en 3,67 millóns de euros o que deixou de ingresar por aquela medida.

A Xunta prevé recadar en 2023 53 millóns de euros polos impostos ao xogo, cinco menos que o previsto para este 2022

Nos orzamentos de 2022 a Xunta reformulou a rebaixa de impostos, que pasou a enfocarse nas máquinas de xogo, cunha bonificación da cota do primeiro trimestre de 2021 do 46% para as instaladas en casinos, bingos, salóns de xogo e tendas de apostas e do 33% para as instaladas noutros establecementos, como a hostalaría. 

E agora, nos orzamentos de 2023, a Xunta decide focalizar no xogo do bingo as súa axuda ao sector, de xeito que os bingos electrónicos só terán que pagar o 30% do imposto que lles corresponda e o resto de bingos o 50% en xeral ou o 30% “en cada período impositivo no que mantivera o emprego con respecto ao período anterior”.

Se nos orzamentos de 2020, antes de que aparecese a pandemia, a Xunta agardaba recadar 62 millóns de euros aquel ano a través dos impostos do xogo, en 2021 foron 56,4 millóns, en 2022 58,6 millóns e en 2023, coa nova rebaixa aos bingos e malia a desaparición das restricións, calcula recadar 53,4 millóns. Serán cinco millóns menos que o ano anterior e case nove millóns menos que antes da pandemia. 

A decisión de manter a rebaixa de impostos dun ou doutro xeito aos bingos por terceiro ano consecutivo co argumento do efecto que tivo sobre eles a pandemia chega ao tempo que a Xunta vén de remitir ao Parlamento unha nova lei do xogo. A norma obrigará a que asociacións de todo tipo ou residencias de maiores que organicen bingos sociais ou populares teñan que comunicalo oficialmente para facilitar que a Xunta comprobe os límites que lles impón de catro sesións ao mes nas que as cantidades xogadas e os premios outorgados non superen os 300 euros por sesión.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.