Y nos dieron la una, las dos y las tres... en el Casino, titulaba 'Faro de Vigo' o pasado setembro. Casinos y bingos, la alternativa al ocio nocturno en pandemia en A Coruña, recollía este mesmo xoves Radio Coruña. O peche de pubs e discotecas e as restricións horarias para os bares, que deben pechar á unha madrugada por mor das restricións para evitar contaxios do coronavirus, provocou que nos últimos meses parte da clientela destes locais ollase cara ás casas de apostas, os casinos ou os bingos, que poden seguir pechando ás catro da madrugada, como alternativa de lecer nocturno, máis aínda tendo en conta que estes locais tamén serven bebidas.
O responsable de Interior da Xunta desbota a proposta do PSdeG, que pide que casinos, bingos e locais de apostas teñan, "polo menos, a mesma limitación" no horario de peche pola COVID-19 que os bares
O que nas últimas semanas pasou de ruxerruxe nalgunhas vilas e cidades a reivindicacións formais de colectivos de hostaleiros -e tamén de persoas afectadas pola ludomanía, como as agrupadas na asociación Agalure- chegaba este xoves ao Parlamento. Foi a través dunha iniciativa do deputado do PSdeG Julio Torrado, que instou a Xunta a aclarar as razóns polas que non restrinxe estas actividades de xogos de azar durante a pandemia, "polo menos, coa mesma limitación" que a que teñen os bares. O Goberno galego, na súa resposta, aclarou que non ten previsto facelo.
"Chegada a unha da mañá, cando non poden estar en máis locais de lecer", parte da clientela "acaba en locais de apostas, casinos, bingos", advertiu Torrado, que bota en falta unha "decisión nidia" do Goberno para limitalas. En representación da Xunta, o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, defendeu que estes locais xa están restrinxidos dabondo, mesmo "máis" que os bares.
A Xunta defende que estes locais non se "equiparan, en ningún aspecto" con pubs ou bares porque non hai "interacción entre usuarios", ofrecen "actividades individuais" e o consumo de bebidas é só unha "actividade complementaria" á do xogo
Nesta liña, xustificou, así como os peche de pubs e discotecas (pactado entre o Goberno de España e as comunidades autónomas) non foi polo seu "horario, senón pola súa actividade", esta "non se equipara en ningún aspecto cos establecementos de xogo". Entre outros aspectos, defendeu, porque en locais de apostas ou bingos non existe "interacción entre usuarios" e ofrecen "actividades individuais" que "se poden realizar en todo momento" mantendo a "utilización de máscara", a "hixiene de mans" e a "distancia de seguridade en todo momento".
A impresión do alto cargo da Xunta non é compartida polo deputado socialista. Os locais de xogo "poden abrir máis que os locais de ocio [nocturno]" e están tendendo a "equipararse cos locais de ocio" porque "se á unha hai que saír dun local, pódese seguir tomando algo nun local de apostas", onde "o cumprimento da normativa -advertiu- é laxo". Pero para o responsable de Interior, esta non é a realidade. "A xente non vai consumir aí habitualmente", asegura, porque o servizo de bebidas é só unha "actividade complementaria" á do xogo.
O parlamentario do PSdeG, defendeu Villanueva, non debera "olvidar" que "deste tipo de negocio viven 1.800 familias". "Poderiamos pechalas e dicir que esas 1.800 familias acudan a eses ERTE", zanxou na defensa dun sector "tremendamente regulado, o máis regulado que existe". En Galicia, segundo cifras da Xunta, operan dous bingos, 11 casinos, 40 locais de apostas e 116 salóns de xogo. Un dos casinos que non é contado como tal é o situado no centro comercial da Laxe, en Vigo, xa que legalmente, en virtude dunha reforma legal promovida polo Goberno galego, é considerado unha "sala" do casino da Toxa.